Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Anxos resilientes

miércoles, 17 de abril de 2013
“Ángeles sin nombre”, de Óscar Martín, conta a abraiante historia de Alicia (que hoxe ten 25 anos), unha nena madrileña superdotada que con 6 anos é secuestrada na Cabalgata de Reis de Madrid e vendida a unha rede de pederastas de Nova York. Con outros nenos, Alicia vivirá o terror e a bestialidade de xente sen alma que os intentará converter nun mero produto de consumo. O libro describe de xeito pormenorizado o calvario destes nenos. Mais cómpre dicir que Alicia, á que os seus secuestradores chamaban “Ángel 8”, é unha nena especial, superdotada e cunha consciencia e conciencia moi superior á dos nenos da súa idade. Isto lévaa a descubrir a estratexia opresora e a combatela, desvelándolla tamén aos seus compañeiros de destino.

Alicia é capaz, con seis anos, de montarse todo un mundo interior no que refuxiarse e coller forzas para resistir a barbarie na que ten que vivir. Empeza por bautizar aos seus secuestradores con nomes de animais, escollendo xeralmente bichos perigosos: león, hiena, serpe...

Mais Alicia non ten a forza física suficiente para opoñerse a eles, por iso utiliza a súa forza interior para resistilos soñando coa liberdade que nunca mereceu perder.

Alicia distingue o mal do ben, sábese compañeira dos seus compañeiros e cando lle toca lideralos (de acordo coas normas da fauna opresora) non dubida por un instante cal é o inimigo común. Ela converterase na gran líder dos “anxos” e os seus compañeiros así o recoñecerán cando a barbarie remata.

O que verdadeiramente me interesa neste artigo é retratar a Alicia como o que é: unha resiliente no extremo da sen razón. Para isto valereime dun pequeno esquema:

O caso

Nunha circunstancia extrema Alicia pon en funcionamento todo o seu potencial interior, e non só o fai para salvarse a si mesma senón para salvar tamén aos seus amigos. Cara si mesma, como xa se viu, A protagonista crea un mundo paralelo de fantasía e ilusión no que a propia realidade non ten cabida, e ela é capaz de crer na fin da barbarie erguéndose nesa realidade hostil amparada na forza dos soños. Cara os demais, Alicia convértese na líder moral das vítimas da barbarie compartida, construíndo unha fronte común xunto coas trincheiras de refuxio que lle son permitidas.

Deste xeito une a todos os seus compañeiros, e failles ver as súas percepcións, deseñando métodos para combatelas.

Alicia responde á seguinte análise DAFO:

· Debilidades. É unha nena secuestrada por un grupo de delincuentes, polo tanto carece da forza física necesaria para opoñerse aos mesmos.

· Ameazas. A consciencia da propia situación lévaa a querer actuar en colectivo e a súa altura moral a non calar ante esta barbarie, co correspondente risco que isto implica para a súa propia vida nun contexto totalmente hostil que a concibe mera mercancía.

· Fortalezas. Alicia é consciente dos seus límites e ilímites. Sabe que ela é distinta aos seus compañeiros, isto lévaa a poñer a súa intelixencia ao servizo da causa xusta, e a compartir con eles descubrimentos que non son habituais en nenos da súa idade. Polo tanto tamén demostra unha mente ética sólida, que percibe con claridade a inxustiza e oponse á mesma, buscando apoios para loitar nunha batalla que parece perdida.

· Oportunidades. A valentía de Alicia lévaa a abrir oportunidades que fagan máis soportable o calvario colectivo, chegando a negociar cos pederastas cando a elixen líder.

O vínculo coa vida e o sentido do sufrimento.

Na situación extrema que se describe, a nosa protagonista é consciente de
que necesita atopar un vínculo coa vida, de acordo con Vanistendael (en http://www.youtube.com/watch?v=QMFH3Utaz8U “Creure que és possible. Faciltar la resiliéncia”) este é un aspecto esencial nun resiliente. Cómpre que o sufrimento teña sentido para quen o padece, aínda na sen razón máis absoluta na que se atopa o caso que trato de analizar.

Alicia sabe perfectamente que o que está vivindo é totalmente desproporcionado, por iso fuxe cara un mundo de soños paralelo no que loita e gaña contra animais salvaxes que a fan máis forte. E por iso, tamén, ten nun recuncho do seu soño refuxiada a imaxe da vida infantil que lle roubaron. Nun momento do libro, Alicia lembra a existencia de Deus e do demo preguntándose qué fixo para tan feroz castigo. Simplemente trata de procurar a razón do sufrimento para vincularse de novo coa vida e seguir loitando.

Resulta abraiante como unha nena de seis anos pode darlle sentido ao sufrimento transformándoo en forzas para resistir. Nesta transformación Alicia decide apostar pola vida ata o último alento.

Vontade independente.

Parece incrible pero podemos e temos que analizar a vontade independente de Alicia durante o seu cativerio. Alén dese mundo paralelo xa mencionado, Alicia é capaz de neutralizar todas e cada unha das ofensas que lle fan á súa persoa, e de responder a elas caladamente para non deixar un recuncho de odio no seu interior.

Alicia sabe quen é, de onde vén, onde quere e onde non quere ir. Cando contesta á barbarie sabe porqué o fai; e cando non, sabe o que debería de contestar. Tamén sabe que ten que facer o ben, e fuxe en todo momento da elección do mal. A mente ética e respectuosa (utilizando terminoloxía de Howard Gardner, 2005:110) de Alicia chega ao punto de pedir perdón cando, no transcurso dunha liorta, agrede ao seu agresor.

Ante os abusos padecidos, Alicia ten claros tres conceptos:

· O que é. Alicia non se sinte en ningún momento parte activa nin do que ten facer nin do que ten que dicir; ao igual que non é parte activa nin do que lle fan nin do que lle din. Deste xeito a armazón da súa infancia permanece incorrupta nas mans do salvaxismo.

· O que ten. Sabe que é superdotada, que quizais sexa intelectualmente superior a todos os da casa, pero que as súas forzas físicas son limitadas.

· O que pode facer. Decide informar aos seus compañeiros de aventura de certos aspectos que percibe sen seguridade, e procura os seus apoios uníndoos entorno á adversidade.

A mentalidade de Alicia ten a estratexia da resistencia, e é a mesma que poñen en marcha nos seus contextos Anna Frank ou Victor Frankl. Alicia é capaz de neutralizar as estratexias opresoras dende o seu propio interior, repudiando todas as barbaridades e ancorándose na seguridade de que ela soamente é todo o que era antes do tráxico secuestro. Como Víctor Frankl, Alicia opta por escoller a súa actitude.

O humor

Parece mentira pero este libro de bágoas tamén garda un breve espazo para o humor. Quizais sexa un humor tráxico na medida que nel os protagonistas recuncan nas propias adversidades, mais garda unha fonda vontade de resistencia e de acender refachos de luz na máis absoluta escuridade.
A actitude e a autoestima

No libro, Alicia só reflicte dous momentos de fraqueza; nun deles incluso chega a reflexionar sobre a existencia de Deus. En xeral mantén unha actitude de resiliencia clara que lle permite forxar unha personalidade de líder que guiará aos seus compañeiros na desesperación, mantendo intacta a súa autoestima.

O amor

Alicia humaniza aos anxos que, sabéndose dun mesmo bando, empezan a coidarse e a protexerse mutuamente naquela barbarie.

A iniciativa

Son as condutas postas en marcha pola mente ética de Alicia as que forxan a liberdade.

O compromiso e a creación de alianzas

Alicia comprométese cunha liberación colectiva, compartindo todos aqueles pasos que poden facilitala. Este compromiso reflicte a súa madurez moral, que na escala de Kohlberg se situaría nun nivel postconvencional, caracterizado pola aceptación de principios éticos universais. Este nivel é pouco usual nunha nena da idade de Alicia, mais o seu xeito de actuar cadra co respecto a estes principios. Ademais, Alicia non acepta a norma, sabendo que a van castigar duramente por isto, opta por unha desobediencia claramente cívica ante o inxusto.

A interdependencia e o sentido de misión

Alicia é moi consciente de que a súa vitoria será colectiva ou non será. Nesta idea empeña a súa forza e cada momento da súa existencia ata o día da liberdade. Durante o secuestro, cada acción de Alicia é pensada en colectivo. isto convértea na gran líder moral e espiritual do grupo.

A creatividade

Alicia é capaz de recrear a adversidade a través de debuxos que narran a propia vivencia.

A esperanza

Con procesos de desespero lóxicos na situación descrita, pódese dicir que Alicia nunca perde a esperanza e a ilusión da liberdade. Alicia sitúase no termo medio entre a ilusión e o cinismo, isto permítelle actuar nesta realidade e crear as alianzas necesarias para unha resistencia que camiñe cara a liberación.

A capacidade de dar

Alicia non dubida endexamais en compartir o pouco do que dispón cos seus, e como é obvio remata facéndolles o agasallo máis desexado...

A firmeza

A certeza e a solidez da crenza nos propios valores, converte o interior de Alicia en inexpugnable, nun exemplo perfecto de vontade independente.


A capacidade de perdón

Sen dúbida, o máis abraiante da pequena resiliente é a súa capacidade de perdón. Coido que o seu interior branco non alberga recunchos para o odio. Isto reflíctese na dedicatoria de Óscar Martín que remata lembrando “a todas aquellas personas que os negaron el derecho a ser infancia”.

A interpretación da aprendizaxe

Está claro que un neno pouco ten que aprender dunha situación así, pero Alicia é capaz de analizala como un contraexemplo que reflicte todo aquilo que ela nin é, nin quere ser.

A inviolabilidade dos propios valores

Na situación límite descrita, a ruindade non consegue que Alicia traizoe os principios e valores transmitidos polos seus pais.

A visión do legado

Despois dunha análise da situación e superado o engano, Alicia asume con claridade a misión da liberdade, e é capaz de visualizar o legado polo que loita día a día, que por suposto é un legado colectivo.

Flexibilidade

Alicia consigue sobrevivir nunha situación límite mantendo os principios que lle son propios, establecendo graos de adaptación á barbarie e negociando a mellor situación no peor escenario para ela e os seus compañeiros.

Un libro abraiante que encolle o corazón na medida que o leva a coñecer os suburbios temibles da humanidade. Declaro a miña admiración profunda por Alicia, desexándolle longa vida para unha liberdade que sendo nena gañou para sempre.

MARTÍN , O. (2001): Ángeles sin nombre. Emotional books, S.L., Madrid.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES