Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Prensa e liberdade

viernes, 24 de mayo de 2013
Prensa e liberdade Parece que xa ninguén discute que o san e non contaminado exercicio da prensa é fundamental para a saúde democrática. A cidadanía precisa estar ben informada porque a información é un dereito ao que non se debe renunciar. Pero o exercicio de informar ha de realizarse en liberdade, sen interferencias ideolóxicas ou de outro tipo que alteren a realidade. Non é doado, porque moitas veces os intereses das empresas de información inflúen no traballo dos xornalistas ata o punto de condicionar o tratamento da noticia. Pero si é verdade que os medios e os xornalistas teñen que facer un esforzo por informar con ecuanimidade, non é menos certo que a xente tamén ten que poñer da súa parte e non limitarse a mirar cromos nos xornais, coma ben dixo a xornalista Mónica García no intre en que recollía o IX “Premio Xosé Couso da Liberdade de Prensa” o pasado xoves no teatro “Jofre”.

Dos lectores que so miran estampiñas, non se pode esperar moito. Os xornalistas deben andar na procura de escribir o mellor posible e os lectores de reflexionar sobre o que len, e desta maneira a prensa estaría a facer un bo servizo á xente e xa que logo á democracia. Prensa e liberdade é un binomio que dou moito que falar dende a chamada transición ata a actualidade.

Mónica García decidiuse facerse “freelance”, e dicir: ir pola súa conta, logo de ver conculcada a súa liberdade cando traballaba para algunha grande empresa de comunicación. Os reporteiros de guerra que exercen para medios potentes, contan con máis posibilidades de axuda no caso de que as cousas vaian mal; en suma: viven mellor que os que se moven polos seus propios medios. Esta periodista, nova pola súa idade, pero con experiencia constatada, cubre arestora o conflito de Siria onde, segundo ela refire, estase a producir unha limpeza étnica baseada fundamentalmente en postulados relixiosos. É unha especialista en Oriente Medio e coma tal, certifica que neste momento aquela zona é a area máis quente do mundo, incluso máis do que podería representar o conflito entre as dúas Coreas. Di que se sente máis libre colaborando na prensa dixital que na escrita no papel, polo menos ata o de agora. Comentou tamén que non concibe as roldas de prensa nas que non se permiten preguntas e que isto é un síntoma de que a democracia está enferma.

As roldas de prensa non son tales se nelas os xornalistas non poden preguntar, e cando un portavoz do goberno ou mesmo o seu presidente escóndese detrás dunha pantalla de plasma ou do que sexa, e un síntoma de algo non vai ben no sistema. Ela e o seu compañeiro, tamén xornalista, pretenden seguir polo mesmo camiño: facendo un xornalismo directo, contando a verdade do que está a acontecer para que os que vivimos en zonas de menos tensión, nos decatemos das atrocidades que se están a cometer en países que non están tan afastados do noso.

Aínda que pareza mentira, facer xornalismo en liberdade hoxe en día non é tan doado coma cremos. Os profesionais atópanse con máis dificultadas das imaxinadas. Por iso o Club de Prensa de Ferrol e o Colexio de Xornalistas de Galicia recoñeceron na figura de Mónica García o abnegado traballo que estes profesionais están a facer case sempre contra corrente. Un premio simbólico a unha figura simbólica dese xornalismo que loita por traballar e comunicar sen imposicións. E dicir: en liberdade.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES