Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Día da muller traballadora

miércoles, 27 de febrero de 2013
Poderá haber algún día do ano e dos séculos dos séculos nos que a muller non estivese de cheo no traballo máis duro do mundo e nos quefaceres do máis esencial e existencial?

Malo cando hai que pór “días de algo”. Iso é porque detrás dese “día” hai unha situación de inxustiza que urxe cambiar. Algo vai seguramente ben mal.

Desde a miña condición de home quero render a homenaxe de todos os días, de sempre, ás mulleres máis achegadas a min que para eu vivir elas aportaron parte da súa propia vida. Por suposto que citarei en primeiro lugar unha nai a quen non son capaz de pórlle cara porque finou canda o meu irmán derradeiro, sendo todos nós aínda moi picariños. Aqueles picariños son as miñas irmás a quen lles debo, xunto co noso pai, todo o amor da familia que me vertebrou como ser humano.

A miña vida, a nosa vida, está chea de mulleres. Son todas as mulleres de todos os pobos e culturas que viven e dan vida. Tal vez, mellor, que morren a cotío facendo posíbel a vida. E dun xeito especial quero erguer a voz a prol das que morren asasinadas e de todas as explotadas nas diversas escravitudes que temos establecidas como “normais” nos sistemas de negocio nos que o xustificamos todo.

Dona Esperanza Aguirre, muller ela, xustificaba Eurovegas pola cantidade de economía que traería para España e Madrid, por máis que teñamos que facerlle un oasis a lei antitabaco e a outras normas que regulan os dereitos dos traballadores ou mesmo para derrogar algunhas que son restritivas en relación co mundo da explotación das mulleres ou doutros traballos indignos da condición humana, sexan eles vellos ou mesmo nenos.

Xa sei que a miña voz non vai cambiar o rumbo da corrupción ou dos asoballamentos da dignidade da persoa humana. Pero polo menos quero berrar con forza aquilo de: Coa miña anuencia, non. Cos meus, cartos, non. Co meu voto, non. Coa miña tolerancia, non. Co meu silencio conivente ou cómplice, por máis que me custe desgustos oporme, radicalmente non.

Este é o día da muller traballadora que eu quero denunciar. Están moi ben as homenaxes positivas que se fagan e fagamos. A todas me uno con sincero corazón. Pero primeiro temos de varrer a casa dos abusos encubertos e mesmo “xustificados” que hai entre nós e nos países en vías de desenvolvemento.

Temos unha sociedade organizada desde a hipocrisía, onde o valor negocio é o supremo valor que corre con máis carta de natureza de “normalidade”.

Quero sumarme a todas as novas positivas de presenza crecente das mulleres en todos os eidos do labor digno do ser humano.

Hai poucos días tiven a sorte de recibir un libro que, de entrada, chamoume gratamente a atención: “As mulleres falamos de teoloxía”. Ese campo parece acoutado de sempre non só por homes, senón por cregos principalmente. Lino con suma atención e tomando notas. Levei unha sorpresa grande. Coñezo case todas as que reflexionan e escreben. Dese esforzo simplemente vou dicir que vale a pena pola seriedade, pola fondura, pola creatividade, pola novidade e polas intuicións que os homes nunca seriamos capaces de acadar. Agradecerlles, no día da muller traballadora, ese esforzo que tantos camiños de esperanza están abrindo e dos que nestes tempos de ermo e soidade estamos tan necesitamos. Graciñas a todas por todo.

Neste día (24-02-2013) quero dar grazas e agasallar á nai común Rosalía que nos reenxendrou no meirande respecto a nosa lingua materna. Ela axudou coma ninguén a sermos nós, pobo común: Cantares galegos e Follas Novas. E non babecadas coma as do Sr. Feijoo ou dun tal Jesús Vázquez que afincan a súa fama en facer todo o posíbel por degradala e facela desaparecer. Levar a lingua de Rosalía ao Tribunal Supremo? Ata queimaron libros para que non se puidese ensinar por eles! Que triste condición a destes persoeiriños que logo se achegan coas súas verbas engoladas e mentireiras a profanala ao mesmo Panteón de Galegos Ilustres.

Algún día tomarán conciencia? Será xa tarde para todos? Rosalía chama con forza por todos nós.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania