Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os desplantes

viernes, 07 de diciembre de 2012
Os políticos non acaban de enterarse de que representan, nos seus respectivos postos, non soamente a quen os elixiu, senón tamén aos cidadáns que non os votaron; de que, aínda no suposto de que foran elixidos pola súa intelixencia (bastante pouco probable en listas cerradas, nas que se colan persoas moi dignas de seguir nas súas tarefas habituais), esta é un instrumento o que hai que saber sacarlle as notas das distintas partituras; tamén se esquecen de que teñen un certo matiz pedagóxico na exemplaridade do comportamento que ofrezan ao pobo; de que teñen a obriga de evitar a emerxencia de actitudes dictatoriais, como unha especie de “brotes verdes” do que encerran na cerna da súa personalidade; de que non é correcto modular a representación ao son dos seus sentimentos persoais, porque non foron elixidos para iso; de que as decisións que se toman cuantitativamente, polo mesmo pobo, non poden ser enervadas, nunha democracia, con criterios cualitativos, aínda que “a suma de ignorantes non dea coma resultado un sabio”, como dicía o Padre Feijóo; de que os desplantes non poden xustificarse so capa de disidencias éticas ou sofisticando a desobediencia civil: Son froito da mala educación, que xa hai dabondo na nosa sociedade sen que tamén se comprometan as supostas intelixencias.

Estamos xa de volta, por non dicir ata a coroa, de que os nosos representantes nos Parlamentos se emperrenchen e abandonen os escanos, en proba de desacordo – din – cunha decisión da presidencia ou por calquera outro motivo. Acaso é esa unha manifestación de disidencia ética, porque a conciencia de cada un deles (dos que abandonan) non lles permite contaxiarse da inmoralidade dos compañeiros doutro partido, ou é un calculado reclamo electoralista?. E cando hai chamadas da presidencia ao orden, ha de entenderse que están simulando unha desobediencia civil ó Regulamento da Cámara?. Claro, eles dirán que é unha práctica habitual en todos os Parlamentos democráticos, e non están fora da verdade, que non significa necesariamente ter razón: O Parlamento Europeo presenta, a veces, un desértico aspecto de irresponsabilidade. Xa...!, están traballando nos departamentos ou despachos!.

O rechamante de todo isto é que se produce en grupo e con certa solidariedade; pero a disidencia ética é persoal, posto que as decisións éticas son sempre solitarias e serven para fortalecer a autonomía moral da persoa, que cando disinte só está defendendo a súa autonomía persoal, non representa a ninguén NIN COBRA POR DESEMPEÑAR UNHA FUNCIÓN QUE LLE PERMITE FACELO. A desobediencia civil prodúcese noutros escenarios e persigue a derrogación dunha norma inxusta, e tampouco se recibe unha nómina por este intento, e nas democracias pódese acudir os Tribunais Constitucionais para acadar o mesmo propósito.

Polo tanto, OS PLANTES, acostuman a se presentar de diversas formas, en relación o suposto plantado ou destinatario: Pode facérselle o plante a calquera autoridade , pero tamén ao mesmo pobo, os electores representados. A non presencia intencionada a un acto oficial como é a toma de posesión do Presidente do Goberno elixido polo pobo, a parte de ser un acto de mala educación de quen sería de rigor que asistira, é unha evidencia da escasa talla política, da inelegancia cos representados, e ata puidera interpretarse coma unha explosión de sentimentos antidemocráticos e unha arrogancia ególatra. Penso que nunca pode haber motivos abondo para adoptar unha actitude que nin pode xustificarse como disidencia ética nin como desobediencia civil, nin tan sequera como algo habitual, pola estraña singularidade do evento.

E o máis relevante de todo isto é que se fai dentro dun sistema democrático por aqueles que non regatean ocasións para defender, destilando a baba da hipocrisía, a súa condición de demócratas convencidos e confesos. Pero desgraciadamente adoitan facer da democracia algo así como se fora unha casa baleira, a que van entrando inquilinos que nin tan sequera saben que facer con ela; non saben se conservala coma unha xoia, se adornala coas alfaias do respecto e a concordia, en canto posible sexa, ou pendurarlle nas paredes as espadas enfundadas da dictadura dos seus propios principios, deixando que pouco a pouco vaia derruíndose co peso das mesmas. E, certamente, por algo se comeza, sobre todo cando eses inquilinos perden a perspectiva que os orienta a manter un equilibrio entre os desexos individuais de conseguir o máximo posible, non necesariamente en diñeiro, senón en poder e popularidade, e o consenso xeral, que traza a liña roxa máis aló da que eses desexos xa non poden ser tolerados.

Galicia (ou Galiza, como queiran), a dos labregos con sufrimento, a dos mariñeiros das perigosas singraduras, a dos obreiros que esgotan a xornada na procura de pan para a familia, a dos autónomos en equilibrio económico inestable, a de todos aqueles que comprometen a súas vidas ao servicio dos semellantes, e que tamén teñen que vivir, en fin..., a dos galegos en xeral, non merece tan pouco...!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES