Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un castelo abandonado

viernes, 05 de abril de 2013
Un castelo abandonado Xa fixen alusión, noutra “mirada” ao único castelo con que conta o municipio de Mugardos e aos plans de actuación que teñen programados para convertelo nun establecemento hostaleiro de alto “standing”. Claro que unha cousa son os plans e outra moi distinta o levalos a cabo. Non quero dicir con isto que o proxectado non se chegue a realizar, pero logo de dez anos e das dificultades de financiamento por mor da tan traída e levada crises, os actuais propietarios, o grupo “Diana” e a sociedade “Invertaresa” quizais pensaran en establecer unha moratoria e esperar a que veñan tempos mellores. Un gozo máis no pozo do desalento.

Din os historiadores que no lugar onde está o “Castelo da Palma” houbo outro asentamento moito máis pequeno que databa do ano 1597. A actual fortificación, duns 30.000 metros cadrados foi construída a finais do século XlX . Contou cunha guarnición de soldados e tamén foi empregada coma cárcere militar. Aí pasou unha tempada o golpista Tejero e denantes tamén estiveron detidos aqueles militares pertencentes ao movemento de Unión Militar Democrática. Aquel por tentar volver á ditadura e estes pola defensa dos valores democráticos, xa ven. Logo foi dado de baixa e vendido por 1.300.000€ ás empresas antes aludidas.

Este castelo, xunto co de San Felipe, forman coma as dúas columnas de Hércules da ría do Ferrol, dous bastións defensivos que facían case imposible a entrada por mar a aqueles barcos que puidesen traer perigo á cidade departamental. Entre outras accións disuasorias empregaban, mediante un sistema de bateas, a extensión dunhas cadeas que ían de un ao outro castelo, imposibilitando así a navegación polo estreito canle que da entrada á ría.

Cada vez que paseo polas súas inmediacións detéñome a observar a ciclópea construción. Se se trataba de disuadir, desanimaba so a súa presenza : eses muros de pedra inexpugnables, o seu pequeno ponte levadizo que illaba o acceso por terra e o seu porte intimidatorio daban a entender que mellor era non menealo, non fose a ser. Pero hoxe o castelo está en horas baixas, abandonado a súa triste sorte, esquilmado polos amigos do alleo que non deixaron títere con cabeza e abocado á ruína se non se toman certas medidas protectoras. Dende que foi vendido ata o de agora pasou por diversas vicisitudes, moitas das cales tiñan que ver con trabas administrativas á actuación de reforma dentro do castelo e tamén nos terreos da contorna. Tanto que o asunto foise dilatando no tempo ata que pasaron dez anos e agora, libres de trabas administrativas pero afogados pola ausencia de cretos, pois a inversión prevista din que supera os 20 millóns de euros, os promotores non se deciden a iniciar unhas obras que transformarían esta fortificación nun lugar residencial para clientes de alto poder adquisitivo.

Falar disto coa que está a caer, ata parece un pecado, pero a cousa éche así. Recordo ouvir a un alcalde de Mugardos dicir que sería imposible facerse co castelo a non ser que a administración central e a autonómica apostaran forte e xa que logo a única maneira de conservar a fortificación era convertela nun hotel.

Non sei en que rematará todo isto, pero as circunstancias non son propicias e non me estrañaría que o proxecto quedase niso, nun tímido esbozo. Oxalá me equivoque.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES