Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Fin de ciclo en Teherán

jueves, 13 de junio de 2013
A pesar do baixo perfil das candidaturas aprobadas polo Consello dos Gardiáns, os comicios presidenciais a celebrarse o próximo 14 de xuño en Irán dirimen o final dun prolongado ciclo político “post-revolucionario” iniciado a partir de 1989 no país persa, trala morte do seu Guía Supremo o aiatolá Ruhollah Jomeini. Este ciclo estivo visiblemente determinado pola conxunción e confrontación por parte de sectores de corte pragmático, reformista e incluso populista que, inevitablemente, definiron a paisaxe política do Irán post-Jomeini.

Este fin de ciclo implica, en primeira perspectiva, considerar o remate da presidencia de Mahmud Ahmadíneyad, no poder desde 2005. Os matices enfocados no balance da súa presidencia dirimen unha xestión de elevada intensidade en canto á confrontación interna e externa pero que explican, a grandes trazos, en que medida cambio o Irán contemporáneo e cara onde pode traducirse a súa evolución no futuro.

A polarización dun sistema monolítico

A chegada de Ahmadíneyad ao poder implicou o eventual ascenso das demandas dos sectores mais pobres e populares, politicamente desprazados por parte das elites tradicionais iranianas, imprimindo ó mesmo tempo un cambio de estilo e de xestión diametralmente diferente aos dos seus antecesores presidenciais Akbar Hashemí Rafsanjani (1989-1997) e Mohammed Jatamí (1997-2005), os inmediatos sucesores de Jomeini nas altas cúpulas do poder.

Tanto Rafsanjani como Jatamí son constantemente identificados como baluartes dunha xestión de carácter pragmático e reformista, con notable incidencia na política exterior e principalmente no sector económico. Este proceso implicou o enriquecemento dunha clase social con cada vez maiores ramificacións na estrutura de poder teocrática, empresarial, política e militar, beneficiada pola tanxencial liberalización económica do Irán post-Jomeni. De feito, Rafsanjani, quen ansiaba presentarse como candidato para estas eleccións 2013, é considerado un dos homes mais ricos de Irán, especialmente polos seus negocios nos sectores da construción e da exportación de caviar, un dos principais produtos iranianos.

Tralo período de Rafsanjani e Jatamí, Ahmadíneyad inaugurou unha nova etapa na que as súas promesas de igualdade e xustiza social seduciron a un electorado desexoso por observar reformas progresistas no monolítico sistema político iraniano. Non obstante, e a pesar de estar inicialmente amparado polo apoio do Supremo Líder, o aiatolá Alí Jamenei, Ahmadíneyad fracasou na conxunción destas promesas.

O Irán de Ahmadíneyad observou un prolongado proceso de polarización política que irradiou unha aparentemente inevitable confrontación entre sectores conservadores, liberais e reformistas, incluso con matices de carácter social en canto aos sectores urbanos e rurais. Esta polarización intensificouse coa súa deficiente xestión económica: nun país acosado polas sancións internacionais, Ahmadíneyad non puido redistribuír socialmente os elevados ingresos petroleiros, deixando un legado de alarmantes índices de inflación (superiores ao 40%), desemprego e incluso aumento da pobreza.

Paralelamente, o Irán post-Jomeini liderado por Rafsanjani, Jatamí e Ahmadíneyad non tivo a capacidade de levar a cabo unha necesaria reforma do seu sistema político e electoral, identificado cunha complexa realización de eleccións directas (presidenciais e parlamentarias) institucionalmente controladas e tuteladas polas estruturas de poder da elite teocrática actualmente en mans do aiatolá Jamenei. Velaí as constantes “purgas” preelectorais de candidaturas que, no caso actual, deu paso ao veto de 686 candidaturas para estes comicios.

Por tanto, o Irán contemporáneo afrontou toda serie de contradicións propias dun país que observa dinámicos e volátiles cambios sociais. Cun 70% de poboación moza, o Irán “post-revolucionario” observa o ascenso dunha sociedade civil cada vez mais activa, a pesar da represión oficial informativa e dos limitados canles de apertura política. Deste modo, é posible considerar que a irradiación da Primavera árabe de 2011 xa tivo a súa repercusión en Irán durante a década anterior, en especial tomando en conta o activismo e mobilización de diversos sectores reformistas e liberais (impulsados durante as presidencias de Rafsanjani e Jatamí), e que tiveron especial incidencia coas protestas de presunto fraude tralas eleccións presidenciais de 2009 que lle deron a Ahmadíneyad a reelección.

Con todo, esta constante e incluso volátil polarización entre sectores conservadores, pragmáticos, reformistas e populistas ven definindo as bases de constitución do Irán post-Jomeini. Non así, eventualmente, na súa estrutura de poder, claramente identificada en torno á teocracia controlada por Jamenei e o cada vez maior peso do Corpo da Garda Revolucionaria Islámica, un auténtico estamento pretoriano que controla as poderosas milicias basij e pasdarán, as Forzas Armadas, unha rede empresarial condicionada polo clientelismo político e, principalmente, o programa nuclear iraniano, a auténtica baza de poder con que conta Teherán.

Illados ou reinseridos? Tensión constante na política exterior

Esta polarización se traduce, igualmente, na política exterior. O Irán de Ahmadíneyad debeu soportar unha intensificación das sancións internacionais por parte da AIEA baixo o amparo de EUA, así como as ameazas por parte do seu rival rexional, Israel, no cometido de posibles ataques “preventivos” contra as instalacións nucleares iranianas.

Neste sentido, Irán está constantemente no punto de mira de Washington e Tel Aviv, incluso a través de operacións clandestinas no seu propio territorio fomentadas por servizos secretos israelís, estadounidenses e británicos orientados a procrear a eventual implosión do réxime iraniano.

Esta perspectiva reforzaba eventualmente a idea dunha confrontación xeopolítica en Oriente Próximo entre un eixe liderado por Teherán, a través das súas alianzas coa Siria de Bashar al Asad e movementos islamitas como Hizbulá e Hamas, e un Israel apoiado por EUA. Esta perspectiva afectou sensiblemente a xeopolítica de Teherán, así como a súa economía e política exterior, a través dun cerco fomentado por Washingtno e Tel Aviv e igualmente propiciado pola inédita conformación dunha especie de “eixe sunnita” liderado polas “petromonarquías” de Arabia Saudita e Catar, tacitamente apoiado por EUA e Israel.

Os exemplos mais claros desta política de “illamento progresivo” contra Teherán son a actual guerra en Siria, o repentino cambio de posición da Turquía de Erdogan desde 2010 (inicialmente proclive a manter contactos con Teherán) e incluso os obstáculos emanados do incipiente achegamento entre Irán e un Exipto post-Mubarak polarizado en torno á presidencia islamita de Mohammed Morsi e as presións do seu estamento militar, de EUA e Israel.

Así e todo, este acoso foi moderadamente minorado ante a apertura exterior impulsada principalmente desde 2006, a través das relacións estratéxicas realizadas pola Venezuela de Hugo Chávez con Teherán, que tiveron ampliación cara o Brasil de Lula da Silva, eventualmente desactivados coa actual presidencia da súa sucesora Dilma Rousseff. Con isto, Irán puido sortear as sancións da ONU inserindo a súa política exterior en contextos anteriormente inéditos como América Latina, Asia e África.

Deste modo, a inédita inserción iraniana no contexto latinoamericano, especialmente a través do “eixe da ALBA” conformado por Venezuela, Bolivia, Ecuador e Nicaragua, implicou unha reprodución dentro do hemisferio occidental da polarización c o eixe de EUA e Israel. Paralelamente, Teherán contou co tácito apoio de Rusia e China, países con importantes intereses enerxéticos e militares en Irán, á hora de distanciar as votacións contra o seu programa nuclear no Consello de Seguridade da ONU, así como das sancións económicas exercidas pola AIEA.

O 2013: comezo dunha nova era

Resulta evidente que todos estes factores gravitan con especial incidencia nas eleccións presidenciais iranianas do próximo 14 de xuño, visiblemente determinadas por un perfil mais moderado e menos emocional por parte das oito candidaturas aprobadas.

Neste sentido, a exclusión de Rafsanjani, de diversas candidaturas probablemente reformistas e incluso da opción presidencial de Esfandiar Rahim Mashaei, un conselleiro político considerado a “man dereita” de Ahmadíneyad, revelan as intencións do aiatolá Jamenei, da elite teocrática e da Garda Revolucionaria de non alterar o status quo mantendo unha férrea tutela do sistema político. Pero as perspectivas poden ser, indirectamente, contraproducentes.

Neste contexto electoral, o aiatolá Jamenei aparentemente apostaría pola candidatura de Saeed Jalili, secretario do Consello Supremo de Seguridade Nacional (CSSN) e un político sumamente leal a Supremo Líder. A intención de Jamenei concéntrase en frear o eventual ascenso da candidatura de Hassan Rouhani, ex xefe de Seguridade Nacional e o único clérigo entre todos os candidatos. Nos derradeiros tempos, Rouhani ven erixíndose como unha eventual opción reformista e liberal, a tenor dos seus contactos cos sectores controlados polos ex presidentes Rafsanjani e Jatamí a fin de atraer o seu voto.

Amparado polo Líder Supremo, Jalili está concentrando o seu apoio na prensa oficial, en boa parte da teocracia e incluso nas forzas paramilitares da milicia basiji, dependentes dos Gardiáns da Revolución Islámica. Nun contexto marcado pola presión occidental e israelí contra o programa nuclear iraniano, a opción Jalili debe ser observada con atención dende o exterior, debido a súa experiencia como secretario do CSSN, órgano encargado da negociación do programa nuclear ante a comunidade internacional.

Outra candidatura con notables opcións presidenciais é a de Mohamed Bagher Qalibaf, actual alcalde de Teherán, un conservador cuxa popularidade estriba nun estilo máis pragmático e incluso populista. Qalibaf é igualmente xefe da Forza Aérea da Garda Revolucionaria, o cal lle permite manter un considerable apoio por parte das forzas pasdarán e da poderosa elite militar e empresarial.

Independentemente de que Jalili, Rouhani ou Qalibaf sexan as candidaturas presidenciais con maiores opcións, o Irán contemporáneo descifra silenciosas transformacións que notablemente propiciarían cambios relevantes para os próximos tempos. A obsesión das cúpulas do poder en Teherán polo mantemento do status quo imperará toda vez se intensifique un acoso exterior orientado a frear un programa nuclear invariablemente estratéxico para a seguridade nacional iraniana. En todo caso, as eleccións 2013 rematarán o ciclo político dun Irán post-Jomeini marcado polas tensións e polarizacións.
Mansilla Blanco, Roberto
Mansilla Blanco, Roberto


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES