Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Fernán Páez de Tamalancos, trobador e señor de longos herdos

lunes, 03 de diciembre de 2012
FERNÁN PÁEZ DE TAMALANCOS
TROBADOR E SEÑOR DE LONGOS HERDOS

Con motivo do día da ourensanía que se celebrou o pasado día 11 de novembro no pazo de Vilamarín, o escritor ourensán, Luís González Tosar fixo unha proposta en firme para reivindicar e homenaxear ao trobador de Tamallancos (Vilamarín).

Quizais as herdanzas que lexitiman a Fernán Páez de Tamalancos, sexan os seus feudos espallados entre os lindes das actuais provincias de Ourense e Lugo e por ser un grande “trobador provado”, naquela escola de finais do século XII e xa ben metidos na segunda metade do século XIII.

Seica morreu de avanzada idade, segundo os seus biógrafos. A súa vida transcendeu coas de catro reis: Afonso IX, Fernando III, Afonso X e Sancho IV. Figurando as súas cantigas no Cancioneiro de Ajuda e no Cancioneiro da Vaticana. Este excelente escarnecedor de cabaleiros e doutras xerarquías que desexaban competir coa súa grandeza de conservar longas terras e por seu excelente trobar.

O seu feudo central o tiña en Tamalancos, o actual Tamallancos, no concello de Vilamarín e as súas posesións estendíanse polas serras do Faro e da Martiñá; polas tres Asmas dos concellos de Carballedo e Chantada, por Boimorto, Vilamarín, Coles, A Peroxa, polos dous Bubal de Santa Baia e de San Salvador, Cartelos, Temes e Oleiros xa na Bocarribeira, onde conflúen o Miño e o Sil.

Asentouse tamén o seu señorío por terras forais do Mosteiro de Oseira, nas longas terras do Carballiño, onde a presencia do trobador e señor de Tamalancos foi moi representativa e querida.

Digo isto porque nas terras do Carballiño, concretamente en Esgueva de Madarnás, está a Insua dos Poetas, un verdadeiro Edén ateigado de carballas e dun regato cantareiro e con soberbias esculturas de homenaxe, dedicadas aos nosos poetas da terra, Xosé María Díaz Castro e Celso Emilio Ferreiro. Esta última erguida o 28 do pasado xullo. O gran mentor deste esclarecido espacio dedicado aos poetas é outro enorme poeta: Luís González Tosar, que tivo a inventiva de dedicar unha das súas propiedades a levantar esculturas aos nosos poetas e de arranxar ese espacio para celebrar eventos e homenaxes que teñen ese alicerce máxico entre o dominio das carballas druídicas e a celebración de actos poéticos e non só.

Despois do mencionado evento, pensei en Fernán Páez de Tamalancos, que ben debía estar aí, por representar as terras do Orcellón carballinés, as terras do Irixo, as de Boboras e alén fronteiras provinciais. Por ser un dos cabaleiros con impacto nas cortes de Castela e Portugal, onde seus dotes de mando e de amores teñen rexistro documental. Coido que Tosar pode encamiñar a este nobre persoeiro, tamén no feudo da cantiga, a que teña elocuencia na Insua dos Poetas, para así salientar outra presencia do pasado lonxincuo, que aínda continúa vixente e promovendo futuro na poesía galega e que representa as terras do Carballiño este grande Fernán Páez de Tamalancos.


Xoseloisgarcia@gmail.com
García, Xosé Lois
García, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES