Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Picaraxadas

viernes, 24 de mayo de 2013
Garda o cronista no seu caótico arquivo un exemplar de publicación escolar modélica realizada hai 35 anos, polas Letras Galegas de 1978. editada por alumnos do Colexio Nacional de Foz. O traballo titúlase “Picaraxadas”e na primeira páxina informa: “En Foz chamámoslle “pícaros” ós nenos e “picaraxadas” ás cousas dos nenos.

Velaí , ditas ó seu xeito, algunhas cousas dos pícaros do Colexio Nacional de Foz”. Os alumnos dedícanllas ó mestre Berio Quiroga, ensinante de fonda pegada. O libro, do que se fixeron dúas edicións, ten 50 páxinas tamaño A4; está escrito, ilustrado, multicopiado e confeccionado no Colexio focego, que agradece ó de Ferreira de Pantón que lle emprestara a multicopista. Nunha páxina, baixo o epígrafe “Os que fixeron este libriño”, aparece a relación dos 60 pícaros e pícaras, de entre 6 e 14 anos, autores dos textos e das ilustracións, cun pórtico do poeta Manuel María que, entre outras cousas, dí: “… o que realmente me emociona é ler os traballos destes rapaces de Foz e comprobar dúas cousas: o seu amor i a perfección con que cultivan o noso idioma e a gran calidade artística dos seus versos e prosas.

Eiquí están, pois, os froitos dunha labor pedagóxica importante: formar nenos- e non deformalos como se esta facendo en moitas escolas – que o día de mañán sexan homes “desalienados” e normales. E crearlles un gusto pola beleza, cultivando ó mesmo tempo a súa sensibilidade, cousa que compre facer na escola…”. Cada unha das páxinas son outras tantas xoias literarias e artísticas destes nenos/as, que a día de hoxe moitos/as son nais e pais de familia, que ó lembrar o fermoso episodio, sentirán a doce nostalxia das picaraxadas infantís.

Só un par de mostras: “ Miña terra” de Eulalia Rocha (11 anos): “Miña terra, terra miña,/ nunca te ei de deixar;/ polos renques, polas terras,/ sempre te ei de buscar./ Volvoretas:/ cantai e pregoai/ que a miña terra querida/ nunca a ei de deixar./ A nosa lingua: un tesouro de amor;/ as nosas rúas, o noso lar; /as volvoretas, as pombas i o mar, / son os exemplos da libertá./¡A min ninguén me fai emigrar!!”.

“Madriña” é o fermoso poema que Vitoria Quiroga lle dedica cando cumprira 105 anos: “Madriña, pequena e velliña,/chea de arrugas,/engurradiña./ Mais de cen anos sabendo;/ mais de cen anos chorando;/ mais de cen anos rezando;/mais de cen anos morrendo./ O teu pano mouro/ tapando o pelo branco./ Teus compañeiros morréronche./ Teus pais morréronche./ Teus irmáns morréronche./ Quedache tú soíña./ Somente é do teu tempo/ un carballo na Veiga./ Xa non ves ;/ Xa non oes,/ xa non tes dentes,/ xa non falas coa xente../ Madriña, pequena e velliña,/ chea de arrugas, engurradiña./ Non tarás soia eternamente,/ que che espera/ no campo santo/ a túa xente.” Vitoria, picariña de só 10 anos e sensible xa á dramática soedade da vellez. Feliz lembranza.
Fernández, Suso
Fernández, Suso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES