Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Francesco Petrarca en galego

viernes, 08 de marzo de 2013
Para a literatura en lingua galega o “Cancioneiro” de Francesco Petrarca (1304-1374) é novidade por segunda vez. Unha novidade con parabéns entusiastas que nos ven dun poeta e traductor como é Darío Xohán Cabana, que xa nos fixo chegar outros rexistros de portentosas dádivas dos clásicos italianos, como Dante e outros. Agora, en Edicións da Curuxa aparece o número dous, unha edición especial, con deseño e encadernación que ven a acadar unha das prolíferas obras de Petrarca, como é o “Cancioneiro”, cun excelente formato que fará historia no cume das boas publicacións no noso idioma.

Coñecidas son as traduccións de Darío Xohán Cabana que ten executado sobre os dous maiores poetas italianos. Versións fidedignas e admirábeis, con moitos anos de traballo e reflexión cuxo resultado é óptimo, o que nos leva á pureza mais íntima do señor dos sonetos que non deixa de conmovernos coa axuda de traductores como Cabana, que nos fai interiorizar e escudriñar cada unha das fases e dos tempos líricos que se nos presentan no “Cancioneiro”, ese tratado de inmensa beleza e plenitude que aflora nos sentimentos do ir e do vir da palabra, nese seu punto referencial onde o amor e a tristura cabalgan por todo o “Cancioneiro”, dando esplendor e pulo ao “stil nuovo”, onde se recadan tódalas experiencias que neses escenarios poéticos se concretan. Por estes extremos, confirmou Joseph Ernest Renan: “Petrarca merece que se lle chame o primeiro home moderno, porque inaugurou entre os latinos o sentimento delicado da cultura antiga, fonte da nosa civilización”.

Toda esa carga humanista onde o amor intercede e corrixe as cousas vanas, ou o que se desprezaba das augas claras dunha poética que inauguraba tempos fértiles onde o amor fructificou en variadas tendencias que os sonetistas petrarquianos foron insistindo na chamada do gran mestre de Arezzo, como é o caso de Camões nos seus sonetos de amor.

O amor para Petrarca constituíu ese equilibrio e, aínda, esa supremacía que el connotou naquela carta que escribiu no monte Ventoux, na que simplificou: “Aínda amo pero con mais pudor. Amo o que non quixera amar, o que quixera odiar; a pesar de todo amo, pero sen vontade, á forza, con melancolía e con bágoas”.

Estamos ante unha nova tradución, como se fai constar nese limiar que está partillado en catro tempos: “Vida de Francesco Petrarca”, “Sobre o Cancioneiro”, “Esta nova tradución” e “Bibliografía”. Catros aspectos en que Darío Xohán Cabana afonda e innova, como é habitual neste ávido mestre da tradución, onde a lingua galega señorea a un gran clásico e humanista como Petrarca.

É un enorme pracer deleitarnos na primeira estrofa do soneto que enceta o “Cancioneiro”, coa grandeza e a sonoridade que a noso idioma impón, onde o traductor soubo prestixiar o rigor da palabra, xusta e poderosa, ecoando nesta tensión:

“Ti que hoxe en rimas soltas oes o son
do suspirar con que eu nutría o cór
no meu primeiro xuvenil error,
cando era en parte outro home do que son”.

Notable, pois, a tradución que avala a un poeta e traductor consecuente e ordenado co que mastiga o seu pensamento. Velaquí que non cabe, nestas referencias, o famoso proverbio italiano: “traduttore, traditore” (tradutor, traidor).

Este noso “Cancioneiro é unha inmensa prenda para acariñar e alimentar o espírito en súas mais amplas vicisitudes, que Edicións a Curuxa solventou cunha extraordinaria publicación.
García, Xosé Lois
García, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES