Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

XVIIº Centenario do Edicto de Milán

viernes, 22 de marzo de 2013
Pareceume oportuno traer hoxe aquí un recordo do Edicto de Milán, firmado por Constantino e Licinio, en Milán, a finais de 312 ou principios de 313. Nesta oportunidade xurden dúas perspectivas: A elección de Papa na persoa de Monseñor Bergoglio e o 17º centenario da firma do Edicto de Milán, que abriu para a Igrexa as primeiras portas do poder, da alianza co poder civil e institucional propio, que, xustamente, é o que acaba de poñerse nas mans do novo Papa, Francisco I, a quen tamén se lle abre a posibilidade de que, facendo uso da intelixencia, rompa a coiraza dun poder non sempre moi beneficioso para a misión que lle está encomendada á Igrexa.

Despois de tres séculos de sanguentas persecucións, a Igrexa puido acadar un marco legal para poder desenrolar a súa misión. A concesión de esta situación xurídica e política estáballes reservada a Constantino, fillo de Constancio Cloro, que dominaba nas Galias , e Licinio, emperadores.
Sabido é que aqueles tempos eran intrigantes e perigosos. O mesmo Constantino, coñecido polo Grande, de mozo, foi retido por Diocleciano, no seu propio palacio durante varios anos, temeroso de que se lle ocorrera aspirar ao Imperio. Pero as súas precaucións non foron dabondo precavidas, porque o rapaz fuxiu para xunto do seu pai, na Galia, logrando así ser proclamado Augusto, no ano 306, polas tropas que capitaneaba.

Desta maneira empezou o poder de Constantino, que se veu acrecentado pola unión en matrimonio con Fausta, filla de Maximiano Hercúleo. Á morte do seu sogro tivo que combater contra Majencio, que ocupaba Italia. Cóntase que, precisamente cando marchaba co seu exército, aparecéuselle unha cruz luminosa no ceo con esta inscrición: IN HOC SIGNO VINCES (“con esta sinal, vencerás”). Trátase da batalla da ponte Milvio. Tamén se fala incluso doutras aparicións, que lle aconsellaron facer un estandarte adoptando o modelo daquela cruz. Ó estandarte chamóuselle LÁBARO, e impúxolle a cifra de Xesucristo, coas letras entrelazadas X P.

O caso é que Majencio foi derrotado e, fuxindo, afogouse no Tíber (s. 312). Todo isto fixo, segundo parece, que Constantino se convertera ao Cristianismo, co seu colega Augusto Licinio, e ambos e dous emperadores firmaron o famoso Edicto de Milán. E segundo parece o mesmo Constantino xuroulle a verdade de todo o relativo á Cruz ó historiador Eusebio; miren que casualidade: o seu homónimo que temos aquí en Alfoz (Lugo) foi o que me recordou a min este 17º centenario. Constantino mandou facer unha estatua na que sostiña na mao unha lanza en forma de cruz con aquela lenda.

A Igrexa tivo outras pelexas cos DONATISTAS e ARRIANOS. Nelas parece que se veu envolto o emperador, aínda que facilitou a reunión dos concilios de Roma e Arlés, nos que foron condenados os donatistas. Pero como os arrianos seguían causando problemas, postos de acordo o Papa e Constantino, convocouse o Concilio de Nicea (s. 325), e os mesmos bispos que asistiron a el tiveron as axudas económicas do Imperio. Aquí tamén está representada España, porque ese concilio presidiuno Osio, bispo de Córdoba, por delegación do Papa, cos cregos de Roma Vito e Vicente. Pero esta historia non quedou sen o paradoxo: A Constantino bautizouno un bispo arriano, o de Nicomedia.

A alianza co poder civil e co Mamón (o diñeiro, as riquezas...), dende unha perspectiva histórica, sempre lle trouxo á Igrexa serios e comprometidos problemas, que, segundo parece, xa empezaron nesta época constantiniana, cando a Igrexa tratou de desvirtuarlle ao Emperador a acusación do asasinato da súa muller Fausta e do seu fillo Crispo.

Francisco I, en principio, polo propio nome elixido e pola súa austeridade, abre un camiño a esperanza de que os teólogos do mercado, ó estilo de Michael Novak, non sexan os máis predominantes no seu reinado. Esperemos que teña moi claro que o “fundamentalismo” do mercado é pernicioso e moralmente inaceptable.

Paul Knitter, teólogo norteamericano, formado en Roma e en Alemaña, con Rahner, “sospeita da facilidade con que a interpretación das Escrituras sagradas e a formulación das mesmas doutrinas relixiosas poden chegar a converterse en verdadeiras ideoloxías ao servizo da cultura, da política, da economía e da relixión dominantes: Sospeita a tendencia a CONFUNDIR A VONTADE DE DEUS COS INTERESES DA RELIXIÓN QUE DI REPRESENTALO, dos seus dirixentes e portavoces, así como da inclinación a infravalorar outras tradicións culturais e sensibilidades relixiosas” (páx. 275, de “Otra teología es posible”, por Juan José Tamayo, Herder, www.herdereditorial.com) .

Ao cultísimo teólogo e filósofo Andrés Ortiz-Osés, nunha entrevista, formúlanlle a seguinte pregunta: “¿Debe perecer a Cristiandade – estrutura de poder – para que sexa posible o cristianismo – fe persoal”. Contesta que é necesario un contexto máis aberto e cultural na Igrexa, “xa que á cerrazón eclesiástica únese a cerrazón laical nunha incomunicación do clericalismo e do anticlericalismo. Hai, pois, que propugnar un ecumenismo cristián e relixioso, filosófico e cultural, un diálogo universal”, é dicir, é mester non bloquear ao home.

O mesmo teólogo e filósofo afirma que se a nosas igrexas están hoxe en día bastante baleiras de persoas é porque están baleiras de espírito. Faise eco da crise institucional, que atribúe ao divorcio entre a experiencia vital e amorosa da xente e a visión eclesiástica conservadora da existencia e do amor. Afirma que as Igrexas reformadas levan unha traxectoria moito máis aberta que a católica. E di tamén o Dr. Ortiz-Osés que “necesitamos un Deus heterodoxo respecto as ortodoxias oficiais”, posto que, “despois dos descubrimentos da nova física cuántica, certa vella visión do Deus tradicional resulta ridícula, impúdica e infame”. Da mesma maneira rexeita a discriminación da muller e, por conseguinte, o paradoxo relixioso e eclesiástico de que a muller non poida na Igrexa acercarse ao Altar, cando tivo un papel tan singular na Redención e sempre mantivo unha indiscutible proximidade a Cristo.

Hai máis perlas milanesas. Ramón María Nogués, na súa obra “Dioses, creencias y neuronas”, editada en Fragmenta, Barcelona, 2.011, escribe: “O desaforado interese cás relixións manifestaron por controlar as vidas persoais e as institucións sociais, propiciaron unha deformación da función que lles corresponde, que é a de asistir a capacidade de interrogación dos humanos, e xerou un rexeitamento proporcionado as súas lexítimas e interesantes funcións”, páx. 57.

Esperemos, pois, os cristiáns, que a Súa Santidade Francisco I, polo menos, incoe os prudentes e pertinentes procesos encamiñados a dar solucións a estes e outros problemas que están aí no seo da Igrexa, seguramente como unha consecuencia que ten un orto milanés e se foi desenrolando acumulativamente a través da historia, ata xerar os degoiros e a necesidades de buscarlle unha saída, que non debe consistir en dar respostas do pasado a preguntas do presente, como reiteradamente se adoita facer.

Como di un bo meu amigo, vivamos na esperanza...!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES