Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Convivindo con Díaz Castro

jueves, 27 de junio de 2013
Hai uns días soubemos que o vindeiro 2014 o Día das Letras Galegas estará dedicado ao escritor Xosé María Díaz Castro (O Vilariño, Os Vilares, Guitiriz, 19-2-1914 — Lugo, 2-10-1990). A súa candidatura tivo maior fortuna que a doutros autores tamén merecentes da homenaxe, como o sabio don Ricardo Carballo Calero, o magnífico poeta Fiz Vergara Vilariño e o asombroso polígrafo Xosé Filgueira Valverde, candidaturas formalizadas ás que aínda habería que sumar as do destacado narrador e senlleiro exiliado Ramón de Valenzuela e o cómpito ensaísta e historiador Francisco Vales Villamarín, nomes aos que moi ben puideron terse engadido o das inmensas poetas e narradoras Xela Arias e Luísa Villalta, por tod@s nós lembradas e admiradas.

Toda vez que xa é pública a noticia, non podo menos que congratularme publicamente pola mesma, pois son moitos os anos de camiño andado ao pé da vida e obra do autor, polo que dende sempre sentín fonda admiración e interese.

O meu primeiro contacto como estudoso da obra Díaz Castro (DC) remóntase a fins de 1995. Andaba eu daquela preparando unha análise integral de Nimbos, pois consideraba que, logo de moitas e moi valiosas análises previas que foran deitándose ao longo de décadas, aínda precisabamos dun traballo monográfico que condensase todas esas achegas e as completase. O resultado da investigación viu luz nos primeiros do ano seguinte no longo artigo ”Unha aproximación a Nimbos de Xosé Mª Díaz Castro”, que publiquei no número doce da Revista Galega do Ensino, unha versión complementaria do cal incluín un ano despois en ”Luces e contraluces na poesía de Xosé María Díaz Castro”, análise inserida nas Actas do I Congreso Internacional “Adquisición e aprendizaxe das linguas segundas e as súas literaturas” que organizara a USC.

Paralelamente a aqueles primeiros traballos de mediados dos noventa, fun dando conta como crítico literario das novidades que sobre o autor se publicaban. Así, recibín dende as páxinas de A Nosa Terra (28-3-1996) a monografía A ascensión dun poeta, de Alfonso Blanco, e, pouco despois, a tradución ao catalán de Nimbos por Vicent Berenguer, á que saudei en Grial (139, 1998).

A esas alturas, tiña decidido xa que DC merecía toda a miña atención, así que non tardei en acometer outras empresas, como analizar os antecedentes (éditos e inéditos) de Nimbos, o que levei a cabo en 1999 co artigo “A poesía de Xosé María Díaz Castro: prehistoria de Nimbos”, recollido no colectivo Cinguidos por unha arela común. Homenaxe ó Profesor Xesús Alonso Montero. E tamén porfiei en demostrar que había outros DC amais do do incomparable Nimbos, así que puxen aquilo por escrito no 2001 en “Xosé María Díaz Castro: moito máis que Nimbos”, unha panorámica publicada na revista Casa da Gramática.

Inevitablemente, fóronme interesando diversos outros aspectos concretos da produción diazcastriana, aos que me dediquei con azos renovados dende aquela. Poño por caso, a súa practicamente descoñecida poética de Preguera, que exhumei tamén no 2001 no traballo “Xosé María Díaz Castro, poeta de preguerra”, aparecido na revista Madrygal da Complutense. Ou o seu vastísimo labor tradutor, que radiografei no 2002 en “Xosé María Díaz Castro traductor”, ensaio integrado na Homenaxe a Fernando R. Tato Plaza que lle tributamos dende a USC. Ou mesmo, en fin, o vencello que o uniu con outros grandes poetas de noso, tal ao autor de Os eidos, no que me detiven no 2007 con “Novoneyra e Díaz Castro”, un texto preparado para Escrita Contemporánea, o veterano voceiro da AELG, ou, moi recentemente, coa Cantora do Sar, dos que me ocupei na colaboración para El Progreso (17-2-2013) titulada “Rosalía e Díaz Castro”, na que mesmo exhumo un inédito do poeta.

Estes últimos anos continuei —e continúo— lembrando decote a biobliografía diazcastriana, verbo da que redactei diferentes panorámicas para El Correo Gallego (21-5-2006), Faro de Vigo (8-3-2007) ou El Ideal Gallego/ Diario de Ferrol/ Diario da Arousa (31-10-2010 e aínda 10-7-2011) e escribín extensas unidades didácticas e roteiros para AELG que poden descargarse de balde da súa páxina. Por descontado, tamén o tiven ben presente neste Criticalia, no que fun recensionando materiais que sobre del se publicaron ou lembrando efemérides biográficas de seu.

Como é de sospeitar, a miña querenza, case que diría devoción, por DC non se apagou en ningún momento, pois continúo con algunhas angueiras académicas doutorais nas que o guitiricense é o protagonista e que deitarán froitos nos vindeiros meses.

Por tanto, que a RAG decidise instituír o 17 de maio do 2014 como Día das Letras Galegas dedicado a Xosé María Díaz Castro non só me aleda enormemente, e sobre todo, pola xustiza que coa obra e o autor se fai, senón tamén pola ledicia que sei que moit@s outr@s estudos@s e analist@s da súa figura, fieis lector@s das súas páxinas durante anos e anos, han sentir neste momento, coa perspectiva dun tempo por diante no que teremos a obriga de saber transmitir a tod@s a grandeza dun escritor que transcende épocas e modas e será grande sempre, antes e despois deste ilusionante 2014 que se achega.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES