Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Para todas as nais

viernes, 03 de mayo de 2013
PARA TODAS AS NAIS BOTADAS FÓRA DESE DÍA

Os meirandes parabéns para toda muller que é nai, que poida selo ou mesmo para aquela que nunca o será. Polo feito de seres muller, (vitalidade, di de ti a Biblia), todos os nosos respectos e felicitacións.

Se de verdade es feliz, se te sentes respectada persoal, familiar e socialmente, se tes saúde e sanidade, se tes garderías e escolas, se che deixan falarlle aos teus nenos e nenas no teu falar, sen complexos, sen vergoñas, sen imposicións de persoeiros estirados e “harmónicos”, se che deixan traballar e ter economía propia, ... , daquela, para ti, muller, nai, todos os meus mellores parabéns e os de toda a humanidade.

Mais, non nos trabuquemos. Ser nai non implica que neste día, por si só, xa sexas feliz. Tes dereito a selo todos os días do ano. Porén a realidade é ben diversa e o día da nai ten de ser moi outra cousa e para outra causa.

Desde hai unha tempada grande fóronse multiplicando os días e xornadas de loita internacionais para sensibilizar á humanidade por algo de xustiza que está a ser esquecido ou mesmo vulnerado. E así temos días da paz, das migracións, da non violencia, da diversidade cultural, para o desenvolvemento, día mundial do medio ambiente, contra a desertización e a seca, a prol da diversidade biolóxica e preservación da capa de ozono.
Ás veces faise por algo que debe ser promovido e con esas campañas propíciase un cambio para a solidariedade e a loita dunha conciencia social común arredor de causas necesarias: alimentación, dereitos humanos, mundo rural, mundo obreiro, mundo do mar, poboacións indíxenas, da solidariedade, da alfabetización, refuxiados, nenos e vítimas inocentes de agresións, vítimas das torturas, doazón de sangue, responsabilidade no tránsito viario, defensa das poboacións, do mar. Día do neno, dos docentes, da xuventude, persoas da terceira idade, a non violencia, a saúde mental e os doentes mentais, redución dos desastres naturais, dos voluntariados, a saúde, a auga, o traballo, a seguridade e saúde no traballo, a protección dos animais.

Outros motivos poden seren para a erradicación de fallos, defectos ou incluso crimes que fican impunes. A fame, a discriminación racial, abolición da escravitude e da escravitude infantil, o tráfico de drogas, de persoas, a erradicación da pobreza e das prostitucións, a corrupción, para quitar das nosas vidas e prácticas diarias individuais e comunitarias mentalidades comúns que escravizan e fan dano. Erradicación da violencia contra da muller. Dia internacional da tolerancia. Solidariedade co pobo palestino.

Causas de humanitarismo: a lepra, o cancro, a tuberculose, a diabete, a SIDA, enfermidades raras. Día mundial da xustiza social e da muller traballadora.

E hai días de celebración por causas culturais ou de identidade persoal e social, de pobos ou comunidades: Días de Europa, de África, de América, de Asia, de Oceanía, das Nacións Unidas e da conservación dos Polos. Día internacional da lingua materna, Letras galegas e día da Galiza, das telecomunicacións, dos museos, da música, da poesía, do teatro, da danza, do libro, do libro infantil, da TV, dos correos, do turismo, da liberdade da imprenta, da aviación civil, da Cruz Vermella,

Pero tamén hai días que son coma uns transxénicos ou sucedáneos desnaturalizados que nacen viciados xa na orixe. Coma quen di, comida “basura”. Olla isto: «A auga non é un dereito; debería ter un valor de mercado e ser privatizada». “Ao presidente da multinacional Nestlé, o austríaco Peter Brabeck-Letmathe, atribúeselle esa durísima frase.“Reclamou un encarecemento do produto, en contra do actual abaratamento, para acabar co seu «malgasto» Tamén tivo palabras para os críticos coa súa postura aos que respondeu de antemán cualificándoos de «extremistas»”.(Galiciaé.- LV.-23/04/2013).

Nestlé, o Corte Inglés e o gran comercio en xeral crearon o día da nai, do pai, dos namorados, dos avós e mesmo desnaturalizaron o contido do Nadal e Papá Noël ou dos nosos populares Reis Magos. Eu non me apunto a estes días da nai. A maioría das nais que eu coñezo non están dentro da causa que eu defendo cando falo do auténtico día da nai. Eu non quero que ningún comercio me veña meter polos ollos as flores que lle poida levar á miña nai xa defunta.

Non. Non podo, non quero, non me vou sumar a ese día da nai mentireiro e insultante do que se fan eco os que nos gobernan. Con millóns de parados e famentos no mundo. Millóns morrendo de sede. Con fillos botados fóra da educación pública, gratuíta e de calidade e do sistema sanitario igualitario, mentres á par eses potentados queiman libros e prohiben falar a lingua materna con imposición persecutoria neste sistema podre. Deses políticos que nos gobernan, deses grandes trust comerciais que ata queren privatizar a auga, deses diversos grupos relixiosos que nos propagandean con medallas e nos impoñen días de non se sabe que, nin para que finalidades, deses e dos días que eles nos fan celebrar desconfío coma do lume incendiario. Paradoxalmente Nestlé véndenos logo leites maternizados e augas embotelladas.

Certo que temos de celebrar ás nais, reclamando xustiza e respecto, facendo posíbel que a súa maternidade sexa unha felicidade cada día do ano en todas e cada unha das mulleres, en todas e cada unha das culturas. E mesmo por iso, para ti, nai de familia que estás dando a vida e morrendo cada día, para ti toda a miña solidariedade, cos mellores parabéns e todas as bendicións do mundo. Si. Recolle a flor máis fermosa e o bico máis agradecido. E se es crente, tamén a miña oración. Defenderei sempre os teus dereitos e os dos teus nenos. Non quero ver máis nais morrendo nas pateras ou de fame. “Sen xustiza non hai igualdade. E sen igualdade non hai xustiza”. (Mans Unidas 2013).
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES