Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O quitamantas

viernes, 21 de diciembre de 2012
Soamente nos faltaba oír, aos españois, que o noso goberno non ten instrumentos administrativos e xurídicos para facer cumprir as leis e decretos aos cidadáns que as incumpren. Se é así, cerren o quiosco, deixen de despachar nóminas e marchen para a casa.

Resulta que levantan a cabeza anticonstitucional uns arrogantes cataláns e non hai recursos legais para poñelos no seu sitio contundente e inmediatamente; prodúcese unha desfeita coma a de Madrid Arenas e parece que hai que aplicar as “ciencias da complexidade”; foxen cantidades inxentes do capital español e das empresas, e hai que invitar aos seus titulares a un chocolate con pasteis para que retornen ao seu domicilio (si..., ós probes e ós un pouco menos probes, hai que instruírlles expediente, porque aquí o éxito está garantido, e desta maneira o goberno pode lucir a súa eficacia).

Os xuíces e maxistrados teñen as mesas ateigadas de autos e sumarios, para resolver cada vez máis complexos asuntos, e parece que o que corresponde é envialos a apandar con materias que non son da súa especialidade dende hai anos, e reducirlles aos máis necesitados a posibilidade de acudir a xustiza (tamén sei que a cousa non é tan sinxela: hai matizacións. Pero decepciona que non haxa solucións máis intelixentes). Si..., sei igualmente que os cidadáns están ansiosos de que a xustiza se aplique a todos por igual; pero vostedes, cuns indultos dubidosos na súa xustificación, encárganse de facela inxusta. Tamén isto é herdanza do pasado...?.

A propósito, por qué o goberno non se preocupa das SICAV (Sociedades de Inversión Colectiva de Capital Variable) que el mesmo mantén nun réxime legal que lles permite “defraudar” con impunidade?. E...que pasa cos defraudadores amnistiados?. E...cando se vai a decidir que haxa unha seria e eficaz inspección do destino e bo uso das subvencións?. E...cando acabarán de decatarse de que están facendo o ridículo e de que informan moi mal, ou ben con reiteradas expresións estereotipadas, o ben cunha verborrea demagóxica e inconsistente?. Porque...e... se saíran á luz pública a morosidade dos organismos gobernamentais e as débedas e créditos solapados nas caixas e bancos das entidades políticas?

E... para cando quedan as verdadeiras reformas do sector público do Estado?. E...por que non se crean instrumentos que permitan axilizar os créditos?. Tal vez sería máis conveniente publicar as listas dos incumprimentos do mesmo goberno, coas xustificacións ben claras e razoadas, porque xa se empeza a pensar se non estará aproveitando a situación para introducir reformas impopulares nos servizos sociais.
E, por último (sen renunciar ao que queda por dicir), ós MOROSOS coa Facenda – benditos eles!- parece que se lles vai aplicar o método vixente do ”cobrador do frac” ou dos quitamantas de antano, que eran os que se encargaban de deixar aos velliños espidos. Mais daquela, se collían un arrefriado viña a velos o médico municipal, e facíalles todo o que podía, sen esquecerse de pedirlles o voto.

Agora son máis finos (non máis educados...!), pois sóbenlles os impostos e concédenlles a honra dos co-pagos e ata posiblemente lles permitan ir en coche propio ou taxi aos centros hospitalarios, para que non vaian dando unha mala impresión nas ambulancias; aínda que parece moi ben que se vixíe o seu uso innecesario, mais sen que teñan que soportar tamén os usuarios a deficiente vixilancia dos organismos ad hoc.

Vostedes non é só que nos metan en riscos aos cidadáns, é que son os mesmos fabricantes das incertezas, no sentido en que as entende A. Giddens (“The Consequences of Modernity”, Cambridge, Polity Press, 1.990), é dicir, xeradas polo que fan e din cada día que saen a palestra, coma se non abondaran as incertezas naturais e derivadas da mesma globalización. Non despexan incógnitas, cada día introducen novas variables. E cando na oposición ofrecían solucións, resulta que descoñecían o estado das cousas, conditio sine qua non, para poder levalas a cabo. Pero non teñen desculpa, por moito que recúen ao pasado, porque daquel goberno poucas cousas se podían esperar boas: O que non o vira así, se non pertence á reata, é que está cego.

As mullerciñas da aldea na que eu me criei, cando ocorrían cousas así tan fora de razón, botaban as mans a cabeza e exclamaban: “Xesú..., ó que chegamos, miña filla!. Deus nos ampare, porque nestes tempiños anda o diaño polo medio”. Eu diría que se non é o diaño, ten que ser a insensatez e a irracionalidade supremas, porque, se son MOROSOS, saben quen son, e entón supoño que tamén haberá posibilidade de facer uso dos medios legais correctos, sen que o propio goberno teña necesidade de escarnecer a ninguén.

ACTÚEN, señores, non AMEACEN, que iso é propio dos pícaros!. Fáganse respectar pola “auctoritas”, e só pola “potestas” cando sexa absolutamente necesario (nos intentos de secesión, por exemplo), que é o que procede, e non ceiben frivolidades a destra e sinistra, xa que estamos no teatro da vida, non na farándula. Eviten, pois, ridiculizarse coa utilización de falaces argumentos acudindo a analoxía, porque cada país, aínda que pertenza a UE, ten as súas peculiaridades, e intentar semellalo cando convén é moi pouco rigoroso e pon en evidencia a falta de recursos mentais dos que teñen a obriga de que o “estado de dereito” funcione como tal, o que só se logra actuando dentro del e non pretendendo encaixar no mesmo as ocorrencias de “café”, que diso xa tivemos dabondo os españois con outros gobernos.

Desde o punto de vista da lexitimidade, hai que evitar dar prioridade a táctica sobre calquera outra cousa. Que a publicación das listas de morosos puidera ser unha solución para resolver o problema de facer efectivas algunhas débedas coa Facenda, non lexitima o recurso as mesmas, porque non se pode “fetichizar” uns medios para cubrir a ineficacia ou a impopularidade a hora de conseguir un fin, cando a consecución deste ten unha praxes administrativa e xurídica definida e regulada, xa que sería tanto coma furtarlle aos organismos competentes poñer en práctica as súas decisións por canles legais, e vulneraríase o dereito do moroso (persoa ou outra entidade calquera) a non ser afectado por un escarnio desta natureza en máis do estrictamente necesario e permitido nos respectivos procesos derivados dos marcos legais establecidos: Só ós Tribunais de Xustiza lles deben estar atribuídas as decisións legalmente oportunas en cada caso, nun estado de dereito. Aquí hai todo un amplo campo no marco “contencioso-administrativo”, e á xurisdicción criminal “catalízana” as oportunas intervencións fiscais.

Non ignoro que este medio utilízano, a veces, outros organismos oficias (ademais das asociacións de veciños), coma os mesmos concellos; pero dubido da súa constitucionalidade. Non está lexitimado moralmente e, en todo caso, é impropio dos gobernos, porque dispoñen de medios alternativos moito máis eficaces: A publicación desas listas é un procedemento pouco serio e colateral, e se houbera que informar da falta de seriedade dunha empresa ou particular a algunha entidade mercantil ou doutra natureza, haberá maneiras de facelo con prudencia. Do estado económico das entidades bancarias non se informou, a pesar das intervencións reguladas do Goberno nas mesmas!. Acaso esa actitude podería estar relacionada con eses créditos solapados?. Por que non se informa ao cidadán destas cousas?. Non sexa o diaño que tamén o pobo teña que pagar esa clase de magostos...!.

Xa sei que non fan caso a ninguén, porque moitas veces os gobernantes e políticos en xeral, coma moi ben dixo un bo meu amigo, son eles mesmos un verdadeiro problema; pero non esquezan que se non dan confianza aos cidadáns tampouco a darán aos observadores internacionais, e lembren, tamén, que os “quitamantas” adoitaban acabar cos pes fora da moqueta: O pobo aínda é o suxeito da soberanía!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES