Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Eu non quero que se vaian nin a mula nin o boi

miércoles, 19 de diciembre de 2012
Amigos: Feliz Natal. Boas Festas. Feliz 2013.

Tal vez porque no fondo estamos abondo magoados hai coma un clamor popular de tristura porque o Papa botase do belén ao manso boi e a inqueda mula.

Estamos faltos de humanidade e de humanización. E a tenrura escasea nun mundo inhóspito, onde están a saír polas ventás xentes que non resisten ter que ver como as súas casas se converten en cárceres de morte e desespero nas mans dun sistema perverso ao que todos estamos servindo de esteo con medo a que se esbarroe ou emborralle dunha vez.

Salvamos ao deus euro por mais que as persoas morran. Asistimos, mudos, como botan do belén da humanización á sanidade para todos, á educación para todos, á asistencia social para os más desfavorecidos, ás linguas, como a galega, conservada polos de abaixo, aos vellos que disque son moi caros, porque o seu traballo agora xa non é, e os seus aforros son un malgasto que pertencen ao fondo de pensións. Meteron nun peto que xa non é deles.

Os de abaixo non teñen dereito a ter voz de seu, fala de seu, saúde de seu, educación de seu, acompañamento dos de seu, xustiza ao alcance do débil, nin sequera a poderen os velloucos sobrevivir ou, se lles peta, tomar xuntos unha gasosa sen alcol.

E se en todo iso hai algo de valor, que pase a ser fonte de ingresos para o sistema Copago. Que paguen! E que non falen. Fóra toda expresión se non é para dicir. Mande usted! Non se pode perder esa bicoca. Xa o dixo Díaz Ferrán en representación da patronal, inda que agora, xa caído, non gosten do seu discurso. Que fan a mula e o boi nos cortellos dos pobres cando poden estar a traballar arreo para nós, para o sistema? Fóra! Ao matadoiro, tal vez? Mellor, se pagan por eles.

Hai pouco suprimiron por circular imperativa a xornada de portas abertas ou visita dos familiares nos cárceres de España. Estaba funcionando ben para todos e case sen custos económicos. Era voluntarismo. Fóra! Penados e familias, que sufran todos eles. Hai malestar en moitos funcionarios.Todos estaban empeñando as súas mellores iniciativas para humanizar o sufrimento de quen se ve atrapado nas gadoupas da exclusión. Fóra! O artigo 25 da Constitución fala de reinserir, reinsertar, resocializar. Fóra! Volvamos ao sistema puro e duro. Só faltaba que agora nos puxésemos brandos! Con esa xentalla non hai nada que facer. Non son humanos. “Son antisistema”. Eles, malvados, crean conciencia en nós de sermos boas persoas. Nós non somos “coma ese publicano”. O sistema xa os retirou da circulación. Que máis queres, sociedade? Xa os temos reducidos. Agora cadea perpetua, revisábel, para peor. Eu, xente de pro, nunca visitei un cárcere. Nin penso. Non quero lixarme con ningún “deses”. . Viva la Navidad! Así, en lingua estándar. Deixa que pasen dous anos. Daquela falaremos. E, coñecendo por dentro cara a onde camiñamos, vese vir cara a onde progresamos.

Non. Eu non quero que boten a mula e o boi do portal. O cortello é deles por dereito propio. Eu que son rural e da aldea, alí sempre convivimos coa bichería. E cando morría un puchiño ou cando a vaca non podía parir e sufría, chorabamos. Son os signos de humanización e convivencia dos da aldea. Os da cidade e os dos sistemas dicíannos: Aldeanos, lloráis por un ternero! Clarín si que nos entendeu. Adiós, Cordera! Estabamos mutuamente domesticados, coma o raposo e o Principiño. Non. Non quero que se vaian nin o boi nin a burra.

Non sei se estiveron no Belén. Xa sei que non. Pero si nas profecías dos desamparados, nos anawin, do antigo Testamento. E se non estiveron no comezo do belén, chegaron con San Francisco máis tarde. Chegaron tarde porque viñan de traballar, atoparon o sitio ocupado. E acubilláronse cedendo espazo á aquela xente de fóra. Traían a calor de estar labrando e repartírono. Eles, en troco, recibían os aloumiños do neno e deixábanse querer. Non. Eu non quero que se vaia nin a miña marela nin a miña cabalía, como din os asturianos.

Xa tolero con que se vaia o neno e os seus pais, que estaban alí de paso. O cortello xa non era deles. Eles foron uns okupas. A pucha e o poldro estaban no de seu ata que agora chegou o desafiuzamento tamén para eles. Traballan, pero non pagan. Nin a labrada nin a agra, coma as oliveiras dos de Jaén, non son deles. Eles están hipotecados. Polo menos, que fique a mula e o boi. Por que se teñen que ir? Porque consumen. Viva a troika salvadora!

Non. Non hai dereito. Eu sei que, cando o neno medre, ha volver polos cortellos dos pobres para ver como lles vai con iso do leite e das cooperativas. Todos volvemos ás orixes, polo menos os que estivemos a carón da Parda ou do Tordo, aquel poldro esvelto e lanzal.

Se vos digo que toda a miña irmandade nacemos no mesmo medio dos nosos bichiños! Hixienizado, naturalmente. Tamén para naceren eles, que nos doían. Pero todos no mesmo medio. Non había hospitais. Nin médicos. Daquela só estaba a tía Sabina de Agramonte que sabía desas cousas. E para eles, o menciñeiro, o tío Santalla, que aprendera en Cuba. O demais eran contos e andrómenas.Teremos de volver?

Non. Non quero que se vaian do portal nin a mula nin o boi. Preparémonos para asociarnos e resistir. O povo é quem mais ordena!
Feliz Natal. Bo 2013.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania