Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Tamén a Democracia...

lunes, 29 de abril de 2013
Si…, tamén a democracia está en crise. Puxérona en crise, en grave risco de ser substituída non se sabe moi ben por que, diversas causas; pero o último puxón estallo dando a partitocracia, incapaz de responder ós desafíos das nosas sociedades, cunhas institucións gobernativas extremadamente debilitadas a hora de acometer a solución de problemas fundamentais e, polo contrario, con arroutadas de certa arrogancia e indiscutible inxustiza cos cidadáns máis necesitados. Nin a sanidade, nin o ensino, nin a seguridade na rúa e no propio domicilio, nin o respecto a independencia dos distintos poderes, funcionan nas que hoxe se chaman democracias occidentais.

A radiografía ética e política dos nosos países evidencia un perigoso avance nas patoloxías que van incoando procesos que se ofrecen como irreversibles e inevitables en mans de axentes miopes, desestabilizadores, desestructuradores do que serve e teimosamente conservadores das baterías con un potencial destrutor de todos os resortes da convivencia e dos necesarios equilibrios ecolóxicos, ao mesmo tempo que se pechan as vías de acceso a creación de instrumentos que faciliten as razoables revisións que esixen os tempos.

A tan cacarexada globalización (pero...está aí!); a falta dun marco adecuado para evitar a conflitividade que xera a convivencia con outras etnias; esa mesma partitocracia que denunciamos; o colosal desenvolvemento, e o seu impacto, das técnicas da información; o xurdimento de poderes económico-políticos superaestatais, incluso, difusos; a falta de solidariedade para resolver o enquistamento das bolsas de poboacións de marxinados; as poliditaduras no seo dos sistemas denominados democráticos, imbuídos dunha lexitimidade que o pobo – soberano por definición democrática- evidencia que non lles deu; as deshonestidades de significativos representantes institucionais, e as actitudes autistas, que desesperan as lexítimas inquietudes, son causas que atacan de raíz os principios democráticos.

Pero hai moitas outras causas que, cando menos, son coadxuvantes: que máis ben que gobernados pola política estámolo polos mercados, que son os que fan que os vínculos sociais se esfarelen, vigorizando as individualidades en prexuízo dunha contextura solidaria (e isto parece que está ocorrendo a todos os niveis: a señora Merkel pide que as nacións membros da UE. cedan máis soberanía a esta, o que podería entenderse, se non fora que equivale a poñer esas cesións nas súas mans); que os partidos políticos, en poder de medianías recalcitrantes, están baleiros de pensamento político innovador e son un mal exemplo de democracia interna; que, como consecuencia, no seo deles emerxe o afán de aproveitarse da ocasión para gañar diñeiro, en vez de potenciar a súas funcións políticas axeitadas a realidade social, etc.

Aquí, en España, ata se entreteñen os políticos en xogar cos termos: parece que hai que substituír “escraches” por “acoso”, e aínda que no argot xudicial no nos parece mal, temos que poñer reparos nas actitudes, porque non lles permiten nin tan sequera ser coherentes na semántica, posto que están utilizando o termo “austeridade” como virtude por a “austeridade imposta” e como instrumento, solapado, para colarnos unha inxustiza social, xa que esta austeridade queda circunscrita as clases máis necesitadas. Claro, enténdese: os efluvios dun neoliberalismo tan salvaxe esparexen as vontades dos seus adeptos, sen darse conta de que foron eles mesmos os que incitaban á dilapidación nos tempos de bonanza.

E de todo isto hai abondo referencias e documentacións na nosa experiencia cotiá; pero escoiten algunha opinión autorizada. Tony Judt (1.948-2.010), historiador británico, escritor e profesor, especializado en Europa, de orixe xudeu, afirma nunha obra que titula “Postwar: A History of Europa Since 1.945” (2.008) que pasamos do consenso da postguerra ao actual modelo neoliberal, propiciado por Margaret Tatcher e Ronald Reagan, principalmente; e neste contexto un político luxemburgués, Jean-Claude Juncker, que foi presidente do momento do Consello de Europa (ata 2.013), no último discurso no Parlamento Europeo, dixo que os axustes foran deseñados para que recaeran nos máis débiles, que, segundo o economista estadounidense, Joseph Stiglitz, representan unha elevada porcentaxe da poboación mundial e necesitarían para vivir o que lles sobra aos potentados, ós que parece que Europa está disposta a manter cos seus privilexios.

Xustamente por isto, como afirma Amartya Sen (www.nybooks.com/articles/22490), a resposta a crise non “debería quedarse en pedir un novo capitalismo, senón en revisar a interpretación das “vellas ideas” sobre o funcionamento da economía e a capacidade do mercado para xerar e distribuír a riqueza e o benestar”. Pero a gran pregunta non se deixa esperar:
¿De verdade pensa A. Sen que iso pode facerse dende a actual democracia?.

Supoñemos que estará pensando nesa terceira vía que non parece que acaricien moitos cidadáns: uns, polo medo a perder a súa situación de privilexio, e os outros, por un escepticismo centrado en que a natureza do home xa non ten resortes para unha crible solidariedade e un comportamento ético, e tamén en que os poderes executivos seguen dilapidando en subvencións, sen controlar o seu destino, por exemplo, enriquecendo axentes de actividades que pasan por sociais e restauracións de casas que son un verdadeiro fraude ao contribuínte. E isto da a medida da insensibilidade das persoas para buscar, incluso con outros sistemas de goberno, solucións xustas aos problemas y vixiar eficazmente as inxustizas. E se fallan as persoas...!.

Así pois, estamos acelerando a crise da democracia, que, por moito que se queira ocultar, asoma xa o fociño; pero esperamos con obstinación ata poñela camiño de sorprendernos como a económica.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES