Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Non da para tanto...!

martes, 18 de junio de 2013
Estamos vivindo nunha sociedade na que non escasea a teimosía: Iso do “erre que erre” vainos moi ben. Non nos conformamos con pouco, con ser semellantes aos deuses (isto da para pouco...!); hai que ser verdadeiros deuses. Xa nolo dixo Nietzche, nada de “semellante”, hai que ser “como” Deus, e para acadar esa suprema categoría, a de “super-home”, non nos queda outro remedio que matar ao mesmo Deus.

Pero tamén o advertiu, aínda que doutro xeito, Juan David García Bacca, e para comprobalo, tómense a molestia de ler as páxinas 24 e 25 da súa obra “Antropología Filosófica Contemporánea”, editada en Anthropos, l.982, Barcelona, onde escrebe: “Se nosoutros cremos que o home pode tomar nas súas mans todo: a forma da sociedade, o modo da virtude política, o tipo de relixión, o tipo de linguaxe – poder crear linguaxes –, o tipo de ciencia, o tipo de enerxía – poder cambiala de humilde enerxía calorífica en enerxía sen límite superior –, que en principio podemos aproveitar todo o universo, non será que no fondo estamos intentando suplantar a Deus en persoa, facernos deuses?”.

Estamos, seguramente, tentando ser Deus en persoa; pero non só os españois, non, hai moitos outros compañeiros desta viaxe, o que é un gran experimento, como di García Bacca. Sen embargo, permítanme pensar que hoxe en día este gran experimento consiste máis na teimosía de destronar á realidade REAL e entronizar á ilusión, no ámbito das puras realidades virtuais, que en acadar divinizacións.

O home sempre tende (tendemos) a ser distinto do que é (do que somos), por iso escrebe Nietzsche, en “Also sprach Zarathustra” (“Así habló Zarathustra”) que “é unha corda tendida entre o animal e o super-home”. Pero non parece que a corda, cando menos ata esta data, fora capaz de agatuñar a esa suposta condición de excelencia, xa que todo fai pensar que máis ben se afunde nunha especie de caos vital e balbordo lingüístico.
Seguramente por isto, braceamos afanosamente en buscar argolas ás que asirse coa ficción e a virtualidade, porque, cada vez máis, sentímonos inseguros no chan que inventamos: A nosa existencia séntese desacougada polas verdades dimanantes da verdadeira realidade e hai que inventar, ata mentir, para acomodarnos na banda dos bos.

Pero como non somos parvos, sabemos que a ilusión da que botamos man é un autoengano, e aínda que xoga nas nosas vidas un papel moito máis importante do que semella ser, é moito máis propio da xuventude que da adultez, polo que ben parece que estamos preto do infantilismo.
Sen embargo, mergullámonos neste contexto e non reparamos en ser inconsecuentes, posto que queremos que os nosos políticos teñan un caletre axeitado, sen reflexionar que son fillos do pobo, edúcanse?! nel; pero cando se lles asignan funcións políticas e gobernativas séntense coma algo distintos, desvinculados, porque esa ilusión xeradora do autoengano vai crecendo en razón directa a incompetencia e indirecta a súa formación integral, e a hipocrisía tampouco axuda: que ben se lle ve a lingua ao gato cando maia...!.

Fai uns días, o señor secretario dun partido político español, a preguntas dos xornalistas verbo dos posibles cambios nas estruturas directivas do mesmo, retrousou que aínda non “tocaba” e que cando soara a gaita faríase o que mellor lle conviñese ao partido. Caeu na ilusión, no autoengano de que dixera algo intelixente, e o que dixo só valeu a pena porque ía investido de sinceridade: Antes o partido e despois o pobo, posto que o interese deste non contou na súa resposta. (Non nós enganemos: a présa dos consensos é por subirse a barca, non sexa o diaño que arribe ao porto, aínda que sexa mal e a rastro).

Tamén soubemos os cidadáns da pé que os señores deputados teñen consumicións subvencionadas no bar do Parlamento. Xa podemos durmir tranquilos!: Os nosos dignos representantes contan cunha axuda para compensar o seus recortes, e neste caso, salvo unha excepción, dereitas, esquerdas e estremas, dun e doutro lado, acadaron o consenso do silencio. Hai que desculpalos, porque, nese ambiente virtual no que traballan, os máis espelidos son poucos e os outros compensan o baleiro intelectual enchendo o bandullo, por decisión democrática...!.

Os efectos vehiculares do zume da tendencia do home a endeusarse, abandonando a realidade, chegan a todos os currunchos das estruturas administrativas, tamén ós locais. Estes días o Valadouro (Lugo) sentiuse escenario dunha fonte de feitos políticos que, traspasando o límites municipais, acadaron resonancia nacional. Aquí, pacientes lectores, xa soou a gaita, e como o folclore non é coñecido, parece que o xulgado terá que pronunciarse sobre a súa cualificación de enxebre.

Canta razón ten o frade e profesor don Juan David García Bacca: Non aspiramos a semellarnos aos deuses, que isto da para pouco, senón que pelexamos por ser deuses...!.

O problema está en que os cidadáns necesitamos que a sociedade se estruture racionalmente, mais con unha racionalidade democrática, que, evidentemente, ten que contar con demócratas de verdade, non, como adoitamos dicir coloquialmente, “de piquiño”, e isto esixe que as persoas que integran os partidos, dos que saen os equipos de goberno, teñan unha boa disposición psicolóxica de entrega ao pobo, sexan verdadeiros “sacerdotes” das súas propias ideoloxías, aínda que non tanto para defendelas con actitudes demagóxicas, coma para poñelas ao servizo dos intereses do cidadán.

Pero cando o “sacerdote” se empeña en suplantar a deus, incluso no ámbito relixioso, falando del como se acabara de estar na súa compaña, as comunidades (léase, no seu caso, partidos políticos) acaban desfalecéndose. En España é tan evidente este proceso que non necesitamos insistir nel; pero tamén noutros países da nosa contorna: Gran Bretaña, por poñer un exemplo de solidez democrática, está padecendo unha crise política desta natureza. Aquí, unha enquisa ben recente mosca os partidos en Cataluña, e a nivel do Estado todos están ao axexo dos dentes do lobo.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES