Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Reflexión no Día das Letras Galegas 2013

jueves, 16 de mayo de 2013
O desmantelamento activo ou mesmo pasivo, por acción, comisión ou omisión dunha lingua e dunha cultura é un claro atentado e un delito de lesa humanidade contra do patrimonio máis nidio do que unha comunidade humana foi construíndo co seu pobo ao longo dos séculos como algo que sae do máis profundo do seu ser comunal de pobo diferenciado e que mellor o representa.

É a expresión oral do máis entrañábel de si mesmo, do seu sentir, pensar e sufrir. É a súa historia. As súas alegrías, trunfos e esperanzas pasan pola súa fala. Tamén as súas dores ou mesmo os fracasos teñen verbalización sanante e sanadora no seu idioma, na súa lingua e na súa cultura. Por ela ten un posto no mundo e ábrese ao diálogo amigábel e construtivo con todo o universo.

Matar unha lingua é matarlle a alma aos seus falantes, aínda que sómente sexan dous. Privar a un matrimonio, poño por caso, de expresárense no de seu, no da súa casa, é afogalos. Canto máis se falamos de pobos enteiros esmagados por outros prepotentes e abusóns. Iso ten de estar penado xuridicamente no concerto internacional das nacións civilizadas.

Se eu saio á rúa berrando que vou destruír a catedral de Santiago ou vou apedrar a Torre de Hércules moi axiña a policía se fai cargo de min e me pon, con razón, á disposición da xustiza. Non digamos xa nada da muralla romana de Lugo.

Don Manuel, o famoso electricista, gardou por un ano e conservou en perfecto estado o Códice Calixtino e fixo por el o que moi poucos outros fixeron: Deulle sona internacional e por el soubo moita xente que tiñamos un auténtico tesouro. E aí está perfectamente entregado outra vez de novo sen ningún dano. Non aplaudo os métodos.

Cando unha lingua ou unha cultura se deturpan, se menosprezan, se aldraxan, se destrúen, xa nunca máis serán a expresión secular desa comunidade. Ficará, tal vez, coma os dinosauros nos museos que case ninguén ve. E ao final serán destruídos porque custa moito conservar un só fósil e non se lle ve utilidade real. Unha cultura, unha lingua, o patrimonio cultural se se destrúe desaparece e morre de vez.

Unha lingua viva nunca lle estorba a outra. Pola contra, potencia a aprendizaxe de moitas outras. Ninguén ataca ao castelán. Dicir iso é de paifocos ou malvados. Como imos desprezar unha lingua de cultura universal que xa posuímos e tamén é nosa?

Atacar ao galego é pecharnos á apertura aos máis dos douscentos millóns de persoas aos que pertencemos, coas súas variantes: a lusofonía. Sería sermos paifocos. E ademais, é o noso!

Eu non lle perdoo ao Sr. Feijoo o ataque, o menosprezo, as aldraxes e deslexitimizazón da nosa lingua e cultura. Os seus complexos radicais son problema das súas patoloxías persoais. Porén a deconstrución e o dano causado son xa irreparábeis. Por iso o perdón é inútil. É duro o roubo económico da crise, mas volveremos a novos ciclos económicos aínda deixando moitas vítimas inocentes detrás.

Pero a morte da cultura e da lingua xa non volverían endexamais a unha verdadeira reciclaxe. Xa sería outra cousa, outro pobo, outra xente, outra civilización.

Unha cousa degradada polos propios ninguén a quere. Queimar libros á millentas, prohibir o ensino nas escolas, ameazar profesores, penalizar e burlarse dos falantes, derrogar leis lexitimadoras, etc., iso é de mediocres, malnacidos e mesmo de enfermos con graves desquilibrios de quen non están ben conformados coa súa comunidade á que pertencen. Neste caso, á Galiza.

O señor Jesús Vázquez , o señor Anxo Lorenzo e moitos políticos deberían responder perante a Xustiza con maiores motivos ca os do señor do Códice Calixtino. Ese só fixo conservalo, darlle fama e dicir que non estaba ben custodiado. E iso non é delito. Tal vez só unha temeridade. Repito que non concordo cos métodos.

Desperta do teu sono, Fogar de Breogán!
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania