Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cum...prea...nos fe...liz...!!!

martes, 19 de febrero de 2013
A nena vén de cumprir tres aniños e o mundo enteiro detívose para contemplar o prodixio. Foi o día máis feliz da nena que xa viviu un feixe de díamáisfelizdamiñavida na súa corta vida. Aínda lle quedan moitos máis. Porque os nenos teñen que ser obrigatoriamente felices. E porque os pais viven angustiados na procura da eterna felicidade dos fillos.

O neno cumpríu catro anos. É o rei da casa, seguramente o rei da selva e o centro do sistema solar. Temos tan poucos nenos, querémolos tanto que corremos o perigo de maltratalos por exceso de protección. Hai cariños que matan, dicían os avós, que eran xente asisada. Pero agora son un ben escaso e cada cumpreanos unha ocasión repetida para que os amiguiños cheguen á festa cargados de agasallos e bolsas de lambetadas: xa saben, xusto o que precisan para emprender o camiño cara a obesidade e o colesterol.

A nena xa ten cinco anos, como cinco soles!, sorrí a avoa. As amiguiñas chegaron cargadas de bonecas con labios pintados e peitos excesivos de silicona movéndose polas pasarelas da publicidade con suaves voces femininas, diminutivos, cociniñas e maquillaxe. Son pequenas perversións infantís que anuncian perversións futuras moito máis graves onde a muller acaba condenada a ser un obxecto sexual. O que clama ao ceo é que foran mercadas polas nais.

O neno xa ten seis anos. Sentado no seu trono sobrenada nun mar de xoguetes agasallados polos amiguiños. O rei da selva precisa de armas e máquinas, atributos do héroe, curiosamente mercados polos país: “Acción sen límites”, “Ti es o máis forte”, “Acabar co teu inimigo” anunciados con voces masculinas e tons autoritarios.

O neno, a nena cumpriu xa sete, oito, nove e dez anos. “E que cumpras moitos máis!”. Agora xa están enganchados ás chuches e outras mamonadas rezumantes de aditivos que acabaron por convertilo en adicto a estes velenos de cores cos que incriblemente os pais premian aos fillos para desesperacion de pediatras e mestres. Porque estes pais despistados parecen non decatarse de que as lambetadas de cada cumpreanos, de cada festa, de cada día de tódolos días do ano gardan ata dezasete colorantes sintéticos de gamas cromáticas imposibles que son recoñecidos precursores canceríxenos e alerxénicos e atentan gravemente contra a saúde poñendo en perigo o desenvolvemento dos nenos.

Pero hoxe é un día de ledicia e felicidade. E os nenos e as nenas, á espera do seu turno, deixan diante do homenaxeado o seu regalo: un xoguete máis. Un montón de xoguetes para convertilo na víctima dun exceso de estimulación. Hoxe recibiu nove. A súa vidiña é moi curta, pero o rocho xa está ateigado dos xoguetes, chintófanos, bonecas e ferraganchos de cada cumpreanos. Xoguetes cos que a penas xogará porque nin lle gustan nin lle interesan. Iso si, valen cartos, que os xoguetes non son un xogo! En realidade os nenos non necesitan deles para xogar, son os xoguetes os que precisan dos nenos.

E mentres, condenamos cada cumpreanos aos nenos a ser eternamente felices, inflados de xoguetes e lambetadas, sobreprotección e cariños que matan, algodóns de azucre afectivo e plexiglás coloreado disfrazando as duras aristas da vida.

Cumpreanos feliz, cantamos bobaliconamente, angustiados por asegurar unha felicidade sen sombras aos fillos cando o mellor agasallo sería facelos fortes e resistentes. Necesitan tamén experimentar o conflicto e aprender a soportar as frustracións. Porque unha paisaxe de felicidade eterna e lineal é un engaño e unha estafa educativa.
Feliz Cumpreanos! Cumpreanos feliz?
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES