Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vellos

miércoles, 02 de enero de 2013
Cando eu era neno, a vellez comezaba aos corenta anos. A xente vestía coma un vello, comportábanse coma vellos, exercían de vellos.

Certo que pasou moito tempo, pero demos todos en vestir de xeito diferente, máis informal, xuvenil se se quere. Demos en comportarnos como rapaces – sen pasarnos-, en facer exercicio, en coidarnos alma e corpo. Demos en exercer de novos con ganas de ser novos un tempo prudencialmente longo.

Daquela – anos sesenta, por exemplo- a xente xubilábase aos sesenta e cinco anos, vella, cansada, procurando un descanso que ás veces mataba máis axiña ca o traballo.

E velaquí que chegamos a este comezo do século XXI, no que xa ninguén quere ser vello, como se fose un estigma. Esquecendo aquela terceira idade que comezaba aos sesenta. E ata agora, xubilándonos aos sesenta e cinco, sabendo que estes sesenta e cinco de agora non teñen nada que ver cos de antes.

Antes, os avós non estaban para coidar dos netos. Logo, si. E agora, pobres netos se non tiveran avós – vellos aínda novos- que coidasen deles (e viceversa) para avanzar xuntos, evoluíndo cara a un mundo novo que imaxinamos ben difícil para todos.

Teño a teima de ter por diante tres ducias de anos que quero aproveitar para facer milleiros de cousas que a miña imaxinación case non da abarcado, convencido – quizais sexan desvaríos dos anos- de que este frenesí me vai aliviar de calquera deficiencia física que o tempo vaia producindo na miña maquinaria vital.

Machado falaba da “segunda inocencia, que da en no creer en nada”. E eu, que me volvo cada vez máis crédulo na xente, nos nenos, na ilusión, na vida, entendo que aínda me falta espacio e tempo para chegar a esa etapa da madurez de característica tan específica.

E cando alguén ben intencionado quere curarme deste evidente desaxuste espacio/temporal, eu respondo cunha definición que non sei quen ma contou pero que ven moi a conto: “Vello, o que se di vello, é o que pasa dos cen anos e o leva mal”. Pois veña, a levalo ben mentras dure.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES