Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Entrevista

miércoles, 13 de marzo de 2013
ENTREVISTA A XAQUÍN CAMPO FREIRE, co gallo dos seus cincuenta anos como crego.

Pregunta: -Nome.- Resposta: Xaquín-Orlando-María Campo Freire. 20-05-1937. Roca, Guitiriz, Lugo. Son dos da casa de Xaquín de Roca desde o meu tataravó Xaquín, quen aló polo 1750 viñeron os dous moi pobriños para alí despois de mercaren aquel Casal de Coval, un casopo cativo, xa caído. Chamábanlles os do Campo. De aí o noso primeiro apelido. O de Freire, quere dicir irmán, aprender a vivir e facer fraternidades. Iso vennos da nosa nai, á que non podemos poñerlle cara pois non chegamos a ter a idade para seguila recordando.
Isto é o noso mellor escudo.

P.-Pequena biografía. R.- Son un neno dunha aldea insignificante da Galiza rural dos tempos da guerra incivil, que naceu falando galego coma todos os meus máis antigos e por iso lle quero tanto. Nada de política. Pero non consinto que señoritos coma Feijoo o queiran destruír.

Fun xemelgo dun irmán que finou ao ano de nacermos. Aos meus sete anos ficamos sen nai os catro que vivimos aínda hoxe. Grazas ao noso pai e á xente da nosa aldea fómonos abrindo camiño. E fomos moi ben queridos.
Tivemos un cura excelente, D. Xesús Veres Díaz, que se desvivía polos fregueses. Salvou moita xente naquela desgraciada xeira. Ao mestre, D. Antonio Martínez Villar, debémoslle sabedoría e ciencia e tamén saber encadernar, facer teatro ou empezar a irmos facendo a propia biblioteca. Convivía connosco e por iso era mestre de vida as 25 horas de todos os días. Sempre dispoñíbel. Facía as mesas e os bancos da escola. Facía a tinta. Era sabio e un grandísimo docente. A escola era mixta. E grazas a el había escola. O respecto polas nenas e a muller estaba todos os días nos seus adoutrinamentos e nos severos castigos cando alguén de nós se atrevía a facer brincadeiras un pouco fóra do sentido común que desmerecesen da súa dignidade de mulleres.

P.- Por que elixiches ser cura. R.- Iso non se elixe un día. Vaise elixindo cada día. Se ves que vale a pena ser coma aquel cura ou mestre dos que falei, tamén ves que pode valer a pena darlle sentido á túa propia vida por ese camiño. Valeu a pena? Teredes de dicilo os que me coñecedes. Se consigo ir sendo en cada etapa da miña vida coma aqueles que citei, certamente pode ter sentido. Déixoo á vosa valoración. Coñecédesme ben, como eu vos coñezo a vós.

P.- De non selo: que che tivese gustado ser. R.- Seguramente sería un pasábel esposo da posíbel miña benquerida muller e compañeira. Sería un honorábel pai de familia, dos que tiven exemplo nos meus pais e en toda a aldea e que é o máis grande que pode ser unha persoa. Pero iso ficou niso. Nun futuríbel que por agora non se concretou na realidade de que puido ter sido e non foi. Sei quen vou sendo o que vou sendo. Quen sería? A vida de cadaquén depende de moitas circunstancias e de como lle vas respondendo a cada intre vital. Eu fun respondendo así. O importante é serlle fiel á vida que che toque vivir. Ser medianamente honrado e intentar sempre ser boa persoa.

P. - Cómo naceu a túa vocación sacerdotal. R.- Non naceu. A vocación dunha vida é como os nosos ríos. Empezan nunha fonte pequeniña, escondida en calquera recunchiño descoñecido do noso monte, e logo paseniñamente van recibindo novas augas de moitos outros regachiños que se veñen a engadir. Entre todos facemos un gran río ou un río grande. Xa o dicía Cunqueiro: “A noite vai coma un río”. E a vida tamén.

P.--Recordas a túa primeira misa e onde. R.- En San Xiao de Roca, a miña aldea, coa xente que nos acompañou en toda a vida. Aquilo foi unha grade aperta de amor. Lembro a tío Antón de Novo, chorando, abrazado ao meu pescozo: Felicito á túa nai, Xaquín, e a todos os que xa se foron. Os cemiterios das nosas aldeas forman connosco unha vida de agradecementos e de esperanza. Eles tiran de nós para continuarmos o que eles deixaron empezado e que recolleron do avós e trasavós ata o comezo do mundo. Somos ese río pequechiño do que falei antes. Por iso somos importantes. Porque estamos nas canles máis vitais da existencia. Por iso repudio toda morte que non sexa a natural. Ninguén ten dereito a frustrar ningunha vida. E daquela temos visto moita morte arredor de nós que nunca debera ter sido. Por iso valoro ao meu cura e ao mestre. Porque salvaron vidas e deron sempre vida. Gosto de ser coma eles.

P.- Parroquias polas que pasaches e un pequeno comentario sobre estas…como as encontraches e como… as deixaches. R.- Levo pasado por vinte parroquias. E refírome ás que tiven un cargo pastoral con encomenda cunha responsabilidade definina. Falar diso suporía escribir todo un libro que talvez debera de ir facendo. Quizais algún día. Por iso, seguindo a túa amábel invitación, estou a escribir sobre Piñeiros-Freixeiro-O Feal de Arriba e o de Abaixo. Unha parroquia que marcastes definitivamente a miña vida. Grazas pola oportunidade. Iso obrígame a ir traballando esa nosa benquerida e sagrada memoria colectiva. Entre todos somos coma ese río que, neste caso, vai desembocar Ás Aceñas, despois de recoller as augas dos outros pequenos riachos que tamén nos dan vida como parroquia e que teñen nome de seu.

P.- -Se tiveses de ficar con algunha, con cal te quedarías…(xa sei que me dirás que con todas). R.- O máis importante das parroquias somos as persoas, coas súas alegrías e os seus sufrimentos, cos acertos e trabucamentos, coas nosas bondades e incluso coas pequenas ou grandes maldades. Cos agradecementos e cos perdóns que nos debemos e necesitamos uns dos outros se queremos avanzar. E ás persoas lévaselles a todas no corazón. Podes irte dun sitio. Pero se estiveches a carón dun neno que naceu ou o bautizaches, ou colliches a man dun enfermo e dos seus familiares, que ao mellor mesmo axudaches a amortallar o lle pechaches os seu olliños recollendo con tenrura e con honra toda a súa vida ou logo rezaches en común por todos eles, iso vai sempre con un. Iso non se esquece.

Podes arrepentirte de non ter feito máis nesta ou naquela ocasión. Pero as persoas, coma os ríos, van todas xuntas connosco. Diso sabedes moito os pais e nais. Queredes a cada fillo desde el. E sempre van convosco.

P.- -Que che parecería de que as mulleres puidesen exercer o sacerdocio. R.- Por que me preguntas algo do que ti e todos nós xa sabemos a resposta? Toda exclusión non xusta é unha aberración histórica coma moitas outras. Calquera discriminación dun ser humano, por sermos home ou muller, branco ou cobrizo, etc. vén sendo un sen sentido. E diso somos todos responsábeis. Cando sexa un auténtico clamor popular, xa verás como se soluciona o asunto. Non pola miña opinión individual só, que de seguro que algún lector dirá: Este verte no río. Certo. Pero non é igual verter no río da vida que nos ríos das opresións que por moito que veñan de atrás non son senón inxustizas. O cartaz de Mans Unidas deste ano di: “Sen igualdade non hai xustiza. E sen xustiza non hai igualdade”. Eu nacín dunha muller e teño irmás e se formase familia tería esposa e fillas. Eu non son máis do que ningunha delas, por moito que mo digan as leis civís ou de calquera cultura ou relixión. Eu, home, non son máis nin mellor do que ningunha das mulleres que coñecín ou hai no mundo.

P.- Que che pareceu a dimisión do Papa. R.- O mellor servizo que fixo á igrexa e á humanidade. Vivín en Roma os dous últimos anos do Papa anterior e a elección deste que presentou a renuncia. Aquilo era un dolor. Non hai dereito a que grupos de presión e de intereses non tan santos se ceben con un pobre enfermo e velliño, baixo capa de non sei que martirios. Pero iso vale tamén para a destrución que estamos a facer agora das axudas a todos os anciáns dos nosos pobos, ou da sanidade ou das escolas, dos parados, etc. O problema é sermos todos humanitarios. Que crase de humanidade estamos a construír?

P.- Cada vez soen acudir menos fregueses á misa. A que pensas que é debido. R.- A miña percepción é que cada vez a xente se desprende máis das rutinas que non ten integradas seriamente na súa vida. A iso alguén chamoulles superestruturas alienantes. E ten razón. Pero a miña experiencia diaria é que os que nos reunimos en serio a celebrar a vida de cada semana no domingo na comunidade de fe e de esperanza, de opción preferencial polo mundo do irmáns necesitados de amor, axuda e comprensión, que somos todos, non teño a impresión de que sexa menos vital do que antes ou con menos forza e con auténtica sinceridade desde a liberdade. A primeira condición da fe é que sexa unha decisión en liberdade.

Despois vas pasar por unha serie de crises, coma a vida mesma na que se insire a fe. Ou é que o amor matrimonial e a vida dos fillos non pasan por momentos de grandes reformulacións? É lóxico ter que autodeterminarse en cada momento. Antes dicíache que a vocación é un proceso que tes que decidilo cada día, segundo teña sentido ou non. Como fixo agora o Papa emérito. Tomar unha decisión seria é algo moi serio na vida. Ir á misa ou deixar de facelo, se forma parte da fondura da túa vida, non se dá sen dor ou sen gozo. Nunca se toma unha decisión para fosilizala. Vai seguir a vida. E iso non é

P.- Cres que os curas deberan casarse. R.- E a ti que che parece? Eu a pregunta non a vexo así. De que valería que a min me autorizásedes todos vós a casar e seguir exercendo de cura? Solucionabades un problema persoal meu. Interesante. Pero o problema é que tipo de sacerdote se precisa hoxe. Por que, ti que levas excelentemente ben a túa familia e moitas tarefas comunitarias, por que non podes ser un auténtico animador dunha comunidade de fe ou doutros ministerios eclesiais? O problema é que as comunidades tedes dereito a elixir os mellores responsábeis das vosas freguesías, parroquias, comunidades, etc. Por que non se fai? Todo chegará cando sexa unha mentalidade común. Por que hoxe nos chamamos democráticos no mundo? Porque se foi facendo un pensamento común a base de ir abrindo camiños nos que todos estamos implicados. E a veces foi ben custoso. Cantas vidas van alá.

P.-Creo recordar que cumpriches 50 anos de sacerdocio…como foron estes anos. R.- Si. Xa vou vello. Teño 76 de idade. Toda unha vida, di a cantiga. Teño de ir pasando xa ás tarefas e responsabilidades propias da miña última estación, que é tan importante coma a primeira, se lle sei encontrar o verdadeiro sentido. Non estou descontento da miña traxectoria vital. Suprimiría algunha cousa? Si. Todo aquilo no que fixen sufrir a alguén por pensamento, palabra, comisión ou omisión como se di na fórmula da igrexa. E niso son sincero.

P.- Algún deporte favorito o afición…etc. R.- Persoalmente non son un fanático de ningún, salvo de andar e coidar a saúde. Logo son partidario do estudo continuo para mellor servir ás realidades que me vai tocando vivir: Parroquias, anciáns, enfermos, viúvas e viúvos, presos, grupos culturais, etc. Gosto moito do teatro. Levo un grande actor e un pallaso dentro. Tamén gosto de escribir. Teño moitos artigos. Colaborei en varios libros. Teño publicado un estudo sobre a viuvez e outro sobre dos cárceres e a axuda ás persoas que sofren prisión ou traballan alí por unha mellor humanización.
P.- Algunha outra cousa que non che teña preguntado e quixeras comentarme. R.- Grazas. Deixemos algo para outra xeira.

P.- Tes pensado algunha celebrazón especial para este aniversario. R.- Celebrazóns en plan de homenaxes e comidas, con regalos e cousas desas? Non é o meu estilo ni o meu modo de ser. Nada que supoña que alguén gaste cartos. Custa moito vivir.

Pero reunirme, falar, recordar o pasado, ver o que valeu a pena, querernos e vernos xuntos para celebrar as vosas vidas, os vosos trunfos, rezar para darlle grazas emocionadas aos que se nos foron, coñecer aos novos, vivir nunha misa a emoción de ternos axudado tanto entre todos en tempos de dificultades, iso si que me gusta moito.

Volver a celebrar unha misa en Piñeiros rodeado de todos vós, crentes ou non, iso sería unha bendición para todos. Non me toca a min facelo. Algo diso xa se vai facendo silandeiramente con moitos outros que o quixeron organizar.

Unha boa tertulia, un acto de posta en común, un sabervos cheos de vida, de proxectos, e coñecer os avances das parroquias, etc., iso é unha gozada.
Verte a ti hoxe e á túa dona e aos vosos nenos e recordar aos teus, pensar naquel neno inquedo que eu coñecín cando eras un miudiño, e saber todo o que agora estás a facer, iso si que é unha celebrazón, meu amigo.

Rendervos contas da miña vida xa é un agasallo ben bonito. Porque a miña vida, esa vocación da que falabas, tamén esta imbricada na vosa. Por iso, graciñas a todos. Biquiños a todos.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania