Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Receitas para vivir andando

martes, 05 de marzo de 2013
No libro de Saint-Exupery, O Principiño, alguén vendía pilulas para aforrar o tempo que se perde bebendo auga. Todos temos varias caixas desas pastillas no peto. As présas están gañando a batalla á lentitude. Corremos atolados para chegar a ningures.

No conto de Cortázar “A Autopista do Sol”, cóntase a parábola dun xigantesco atasco onde miles de coches quedan atrapados no sur de Francia. Nacidos para correr, permanecen días ancorados no asfalto mentres que o único que ten liberdade de movemento é o cocheciño de xoguete co que o cativo xoga na bandeixa do maleteiro.

A tecnoloxía rompeu o illamento, reducíu as distancias, meteu o planeta enteiro no burato negro do ordenador, esa máquina que move programas a velocidades cada vez máis vertixinosas pero co freo de man dunha tecnoloxía que camiña máis rápido ca nós e nos desborda. Ninguén decide agora o que imos ver na televisión se non conta co permiso do mando a distancia. Pulsamos freneticamente os botóns ata transformar a pantalla nun estofado de imaxes incomibles.

Co mando a distancia nas mans os nenos teñen serias dificultades non só para distinguir ficción de realidade senón tamén para ordenar esa realidade. Como poden organizar ese crebacabezas de imaxes? Como organizar ese puzzle onde unha escea de baile segue a un bombardeo en Afganistán, e despois un perfume, un neno somalí famento, Beckham con roupa interior, o tsunami de corrupción política, as bágoas das nais palestinas, Nadal petando... aos altos tipos de interese da loura platino que non pode pagar a hipoteca do mariñeiro que naufragou no casino das Vegas cunha borrasca polo noroeste que bendice Benedicto XVI...?

O móbil. Parece inimaxinable que Colón descubrira América e volvera para contalo sen este chintófano nacido para comunicar as persoas e que ultimamente interfire na vida delas. Hai rapaces que pasan as vintecatro horas do día pendentes do parpadeo compulsivo de chamadas, mensaxes, toques. As sinapses máis desenvolvidas do seu cerebro son as que chegan ata o dedo polegar.

Cómpre pois eloxiar a lentitude como actitude humana intelixente. No seu recetario non podemos esquecer o café que tomamos cos amigos, co marido, coas colegas mentres salvamos na barra do bar a este pais inmorrente, desapiadado e insumerxible.

Lugo ten unha estatura tan humana que se pode percorrer andando. Botar os coches das rúas, prohibilos no casco histórico, son medidas acertadas porque a saúde ecolóxica da cidade está en relación directa á presencia das xentes que andan, que se cruzan, saúdan e falan. Hai xente tan magnificamente humana que camiñando polas rúas “prende en tódalas silvas”. O silencio, os ritmos pausados da natureza, o río que abraza silandeiro a cidade, o adarve da muralla son magníficos escenarios para vivir andando.

O Principiño non mercou as pilulas do comerciante que compraba tempo. Preferíu gastalo contemplando a viaxe das nubes, o choros dun neno, as agullas da catedral, o lixo nos recunchos, as caras sempre inéditas da xente, unha pintada idiota, os xogos dos cativiños, unha campá soando quen sabe onde, as risas adolescentes, o saúdo a un coñecido, un bico a unha amiga, unha pregunta a un municipal invisible, o susto ante un bobo rebentando o tubo de escape, as árbores mártires do Bispo Aguirre, os pausados pasos dos vellos.

Mentres camiñaba paseniñamente cara a unha fonte.

Juan Antonio Pinto Antón
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES