Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Falta espírito reformista?

viernes, 01 de marzo de 2013
Parece que si..., aínda que as crises adoitan ser uns bos detectores para descubrir o que está a funcionar mal nunha sociedade e ofrecen a ocasión propicia para acometer as reformas procedentes. Pero non é crible que os políticos estean polo asunto. Acicalan aquí e aló algunhas institucións, intentan reparar algúns desaxustes funcionais e toman algunhas decisións con moita máis espectacularidade que vontade reformista.

Claro, terían que empezar polos propios partidos, que están afectados dunha endogamia que os leva a desvirtuar o mesmo sistema de democracia representativa, que, aínda que non ten rivais hoxe por hoxe, tampouco está sobrado de entusiastas seguidores. E tamén necesitaban un “operativo antivirus da nostalxia”, ao modo dos ordenadores, porque convén que os “ideólogos de hoxe” non descontextualicen a súas formulacións, facéndoas reféns da súa propia historia pasada, non sempre digna dos mellores recordos.

Por si acaso, convén aclarar que os reformismos non son patrimonio deste ou aquel partido. Non se trata aquí de facer a poxa de quen máis reformou, senón de quen máis acertou nas reformas en orden o ben público, dun “ben público” entendido para todos os cidadáns, inciso este innecesario se non houbera motivos abondo para que sexa mal entendido.

Tampouco se trata de introducir reformas que necesariamente consistan en prescindir do vello (isto sería unha revolución) en canto tal, senón do que xa non serve dentro do sistema democrático. E, en todo caso, trátase de que a prudencia ande polo medio, sen esquecer aquilo que dixo S. Agostiño: “Vetus in novo patet, et novum in vetere latet”, porque non hai solución de continuidade, xa que “o vello está patente no novo (cando menos, aquí debera estar, en bo método analóxico), e o novo está oculto no regazo do vello”.

En realidade, reformar consiste nun modus operandi vixiante daquelas situacións que se resisten a facilitar que sexan introducidos os medios necesarios para responder ás razoables esixencias das novas necesidades, mediante as correspondentes innovacións ou a supresión do que xa non ten funcionalidade na sociedade actual ou atinxe a viciosas creacións dos partidos para buscar acomodo aos seus adeptos. Hai que extirpar as hipertrofias administrativas e estructurais!.

Pero tamén convén diferenciar as reformas, dentro dun sistema democrático, daqueles procesos, máis ou menos lentos e non pouco solapados (bo exemplo o do nacionalismo catalán), que perseguen fins anticonstitucionais, como algo definitivo, ante a incualificable pasividade inconstitucional de quen ten DE FEITO a ineludible obriga de garantir a unidade de España. Non; as reformas harmonizan as súas consecuencias dentro do sistema e valoran os seus efectos externos ao mesmo, para evitar que perda estabilidade.

Do dito, penso que se pode deducir que reformar non é poñer en práctica unha secuencia causal que leve a un ideario concreto, pois aínda que é lóxico reformar para progresar, non se debe ir á procura dun obxectivo final, senón tomar como referencial o punto de partida (a solución requirida nese intre), porque un espírito reformista non pode descoñecer que o reformar é un ESSE IN FIERI, sempre en busca dun consenso democrático, explícito ou implícito, este último evidenciado no feito de que, cando toma o goberno a oposición, non derroga certas reformas do anterior.

As reformas non quedan como algo definitivo, son solucións esixidas polas circunstancias, e xustamente por isto se progresamos con elas é polo que remedian, polo que corrixen, polo que depuran... Non están pensadas para acadar metas constitutivas, nin tan sequera por acumulación. Pero isto non quere dicir que non podan producirse con elas importantes cambios estructurais dentro do sistema, que incluso deben producirse os necesarios.

Por qué, entón, non se levan a cabo as que non só foron insinuadas senón expresamente prometidas?. Como disto non se dan razóns, ao cidadán non lle pode quedar outro recurso que pensar que hai intereses económicos e políticos que as están vetando..., se non é que existen espazos escuros que suxiren posibles chantaxes. Ou é que aínda hai universos políticos “fundamentalistas” alérxicos aos procesos reformistas, que antepoñen os seus intereses aos dos cidadáns en xeral?. Creo que os gobernantes teñen que pensar que a prudencia non cursa coma unha virtude de brazos cruzados, senón coma a aplicación ou axuste dos valores ás circunstancias concretas en que estes se presentan, para que sexan realizados.

Polo tanto, ninguén pode alegar razóns de prudencia se non adapta as decisións ás circunstancias. Tan imprudente pode ser tomar decisións precipitadas como non tomalas oportunamente e logo chegar tarde, irrogando prexuízos irreparables. Así, pois, a carencia dun espírito reformista non exclúe de responsabilidade, e quen ostenta cargos relevantes na xestión dos bens públicos, por este mesmo feito, non pode alegar ignorancia ou desconcerto, nin poñer a prudencia por monteira.

Si..., no Parlamento español, con motivo do recente debate sobre o estado da Nación, apuntáronse algunhas reformas; pero os autónomos seguen cerrando as súas empresas e aínda se lles empraza as axudas para dentro dun ano. Acaso esperan que cerren máis?. Pois son os que crean postos de traballo.

Na administración local parece que se pretende restar competencias aos concellos para poñelas nas mans das deputacións, que sobran, segundo opinións dalgúns, que hoxe as capitanean, cando eran oposición. Pero é que os autores desta ocorrencia pensan de verdade que as necesidades nos pobos van a estar mellor atendidas dende a deputación?. Non nos pasmemos con certos servizos que prestan hoxe, porque teñen un forte matiz propagandista cara a manter postos e obter votos. Basta observar a ridiculez da presencia de cargos directivos a actos de evidente insignificancia, para saír nos medios a facer declaracións, coma se foran spots publicitarios.

E insistimos, qué pasa coas empresas públicas?. Descoñecíase o seu servizo cando se falou dun número considerable delas que sobraban?. Claro, é a onde van a parar os amortizados politicamente!.

O preocupante en España é que non temos moitas alternativas, porque a oposición deixou esquecida a partitura no atril do piano e toca sempre a mesma musiquiña obviando as disonancias propias, que por esperada non fai ningunha graza, a “terceira vía” non está definida e os outros partidos (xa se sabe) teñen orelleiras.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES