Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ollo con confundirse de P.A.C.!

miércoles, 12 de junio de 2013
Iso de que as mesmas abreviaturas formadas coas letras iniciais de varias palabras coincidan para expresar organismos ou institucións diferentes préstase a confusións que en determinados casos poden causar graves prexuízos.

Poñamos por caso: As siglas P.A.C. poden significar: Política Agrícola Común, Plataforma de Arte Contemporáneo e tamén Punto de Atención Continuada. Neste caso refírese a centros médicos que atenden as urxencias fóra das horas habituais de consulta, dentro dunha comarca xeralmente determina arbitrariamente ou por tráfico de influencias máis ou menos disimulado. Que conste que falo en xeral sen referirme a ningún centro de saúde en concreto, aínda que tamén podería facelo.

Deixando de lado nestes momentos, porque non vén ó caso, o das Plataformas de Arte, quero aclarar para quen non o saiba que o asunto da P.A.C. agrícola é unha marañada desa mala feira de tratantes trampulleiros á que se lle deu en chamar, primeiro, Mercado Común, e despois, Comunidade Económica. Isto da P.A.C. agrícola e gandeira eu nunca o din entendido, Non me acomplexa dicir que non entendo tal marañada, porque o mesmo ministro de agricultura, Sr. Cañete, dixo o 8 do 6 deste ano que “el tema es complicado”. Se é complicado para el que naceu e vive en Madrid, como non ha de selo para min que nacín e vivo na aldea?

Pois vou ó caso de que o luns día 10 de xuño deste ano apareceulle a miña irmá unha mancha de sangue de dimensións considerables no ollo dereito. Ela non dicía nada e meu cuñado e máis eu non reparáramos no asunto ata que aló polas tres e media da tarde veu a filla e ó fixarse no hematoma, (isto de hematoma busqueino en google, porque mancha de sangue sona a vulgar nun escrito), considerou que debía levala a urxencias.

Arrincaron cara o P.A.C. de Outeiro de Rei que é ó que nos asignaron ou nos tocou por sorte ou desgracia, como se acostuma a dicir desde tempo inmemorial. Non podemos queixarnos que só nos cadra a 25 quilómetros. Cincuenta ida e volta. Pouco máis ca o novo hospital de Lugo.

Alí tiveron que agardar unha hora aproximadamente. Cousa bastante lóxica, porque o persoal sanitario tivera que saír atender outro enfermo ou enferma e non están as cousas coma para que a Administración lles pague a dous médicos de garda. Atendida a urxencia domiciliaria chegou a presunta doutora. O de presunta dígoo porque non repararon en se levaba escrito o nome na parte superior do peto de riba da bata branca, e hai que ter coidado con atribuírlle a ninguén o que, se cadra non é.

Explicáronlle o motivo polo que acudiran ó P.A.C. de urxencias. Ela, nunha inspección ocular case sen mirar para a paciente á distancia que pode medir unha mesa e unha silla do Sergas, díxolle que debía ser unha epidemia, porque xa vira no mesmo día outros dous ou tres casos iguais. Ó que miña irmá asentiu botando man do refrán: e claro, “mal de muitos consuelo de bobos”. A presunta mandou mirarlle a tensión arterial, non a do ollo, e logo, mandouna para a casa ou para onde quixese sen tratamento ningún. Non hai motivo para pensar que non fose todo correcto, pero un recoñecemento tan superficial e un diagnóstico tan impreciso a min puxéronme a cavilar e como nin miña irmá nin a miña sobriña coñecen moi ben Outeiro de Rei, desconfío de que se equivocasen de P.A.C.e fosen ó agrícola.

De momento o hematoma, a epidemia ou o que sexa non remitíu e, se non remite, vai haber que vlver ó P.A.C. adecuado.

¡Tamén, se por unha confusión de siglas hai que andar cen quilómetros para que che receiten un colirio que pode custar dous euros! ¿Non poderían poñerlle P.A.C.A. ó das vacas e P.A.C.U. ó dos humanos, como total o hache é mudo?
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES