Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Donas e donos das paisaxes

jueves, 03 de enero de 2013
Somos carne da paisaxe. Alí vivimos, traballamos, gozamos coa vista, cos sentidos. As paisaxes cambian. Podemos enriquecelas ou estragalas. Ordenalas ou envelenalas. Nunca están mortas e como todo organismo vivo mudan, son dinámicas.

A paisaxe na que vivimos está cargada de cultura. É produto da historia humana. E se ha ter un futuro, ese futuro virá da man das mulleres e dos homes que alí habitan. Son fotografías humanas que revelan o que somos e o que fomos. Son un patrimonio global e fráxil, testemuña do noso paso pola terra.

Todos temos dereito á paisaxe. Mesmo os outros veciños non humanos que viven e medran nela. Todas e todos temos que reclamar que as paisaxes sexan coidadas e conservadas. É o noso deber, porque somos responsables delas.

Se amamos as paisaxes da nosa terra, estamos a amarnos a nós mesmos e medra a nosa autoestima. Porque as paisaxes reais son as que están vivas, tinguidas de valores estéticos e ecolóxicos, cargadas de terras, xentes e xeografía.

Pero, como conxugar os nosos intereses cos dos outros veciños que viven na casa da natureza? O tempo modelou as esculturas dos carballos centenarios. A natureza estoupa co arrecendo da herba cortada e as cores das xestas. As troitas... pero, aínda quedan troitas? Quen defenderá os dereitos das árbores, das plantas e dos animais que foron paisaxe desde moito antes ca nós?

Miramos ao redor. As Terras do pai Miño, Reserva da Biosfera recoñecida pola Unesco, son patrimonio de todos pero permitimos que o río se degrade e que perde os ameneiros que terman das ribeiras e alimentan a tanta fauna. Galicia, privilexiada en paisaxes, o País imaxinario dos Mil Ríos, pódese converter no País real das Mil Cloacas.

As Rías Altas e Baixas, a costa norte de Lugo, (Lugo tamén ten costa!), están a sufrir un proceso imparable de deterioro se ninguén frea a voracidade hu,mana e protexe a franxa costeira. Permitiremos en nome de intereses turbios colgar apartamentos nos farallóns ou sementar tarabelos eólicos nos mellores miradoiros da costa?

Quen permitiu a destrución sistemática desa paisaxe privilexiada de Penas de Rodas onde os eucaliptos expulsaron especies autóctonas? Quen nos roubou as xa imposibles olladas sobre a Chaira desde os dous penedos xigantes? Os donos das terras, son donos tamén da paisaxe?

Por iso é ben reclamar leis que protexan esa propiedade común, crear unha cultura da paisaxe como dereito de todos. A quen pertence a paisaxe? As donas e os donos somos nós. Pero só en usufruto. Os que vivimos nelas somos herdeiros dos que habitaron, humanizaron e conservaron as paisaxes para os netos con infinito amor, sentidiño común e respecto. E visión de futuro.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES