Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O saqueo da sanidade

miércoles, 23 de enero de 2013
A dereita non para de pregoar a súa letanía: cómpre privatizar para xestionar mellor. Mais se miramos arredor vemos que decenas de empresas privadas van á quebra e deixan miles de persoas sen traballo. Tamén podemos lembrar a privatización e liberalización do sector eléctrico, culminada por Aznar. Hoxe pagamos a luz máis cara de Europa e ainda lle debemos cartos ás compañías, arredor de 24.000 millóns de euros. Agora o capitalismo impaciente dirixe a súa ollada á nosa educación e á nosa sanidade.

Os promotores da privatización saben que os modelos de concesión (PFI), utilizados previamente noutros países para a xestión hospitalaria (Reino Unido, Canadá, Australia), producen máis dano que beneficio: diferencias abismais entre os presupostos iniciais e os custes finais das infraestructuras, necesidade de “rescate” con fondos públicos, perda de control por parte dos organismos públicos, peche de servizos etc. En contra de todas as evidencias as autonomías gobernadas polo PP (Castela-A Mancha, Galicia, Estremadura) están a seguir os pasos de Valencia e Madrid. Estas dúas comunidades, coas súas experiencias privatizadoras, iniciadas hai tres lustros, só conseguiron arruinar as contas públicas autonómicas e degradar a sanidade pública de xeito imparable.

Valencia foi a primeira autonomía en iniciar estes experimentos: Zaplana, en 1999 puxo en marcha o hospital de Alzira, presentado como o modelo do PP para a xestión sanitaria (o hospital tivo que ser “rescatado” e renegociado o seu cánon anual). Inauguraron máis hospitais con xestión privada (Torrevieja, Dénia, Manises, Elche) e agora andan a xogar co que denominan modelo de xestión compartida: pensan entregar a mans privadas todo o negocio existente arredor da sanidade en tres grandes paquetes (servizos xerais, servizos concertados e loxística). Nestes momentos o 20% da poboación, un millón de habitantes, depende de empresas privadas.

A sanidade valenciana está considerada como a máis deficiente do Estado.

En Madrid, Esperanza Aguirre seguíu o exemplo de Zaplana. Ata o momento da súa demisión existían tres hospitais con xestión privatizada (Valdemoro, Torrejón e Móstoles) e outros sete centros semiprivados. Tamén ela tivo que “rescatar” os seus hospitais PFI con diñeiro público e aumentar notablemente o canon anual. Unha vez saneados son agora postos á venda, pois o seu sucesor, Ignacio González, tenta impor un plan para privatizar totalmente a xestión de seis destes hospitais e de vintesete centros de saúde que atenden a un millón e medio de persoas. Fan xogos de palabras (“No es privatizar: lo que hacemos es externalizar la gestión”) pero a decisión é firme. O conselleiro Fernández-Lasquetty afirmou: “No hay negociación posible: les recuerdo que nosotros somos el gobierno apoyado por un 53% de los madrileños”. O presidente non electo mesmo se permite facer afirmacións chulescas: “con la sanidad privada las enfermeras estarán más buenorras”.

Houbo unha enorme resposta popular e profesional contra destas propostas. Recolléronse un millón de sinaturas contra da privatización, os sanitarios protagonizaron unha folga con grande seguemento que se prolongou durante todo o mes de decembro. Máis de trescentos directivos de hospitais e centros de saúde presentaron a renuncia aos seus cargos en sinal de protesta. Houbo manifestacións multitudinarias e numerosas concentracións nas que profesionais e usuarios expresaron a súa posición contraria ao proxecto do goberno autonómico. Mais, sen escoitar a ninguén, o Parlamento madrileño aprobou o 27 de decembro a Lei de Acompañamento dos presupostos de 2013 (outra vez utiliza o PP esta porta falsa para impor o seu criterio sen debate parlamentario) na que se habilita ao Servizo Madrileño de Saúde para ceder a empresas privadas a xestión de centros sanitarios. A imaxe dos diputados do PP participando na votación sen deixar de xogar cos seus móbiles quedará para a historia universal da infamia.

Os profesionais e cidadáns continúan coas protestas e movilizacións e cada vez son máis as voces discrepantes. Mesmo hai quen apunta que “a falta de transparencia e os intereses cruzados entre os que toman as decisións e os que se benefician delas convirten esta norma en nula de pleno dereito, e non debe ser admitida polos profesionais nin pola poboación madrileña” (Luisa Lores). Eles teñen claro o obxectivo e non atenden a razóns. Pero hai que paralos. Do contrario a onda privatizadora e o saqueo dos orzamentos sanitarios continuará tanto en Madrid como nas demais autonomías onde gobernan.
http://pablovaamonde.blogspot.com.es/
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES