Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Homes de responsabilidades

viernes, 11 de enero de 2013
Noberto Bobbio (1.909-2.004), é un italiano nado en Turín, que foi profesor de Filosofía do Dereito, con doutorados honoris causa polas Universidades de París, Bos Aires, Complutense de Madrid, Bolonia, Chambéry e Carlos III de Madrid. Desenrolou unha gran actividade política (creou o socialismo-liberal, en 1.942, clandestinamente) e acadou un gran prestixio mundial. Escribiu varias obras, unha moi importante, “Il dubbio e la scelta” (A dúbida e a elección), na que aborda qué debe entenderse por “intelectual” e o poder na sociedade contemporánea.

Analizou as vantaxes e desvantaxes do liberalismo e do socialismo. No seu pensamento prima a defensa do ORDEN CONSTITUCIONAL (non sei se o coñece o Sr. Mas e compaña) e o rexeitamento absoluto ós métodos e actitudes antidemocráticas; critica a corrupción e o terrorismo. Parece que non estivo lonxe das correntes filosóficas coñecidas como “fenomenalismo” e “existencialismo”, pero volveu a metafísica, e en Dereito defendeu a teoría pura de Hans Kelsen contra a críticas dos “iusnaturalistas” e “marxistas”.
Pero a súa idea obsesionante era a “democracia” (foi coñecido como “filósofo da democracia”) e defendeu tres ideais que el consideraba mutuamente implicados: DEMOCRACIA, DEREITOS DO HOME e PAZ.

Están recollidos na súa obra “L` età dei diritti” (O tempo do dereito): Xa na Introducción di que “diritti de l`uomo, democrazia e pace sono tre momenti necessari dello stesso movimento storico:...” (“dereitos do home, democracia e paz son tres momentos necesarios do mesmo movemento histórico:...”). Hai que resaltar tamén como un dato curioso na súa biografía, que pertenceu a Grupos Universitarios Fascistas, que abandonou, e foi detido polos fascistas debido as súas relacións con esquerdistas. (Quen desexe ampliar esta información pode facelo entrando en:
http://es.wikipedia.org/wiki/Noberto_Bobbio).

Toda esta introducción informativa penso que é necesaria para situar aquí no seu verdadeiro contexto aos “homes de responsabilidades”, que Bobbio ve como aqueles que se preocupan polos resultados e as consecuencias das súas propostas. Levanten, pois, as orellas e deteñan a mente nisto os nosos políticos de primeiras liñas, que en vez de asentar nos principios que din servirlles de guía, están todos os días, con escasa vergonza, falándonos de que teñen que reunirse para tratar das ideas: Claro, son escasas, e necesitan tempo abondo para ver como acadar o poder, que é o único que parece interesarlles, sen pararse a considerar se algún deles debería aparcarse. Chama a atención que rexeiten sistemática e incompetentemente unha autocrítica para determinar en que grao cada un deles contribuíu ao descrédito político e ideolóxico do seu propio partido: O que se nos ofrece como evidente é que están moi lonxe de ser “homes de responsabilidades”.

O noso intelectual de hoxe, Dr. Bobbio, defende tamén nos seus traballos o esforzo por chegar a comprender as razóns dos outros, ocupándose en buscar puntos de unión, non en escaravellar en todo aquilo que separa, que é no que os nosos políticos podían facer o doutorado, sen excluír os que xa o teñen noutros campos do saber, e nada mal lles viría ler pausadiñamente a “Dúbida e a elección”, porque aprenderían a non instalarse, teimosamente, nas certezas dogmáticas, que exclúen a dúbida e con ela o necesario diálogo; abrindo así esa comunicación que tan ben encaixa nunha democracia.

É curioso, porque non se entende moi ben que para combater certos dogmatismos haxa que facelo dende actitudes tamén dogmáticas, como para defender as liberdades lexítimas haxa que facer uso de actitudes dictatoriais, solapadas con covardía, precisamente cando tanto tempo se perde en introducir as “pedagoxías libres”.

Defende, neste ámbito, tamén, Bobbio ao intelectual responsable, é dicir, aquel que dubida, razoa e dialoga, e sabe manterse nunha postura de non menos independencia dos poderes (intencionadamente, en plural) que comprometido coas propias opinións barutadas nunha autocrítica obxectivamente contrastada. Porque só desta maneira, penso, ten o intelectual político verdadeira autoridade para formular xerarquías axiolóxicas e concepcións do mundo que se deixen sentir no funcionamento da sociedade, con sentido realista e eficacia.

Aínda que o profesor italiano que nos ocupa non confunde o conceptualismo descritivo do home (intelectual) responsable, co de prescrición, é dicir, o que é co que debe ser, nosoutros non podemos deternos aquí nesta matización diferencial; pero o lector pode acudir a fonte indicada para ampliar conceptos a súa vontade.

Por outra parte, adoutrínanos que Bobbio, pese a todas estas medidas de prudencia, non se quede no DUBBIO, na dúbida, e pase a SCELTA, a elección, racionalmente comprometida (non con necesidade partidista), pois el xamais prescinde da necesaria liberdade a hora de facelo así. En todo caso, albíscase en todo o seu pensamento, máis ou menos soterrada, a idea de que ningunha violencia dimanante dun poder chegará a converterse en monopolio da verdade.

Penso, pois, que nada mal nos viña aos españois das ruadas e dos supermercados ir aprendendo algo ao respecto, lembrando que os métodos para cambiar o que non nos gusta na sociedade deberían ser outros mais acordes coa legalidade e o respecto a liberdade dos demais, evitando os atavismos prehistóricos e os atavíos rechamantes coma sinais dunha presunta e presuntuosa humildade e sinxeleza, ben sostida polos pingües ingresos de cada mes.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES