Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bernardo: Poeta da vida, poeta pola vid

miércoles, 12 de junio de 2013
Non me resisto a lembrar, no cabodano do seu pasamento, a unha persoa que máis que un profesor foi para min un exemplo vital, un guieiro a seguir polos camiños da vida. Trátase de Bernardo, e non fai falla dar máis sinais, xa que todo o que lea este artigo probablemente saiba moito máis ca min deste humanista que facía poesía dándolle a man ás xentes humildes e aldraxadas alá no seu Ferrol vello.

Hai pouco, o seu sobriño Martín, tivo a ben facerme chegar o libro “Unha alborada nova. Bernardo García Cendán” que edita Encrucillada, asociación na que Bernardo investiu o seu tempo e o seu esforzo. O libro componse das verbas daqueles que o coñeceron como amigo, e tamén de poemas e artigos do propio Bernardo.

Das verbas dos amigos emerxe novamente aquela personalidade de Bernardo que anegaba todo de paz e ledicia; aquí falo de algo que tiven a sorte de vivir nas tardes de Humanidades, onde o profesor tornábase un máis nun café de aprendizaxe que a súa personalidade presidía sen ningún afán de protagonismo; preguntábanos de todo e gustaba de saber o que sentíamos e o que vivíamos. Isto convertíao nun profesor da vida, eses que che deixan dentro unha rodeira de amor que te acompaña para sempre.

Probablemente non sexa a voz máis autorizada para falar de Bernardo, para min foi un profesor que me deixou sentir o seu cariño, que gardo en min. Pero no libro descubrín moitos “bernardos” que intuía naquelas tardes de Humanidades, e fícame a reflexión de que Bernardo é un poeta na vida e un poeta pola vida. Porque os versos de Bernardo fixéronse camiñando, a forza de unir mans solidarias e amigas, de sentarse cos desherdados, de abrir as portas aos que pedían esmolas de amor, de arrimar o lombo para a integración dos que a vida empuxa cara a súa marxe. Bernardo nunca foi un teórico, foi un poeta pola vida que despois de apoiar aos máis febles facía versos para que puideran cantar a ledicia de vivir.

Dos seus poemas despréndese fortes azos por poñer en marcha unha liturxia nova, leda, sinxela e acorde coa realidade á que se dirixe. Pero tamén o forte aroma de identidade que camiñaba con el, levando Vilalba e Galicia como bandeira.

De certo hai que felicitar a Marisa Vidal Collazo, Baldomero Iglesias Dobarrio e Rubén Aramaburu Molet pola iniciativa de publicar este libro de palabras de Bernardo e para Bernardo.

Particularmente teño que agradecer á súa familia e ao seu sobriño Martín, o agasallo deste libro que me invita a manter viva a memoria daquel poeta humanista que me facía rir, sorrir e sobre todo pensar nas tardes da Facultade.

Non son o máis indicado para falar del, non, pero sempre terei presente o seu exemplo; e agora ademais, pola xenerosidade da súa familia e de Martín, acompáñanme os seus versos.

Sexa como sexa, eu vin como Bernardo facía versos pola vida, por iso, para dicir “humanismo”, sempre terei que dicir o seu nome.


VV.AA. (2013): Unha alborada nova. Homenaxe na memoria de Bernardo García Cendán. Asociación Encrucillada, Lugo.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES