Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Corrupción estrutural

jueves, 23 de mayo de 2013
O farmacéutico de Chandrexa foi detido hai uns días por un presunto delito de estafa continuada. Facturaba os farmacos que os pacientes tiñan prescritos na tarxeta sanitaria e que non foran retirados. Utilizaba o precinto para cobrarlle ao Sergas e despois tiraba ao lixo as caixas sen usar das medicinas. Esta foi unha noticia menor, situada nas páxinas locais, con escasa relevancia tipográfica. A permanente avalancha de novas relacionadas coa corrupción fai que sucesos como este xa non sorprendan. (Cómo nos imos escandalizar despois de coñecer os manexos de Bárcenas e de saber que as empresas do Ibex 35 actúan en paraísos fiscais!).

A sensacion de impunidade de quen realiza estas prácticas ten que ver coa connivencia xeralizada da sociedade con respecto á corrupción. Hai quen acepta como inevitables estas condutas, quen as asume como unha peaxe obrigada da vida en común. Mesmo hai quen se vanagloria destas actuacións (facturas sen IVE, traballos en negro, fraudes á Facenda, informacións privilexiadas, contactos proveitosos, influencias útiles etc) e preséntaas como unha demostración de intelixencia; hai quen renega dos “puros”, por entender que neste mundo todos se manchan para perseguir o seu beneficio.

A aceptación social das prácticas corruptas chegou en Galicia ata o extremo de que algúns narcotraficantes tiveron relevancia social con fortes vínculos co poder económico e político. Lembro que, naqueles anos, un rapaz das Rías Baixas, ao ser preguntado polas súas aspiracións de futuro nun programa de TV, declarou rotundo: “Eu quero ser contrabandista”.

Unha sociedada infectada pola corrupción ten mal futuro. As prácticas corruptas rachan a confianza básica que deben presidir as relacións sociais, económicas e políticas. A filósofa Adela Cortina destaca a necesidade de recuperar a confianza que agora nos falta: “Se ha perdido por las alcantarillas de los escándalos de corrupción, el hábito de mentir, la perversa costumbre de crispar los ánimos”. Se as regras da convivencia son constantemente vulneradas, se a estafa, o engano e a mentira se instalan no tecido social, actúan como unha infección que vai corroendo todo ao seu paso. JJ Millás sinalou nun artigo a conveniencia de que”los conductos de las aguas fecales y los de la sanitaria estén suficientemente separados para evitar filtraciones”.

Tiven a oportunidade de escoitar na Coruña, hai xa uns días, unha conferencia do Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela, quen denunciou a corrupción sistémica que infiltra o país e propuxo a creación dunha entidade independente encargada de detectar precozmente as situacións de risco e adoptar medidas preventivas. Estas estratexias foron instauradas noutros países (Portugal, por exemplo) con bos resultados. O fiscal fai unha curiosa taxonomía pois distingue entre corrupción de mercado e corrupción de parroquia. En Galicia conviven as dúas e impregnan de xeito especial as actuacións das corporacións locais. Mais, con ser importante a implantación de plans preventivos, a clave da loita contra da corrupción está na cidadanía: lonxe da connivencia actual é preciso xerar unha posición de rexeitamento das prácticas corruptas. Ningun político afectado pola sombra da corrupción debería obter, nunca máis, o respaldo das urnas.

A Carlos Varela temos que agradecerlle o esforzo pedagóxico que está a realizar para promover o rexeitamento da corrupción. Fixo debates en numerosas localidades de Galicia e presentará en breve as súas propostas, por segunda vez, no Parlamento galego. O fiscal fai un chamamento á cidadanía para que reaccione fronte a esta “enfermidade social” e reclama ao ámbito político que poña os medios que nos permitan defendernos dos “ladróns do erario público e os violadores da inocencia do país”. (Tamén quero destacar a súa defensa firme e contundente dos afectados polo fraude masivo das participacións preferentes e o seu compromiso perseverante na defensa do idioma galego -tan necesario nunha cidade como A Coruña, fortemente desgaleguizada despois dos longos e funestos anos do vazquismo-).

Rosa Montero celebraba nun artigo (neste tempo incerto de crise e corrupción) a entrada en escea dun puñado de xuíces que se están a convertir nos únicos interlocutores institucionais válidos ante as angustias da sociedade(“estamos necesitados de héroes civiles y de poderes protectores”, decía). O traballo do Fiscal Superior de Galicia inscríbese nesta liña de actuación.

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES