Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pregoeiro da luz e da alborada

miércoles, 30 de enero de 2013
Fai moitos anos, cando eu tiven que coller o camiño da emigración, chegou a miña querida bisbarra un cura bergantiñán bo e xeneroso chamado Alfonso Blanco Torrado que rezumaba e segue a rezumar traballo, solidariedade, sacrificio, amor ao próximo, a Deus e, sobre todo, á nosa cultura patria. Inda que el e máis eu non eramos incompatíbeis non cabe dúbida de que a comarca de Guitiriz, a Terra Chá e Galiza saíron gañando co troco. O Alfonsiño nada máis chegar puxo a xermolar Xermolos, Asociación Cultural que fixo posíbel que se celebre o Festival de Pardiñas coa sua Feira e Festa da Música e da Arte, os Encontros na Terra Chá, o Paseo dos Soños, as escolas de gaitas e de cantería, a biblioteca, edición de libros e revistas, etc. En fin, que gracias a ese home que ilumina todo o que toca, que esconde a súa humanidade tras unhas humildes gafas de cu de vaso rexurdiu a virtude do amor o traballo colectivo en pro da nosa cultura, espreitándoa e dando a coñecer outras alleas, pois sabe que dentro da variedade está a universalidade e non dentro da uniformidade que defenden outros curas “segundóns” e bispos paifocos que pretenden alienar o pobo premiando a súa incultura.

Hai uns anos agasalloume co libro Pregoeiro da luz, que fixo chegar ás miñas mans por medio dun amigo común, onde unha chea de escritores e poetas galegos lle renden un emocionado homenaxe literario que leva ese afortunado título sacado dun verso do Manuel María, que eu utilizo enteiro para encabezar este artigo, porque si en cada parroquia galega houbese un Alfonso outro galo nos cantaría a alborada que agardamos. Deixeille o libro a unha paisana da miña tribo que aínda non ten o gusto de coñecelo persoalmente e, despois de o ler, dixo que se todo o que dicían del era verdade ese home merecía moito máis. El ten a arte de facer as cousas sen se notar, porque o esencial é invisíbel aos ollos, dado que é un cura distinto que, fai a sementeira e logo a sega para, sobre de tanta framalla que nos cega, compartir a súa inmensa humanidade aínda non descuberta polos que un dia arribarán reconvertidos en ananos, nin polas autoridades eclesiásticas que non entenden eses ollos de neno e esa inocencia de seminarista que pode recompoñer o proceso histórico desta Terra do mesmo xeito que restaurou a ermida de Nosa Señora de Bascuas cos cartos que gañou no premio Anxel Fole polo ensaio que fixo sobre do poeta dos nosos Nimbos, Xosé María Díaz Castro.

O Alfonso non pide nada e dáo todo desinteresadamente seguindo o exemplo daquel seu Mestre que naceu en Galilea. Con ese libro, de onde tomei prestado o verbo para enxergar este artigo, premian unha biografía de loita por un País de irmandade e culto: unha cultura de pantrigo amasada con anceios de primavera... aquí, entre nós, onde case todo está aínda por chegar. Premian e fan ben, pero a súa obra non queda paga nin con iso.

Eu tamén quixera ser coma o Alfonso, pero iso non é doado, para iso hai que prescindir de moitas satisfaccións terreais e vicios que se apegan a min como a el a virtude de empurrar o carro da Galiza ao longo da Chaira soñadora que agromará en xermolos de amencida, choutando chantas de a cabalo do Forxá e encher de budios e olorosas flores de pudias a Terra Chá para conseguir que Galiza abandone o falar tatexo e recupere a súa voz no San Alberte de Parga para berrar en Madrid ou onde nos pete. Alfonso sabe que a historia da Igrexa galega é a historia dunha traizón o país pero é dos que prefire enxugar unha bagoa dun campesiño a conseguir cen sorrisos dun ministro e síntese a gosto na lingua que proletariza as solemnidades da Palabra aínda non descuberta pola Igrexa oficial, que se fai intanxíbel ao tacto dos que a entenden a pelo, sen máis liturxias que aquelas nas que un pobo en trance aposta pola autoestima, e se nega o suicidio cultural que diría Luís Álvarez Pousa, non como unha maioría de cregos que se limitan a administrar unha liturxia e máis unha relixión de consumo de todo un proceso de desgaleguización que desde hai moitos anos se ven impartindo desde os púlpitos.

O Alfonso crea illas de afecto, non é un cura falsamente bondadoso que a todos acolle no nome dunha hipócrita caridade. Dáme medo que non nazan máis Alfonsos, que se desnormalice a Galiza inzándoa de rapaces e rapazas de Madrid con nomes raros, falando na lingua do imperio, que outros malditos credos empezaron a traer a casa reitoral dos Vilares para colonizar os nosos nenos. Felipe Senén di que ese rumoroso de copa verdescente acompasou no seu monótono fungar o bosque antigo, e baixo del acovillabase, como nunha catedral con bóvedas de ponlas, todo canto amor había na Terra para ser bos e xenerosos polos vieiros do confíns do noso extremo occidente, os fisterres de Breogán... e que cando profesou de chairego xurou desasulagala do galeguismo total que xace asolagado desde fai setecentos anos nos avesíos fondais da lagoa de Cospeito.

"Cada un ¡unha frangulla!" soe dicir este home que parece que non rompe unha taza pero é unha revolución, xa que con tan poucos recursos materiais nas súas mans, limitado na súa saúde pero cheo de enerxía é capaz de concitar e de irmandar tantas vontades na tarefa da recuperación nacional de Galiza. É, no sentido máis popular e xenuína da palabra, un santo. Por todo elo: Moitas Gracias, señor cura, gran amigo da mellor Terra e servidor do Deus que a fixo.

*-. O pasado día 12 celebrouse en Guitiriz o 25 aniversario da vitoria do pobo que impediu que os bidóns do Cason quedaran enterrados en Santa Cruz de Parga e homenaxeouse a todos os participantes. Aínda que este artigo foi publicado no desaparecido semanario “A Nosa Terra”, o 17 de outono de 1996, penso cobra plena vixencia ao nomear a Alfonso “Veciño Necesario da nosa Comarca” e ser o máximo artífice desa vitoria.
Río, Raúl
Río, Raúl


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES