Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Premio

lunes, 29 de abril de 2013
Premio Hai dez anos Xosé Couso perdía a vida por un disparo dun tanque sobre o seu hotel cando cubría o conflito bélico de Iraq, e pasado este tempo aínda os culpables desa acción brutal non acudiron diante dun xuíz para responder daquel execrable acto. Aquel desgraciado episodio amosou as dificultades coas que se enfrontan algúns xornalistas no desempeño do seu traballo. A ninguén ocúltaselle que traballar mergullado nunha confrontación armada, carrexa un alto risco, pero sen eses reporteiros non sería posíbel unha información veraz, non alterada polas partes enfrontadas.

Xosé Coso pasou a ser un símbolo, un referente deses xornalistas que arriscan ao máximo no arduo traballo de informar en condicións extremas.. Agora cúmprense nove anos dende que o Club de Prensa de Ferrol e O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia crearon o premio que leva o seu nome. Este ano recaeu na xornalista “freelance” Mónica García Prieto que reside en Beirut dende o ano 2007 e está a cubrir o conflito de Siria, logo de pasar por Iraq, Afganistán, Líbano, Xordania, Chechenia, Gaza, Cisxordania, Exipto, etc, sempre no ollo do furacán. Mónica virá a Ferrol a recoller este simbólico galardón o próximo día 9 de maio.

A meirande parte destes xornalistas que van por libre non teñen o impacto mediático do que gozan outros que pertencen a empresas asentadas no mundo da comunicación. Este pequeno grupo de “lobos solitarios” coñécense entre eles, pero son case ignorados polo gran público. Traballan case sempre en condicións precarias e non contan co soporte das empresas do sector cando se atopan en dificultades. Soen arriscar moito e as veces pagan un alto prezo. Mónica García está entre eles, loitando contra todas as adversidades malia a súa xuventude. Como recoñecemento ao seu abnegado e perigoso traballo os membros do Club de Prensa de Ferrol e os xornalistas do Colexio Profesional a votaron, entre un elenco doutros candidatos, por maioría suficiente.

E curioso notar como todos os xornais do signo ideolóxico que sexa, sacaron nas súas portadas o atentado de Boston que causou tres mortos e unha morea de feridos. Quizais á mesma hora, nalgún lugar de Siria morrían un feixe de persoas, entre elas moitos nenos por mor dalgún bombardeo. Sabemos daqueles países o pouco que sabemos grazas a profesionais coma Mónica García que están alí xogándose a vida para levantar acta do que acontece nese mundo cuxos problemas semellan afastados de nós. Ven agora a miña memoria unha imaxe impresionante da reporteira correndo por unha rúa, nunha cidade de Siria a carón dun soldado, esquivando o fogo cruzado de francotiradores, portando a súa cámara fotográfica e unha bolsa coas pertenzas do traballo. Na figura desta reporteira estase a recoñecer tamén a todos os xornalistas que exercen por eses “horizontes lonxanos” en similares circunstancias, o mesmo que o fixo Xosé Couso.

Por iso, e sen desmerecer en absoluto aos outros candidatos que aspiraban ao premio, penso que Mónica García Prieto é xusta merecedora deste galardón outorgado por votación entre os compañeiros xornalistas de Galicia que recoñeceron nela o traballo sacrificado, difícil e perigoso que levan a cabo no seu día a día estes profesionais da información que se saen do común.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES