Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Defensor das prostitutas

martes, 04 de junio de 2013
De seguriño que tes oído falar de don José Antonio Pagola. Este sacerdote vasco é autor dun libro excelentemente bo titulado Jesús, que se fixo célebre pola valía do autor (a quen tiven a honra de ter como profesor en Roma en Pastoral da Saúde), pola obra en si altamente recomendábel, e tamén por estar o Sr. Pagola perseguido por un grupo de bispos españois dos máis ultramontanos, adoutrinados por Rouco Varela, póndose á fronte un pobre homiño como é Demetrio Fernández, bispo de Córdoba. Desde Roma terminaron por darlle a razón ao Sr. Pagola e recomendar o libro Jesús.

Son moi estimadas as súas recoñecidas homilías, usadas por moitísimos sacerdotes e tamén por persoas particulares como alimento espiritual persoal. Publícanse en once idiomas. Eu estou encargado de facer a tradución ao galego e por iso podo reproducir o texto. Chamoume grandemente a atención a do vindeiro domingo 16 de xuño: DEFENSOR DAS PROSTITUTAS, cuxa lectura recomendo altamente, tendo en conta os tempos das novas escravitudes e das aldraxes que nas persoas das nosas mulleres e doutras moitas miserias nos están tocando vivir. A reflexión asenta sobre do texto de Lucas 7, 36; - 8,3. (Pode recibilas calquera gratuitamente no seu e-mail). Velaquí o texto:

“Xesús está na casa de Simón, un fariseo que o invitou a comer. Inesperadamente, unha muller interrompe o banquete. Os invitados recoñécena enseguida. É unha prostituta da aldea. A súa presenza crea malestar e expectación.

Como reaccionará Xesús? Expulsaraa para que non contamine aos invitados?

A muller non di nada. Está afeita ser desprezada, sobre todo, nos ambientes dos fariseos. Diríxese directamente cara a Xesús, bótase aos seus pés e rompe a chorar. Non sabe como agradecerlle a súa acollida: cobre os seus pés de bicos, únxeos cun perfume, que trae consigo, e sécallos coa súa cabeleira.

A reacción do fariseo non se fai esperar. Non pode disimular o seu desprezo: “Se este fose profeta, sabería moi ben quen é esta muller e o que ela é: unha pecadora”. O fariseo non é tan inxenuo coma Xesús. Sabe moi ben que esta muller é unha prostituta, indigna de tocar a Xesús. Habería que apartala del.

Pero Xesús non a expulsa nin a rexeita. Ao contrario, acóllea con respecto e tenrura. Descobre nos seus xestos un amor limpo e unha fe agradecida. Diante de todos, fala con ela para defender a súa dignidade e revelarlle como a ama Deus: “Os teus pecados están perdoados”. Logo, mentres os invitados se escandalizan, reafírmaa na súa fe e deséxalle unha vida nova: “A túa fe salvoute. Vaite en paz”. Deus estará sempre con ela.

Fai uns meses, chamáronme para tomar parte nun Encontro Pastoral moi particular. Estaba entre nós un grupo de prostitutas. Puiden falar con elas amodiño e con calma. Nunca as poderei esquecer. Ao longo de tres días puidemos escoitar a súa impotencia, os seus medos, a súa soidade... Por vez primeira comprendín por que Xesús as quería tanto. Entendín tamén as súas palabras aos dirixentes relixiosos: “Asegúrovos que os publicanos e as prostitutas entrarán antes do que vós no reino dos ceos”.

Estas mulleres enganadas e escravizadas, sometidas a toda clase de abusos, aterrorizadas para mantelas illadas, moitas sen apenas protección nin seguridade algunha, son as vítimas invisíbeis e invisibilizadas dun mundo cruel e inhumano, silenciado en boa parte pola sociedade e esquecido practicamente pola Igrexa.

Os seguidores de Xesús non podemos vivir de costas ao sufrimento destas mulleres. As nosas Igrexas diocesanas non poden abandonalas ao seu triste destino.

Temos de erguer a voz e berrarmos para espertar a conciencia da sociedade. Temos de apoiar moito máis a quen loitan polos seus dereitos e a súa dignidade. Xesús que as amou tanto sería tamén hoxe o primeiro en defendelas”. (José Antonio Pagola.- Traduciu: Xaquín Campo Freire).
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES