Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A renuncia de Bieito XVI e outros apuntes

lunes, 25 de febrero de 2013
1.- A renuncia libre, espontánea e por sorpresa de Bieito XVI é sen dúbida un acontecemento tan inesperado como novidoso. Ao longo da historia do Pontificado houbo casos de renuncia á dignidade Papal, pero todas elas foron máis ou menos forzadas. Un caso moi sonado é o de Celestino V, elixido o 5 de maio de 1284, despois de 25 meses de sé vacante. Era un anacoreta, que vivía nos Abruzzos, alleo ás ambicións das poderosas familias romanas, Colonna e Orsini, que acosaron ao inxenuo Celestino, mesmo con voces misteriosas de ¡renuncia, Celestino! O seu sucesor, o ambicioso Benedetto Caetani, tomou o nome de Bonifacio VIII, foi elixido nas vintecatro horas seguintes, detivo a Celestino ata a súa morte (19.V.1296). Estamos nun dos períodos máis convulsos e negativos da complexa historia do Papado.

2.-Cambio de nome. O primeiro papa que mudou de nome foi Xoán II (533-535), o seu nome, Mercurio, non se consideraba adecuado para un Pontífice, o mesmo sucedeu con Xoán XII, de nome Octavio Augusto, papa de vida absolutamente escandalosa e disoluta, tamén parecía inadecuado que Sergio V ( 1009-1012), ademais de chamarse Pedro, se completase con Bocca di Porco. A partir desta época o cambio de nome convértese en algo habitual, de tal maneira, que posteriormente soamente sete Papas non cambian de nome: Benedicto VI e VII; Xoán XIII e XV; Xulio III, Marcelo II e Adriano VI.

3.- Desde Alexandre III (1179) a elección papal quedou en mans dos cardeais, o que non quere dicir que quedase libre de influencias do poder temporal. O caso máis próximo de intromisións do poder político foi o veto que o emperador de Austria, Francisco Xosé, presentou contra o cardeal Rampolla que aparecía como posible sucesor de León XIII en 1903, considerado como francófono e acusado de masón desde a corte austro-húngara, o que posibilitou a elección do cardeal Sarto co nome de PíoX.

4.- As profecías de san Malaquías. Gozan de certa popularidade e nula credibilidade as chamadas “Profecías de san Malaquías” que aparecen en 1595 e inclúen divisas de 112 Papas, bastante precisas no tocante aos papas anteriores a esa data, pero moi ambiguas e difusas, tipo horóscopo, respecto aos seguintes. O derradeiro será, segundo tales profecías, Pedro Romano (Pedro II), sucesor de Benedicto XVI.

Predicir, sobre todo o futuro, é moi complicado, o mesmo Papa actual afirmou nalgunha ocasión que o Papa era elixido polos cardeais, unha elección, por tanto, supeditada a multitude de variables. Algúns, mesmo pensamos, que o Espírito Santo, se lle deixan, ten algo que ver na elección. De todos modos, posiblemente a renuncia sería moito máis operativa se for acompañada da desaparición do modelo medieval do papado, pero suporía o esborrallamento dun edificio tan vello e arqueolóxico coma cargado de pegotes que case o converten en irrecoñecible respecto ao seu modelo orixinal.

Confiemos que así sexa, un pouco antes do Pontificado de Pedro II.
Pin Millares, Xosé María
Pin Millares, Xosé María


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES