Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Alimentos da miña infancia

jueves, 16 de mayo de 2013
Eu son unha muller da aldea. Nacín na aldea, traballei case sempre no medio rural. Coñezo a aldea, amo a aldea e vivo feliz nunha aldea situada nun “Paraíso entre Ríos.”

Por estas razóns estou moi sensibilizada coa poboación rural, tanto a galega como a doutros lugares de España nos que pasei algún tempo.

Cando era nena, disfrutei do campo, das flores, das cereixas brancas e tamén das vermellas, dos figos maduriños, dos migueliños, das brevas, das peras de manteiga, das urracas, das rabudas, dos abruños, dos péxegos, das mazás de príncipe, das de san xoán, das amoras das silveiras, dos amorodos que había polos cómaros, das ameixas, dos fatóns, etc, etc.

Todo abonado con esterco da corte das vacas.
Nada de productos químicos.

Tomei:
-Leite ó dereito da vaca.
-Tona co pan de vez en cando á merenda.
-Pan de centeo, pan de millo e pan de trigo feito na casa e a bola quentiña con leite cando se cocía.
-Tortilla con patacas novas, ceboliñas tenras e ovos das nosas galiñas.
-Cachelos con sardiñas salgadas, escoadas nun cesto con pallas debaixo que sabían a gloria, tamén sardiñas fritas e incluso crúas.
-Patacas con carne cando viñan as costureiras o carpinteiro ou xente de fóra a traballar.
-Sopas con refrito ó almorzo.
-Leite con pan.
-Queixo fresco ó mesmo tempo que o facía a miña madriña na beira do lume e tamén queixo curado.
-Xamón curado co fume do lume que se facía na lareira e os chourizos curados no caínzo.
-Papas de fariña con leite, papas de arroz con leite, sopa en leite...
-Troitas recén pescadas no río.
-Caldo de verzas, caldo de xenos, caldo de repolo, caldo de grelos, caldo de castañas…
-Morcillas feitas co sangue do porco cando se mataba.
-Cachola polo entroido e tamén freixós.
-Sopa de fideos, cocido e bizcochada polas festas do patrón, dúas veces ó ano
-Chulas, roxóns, tripas, torresmos, papas de maicena, pan con mel e outros...

Todos estes alimentos cociñados en potas de porcelana de cor granate por fóra que se colocabn encima do tres pés ou trébades e estes á súa vez encima do lume feito con leña ben enxoita no medio e medio da lareira.

Cando se levantaba a tapadeira para remexer, aproveitaba a ocasión para entrar alguha muxica do lume, pero estaba completamente desinfectada.

As potas afumábanse por fóra co fume cada vez que se usaban e logo tocaba sacárlle-lo cisco con cinsa.
¡E dálle que dálle..!

De larpeiradas: rosquillas das rosquilleiras polas festas do patrón, caramelos, biscoitos dos de dous reais ou dunha peseta, algúns caramelos de martillo, galletas, chocolate e pouca cousa máis.

A contaminación non se coñecía, o aire estaba puro, a auga da fonte e dos regatos valía toda para beber; só tiñas que mirar que non fora auga parada.
De feito antes de beber en calquera regato dicías: “auga corrente non mata á xente” e poñíaste a beber tanta auga como sede tiveras.

Totalmente certo.
Bebín en canto regato atopei e nunca unha infección collín.
Ruídos tan só se oía:
-O quiquiriquí do galo ó abrir o día.
- O cacarexar das galiñas que andaban ceibas polo curral, pola eira e pola horta.
-O rechouchío dos paxariños nas silveiras que anunciaban a chegada dun novo día o do cambio de tempo ou o casamento pola Candelaria.
-Os gatos cando miañaban ou cando procreaban polo xaneiro.
-O can cando ladraba porque chegaba algún extraño.
-As ovellas cando beaban polos seus añiños e o carneiro cando andaba en celo.
-O burro cando rebuznaba ou tomaba a cebada.
- De vez en cando oíase unha vaca ou varias á vez.
-Os ranchos no cortello poñíanse furiosos cando tiñan fame.
-Os grilos cantaban que daba gusto nos día de sol.
-Oías unha ra en calquera cano de calquera prado.

- Daba moito gusto escoitar:
-Os aturuxos dos nenos que andaban coas vacas ó outro lado do rio.
-Ou unha muller que pasaba pola corredoira cantando.
Ou un home que asubiaba a calquera hora e por calquera circunstancia.

-Tamén era moi bonito o canto do carro cando chegaba cargado de estrume ou de leña, á beira da noite.
Cantaba porque rabeaba por non te-lo eixo ben engraxado.

-O piar dos pitiños detrás da mamá galiña era todo un espectáculo.
-Os lagartos subindo polos valados cando había sol.
-E outras cousas polo estilo.

Agora, botando unha ollada ó pasado decátome de que sen sabelo, tocoume pasar a miña infancia nun paraíso terrenal.

E agora pregúntome:

¿Que nos queda de todos aqueles productos naturais?

¿Como tratamos a natureza os da miña xeración?

¿Que recibimos dos nosos antepasados e que lles deixamos ós que veñen detrás?

¿Cantos nenos de hoxe en día poden disfrutar en vivo da nai naturaza como disfrutamos os da miña xeración?

¿Cantos poden tomar leite ó dereito da vaca?

¿A que lle chamamos calidade de vida?

A min paréceme que non é ouro todo o que reloce.

Pero é vostede quen ten a última palabra.

Vostede dirá.

Quédolle moi agradecida por terme na súa consideración nesta ocasión e se o considera oportuno pode atoparme aquí o vindeiro xoves.
E se non, moitas grazas de todas formas.
¡Aburiño! ¡Ata a próxima!
Cachaza Platas, Mercedes
Cachaza Platas, Mercedes


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES