Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Deixalos, pois, namorar

miércoles, 22 de mayo de 2013
Nun libro de João Verde, publicado post mórtem en 1961, canta o poeta raiano de Monção á xuntanza da “Galiza mail’o MInho”. Anos despois este poema foi musicado pola Quenlla, facéndose eco de todo o seu lirismo así como da fonda mensaxe de irmandade que desprende. Unha irmandade que o Miño xa non separa, senón que une!, e une a prol do establecemento de pontes socioculturais e económicas que son portadoras dun potencial único que non podemos deixar de converter nunha fonte de riqueza que os galegos, os portugueses e toda a lusofonía temos que ser capaces de xestionar en reciprocidade. No mundo de hoxe hai que seguir dicindo alto e claro que legar cultura é legar pan, e que o futuro está nunha heteroxeneidade interdependente e non nunha homoxeneidade castradora.

A pasada semana vén de aprobarse por unanimidade no Parlamento galego o “Anteproxecto de Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía”; froito dunha iniciativa lexislativa popular que empezou a súa andaina hai un ano, co gallo da homenaxe das Letras Galegas a Valentín Paz Andrade, quen consideraba o galego como “una lengua con la cual pueden entenderse millones y millones de personas, aunque lo hablen con distinto acento o escriban de forma diferente cierto número de vocablos” (recollido na Iniciativa Lexislativa Popular).

Paz Andrade facía así referencia a unha realidade innegable que nos vén ofrecendo pontes culturais, sociais, comerciais e económicas que non sempre aproveitamos. Cómpre facelo agora!, fuxindo de secesionismos que provocaron polarizacións tan absurdas como estériles. Podemos seguir pechando os ollos á realidade ou deixar que o interculturalismo empece a fluír como un motor económico capaz de abrir novos horizontes. Temos un idioma irmán de outro presente nas organizacións internacionais e nos grandes escenarios económicos, sendo a primeira lingua dun país emerxente como Brasil: a quinta economía do mundo. Isto demostra o gran potencial da lingua galega (cultural e economicamente) e o servizo que lle poderiamos prestar a España como ponte cultural e lingüística cos países lusófonos.

Volvendo á proposta de lei, hai que dicir que ten 3 artigos tan sinxelos como interesantes:

· O primeiro fala da incorporación da ensinanza do portugués, algo que contribuiría ao coñecemento dos nosos veciños e irmáns.

· O segundo artigo pretende potenciar a participación en foros lusófonos, o que contribuiría a fortalecer producións culturais conxuntas que se veñen desenvolvendo.

· O terceiro abre as portas á recepción dixital das canles do país irmán, o que contribuiría a compartir as producións culturais das dúas beiras do Miño.

Sen dúbida estes tres puntos poden ser os alicerces dun diálogo de autocoñecemento e recoñecemento mutuo que traería moitos beneficios ás dúas marxes do Miño.

Por outro lado non podemos esquecer que moitas persoas e colectivos culturais veñen loitando dende hai anos por esta ponte cultural. O seu fondo traballo debe ser camiño e guieiro para a construción de horizontes comúns.

Ben seguro que, se esa iniciativa chega a ser lei, contribuirá a descubrirnos moitas cousas de nós mesmos; rachando valados mentais con verbas de interculturalismo, que converten a nosa propia identidade nun patrimonio endóxeno susceptible de mobilizar cara un futuro sempre interdependente.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES