Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Violencia de xénero: Pensamento complexo

viernes, 30 de noviembre de 2012
Estes días os medios dedican algúns espacios a “violencia de xénero”, que, tanto polas súas distintas maneiras de producirse coma pola súa virulencia e persistencia nas nosas sociedades actuais, xera un ambiente de desacougo e de certa impotencia para acadar medidas eficaces contra a mesma. É que nin sequera se logra reducila.

Non sei o que pensan sobre isto os verdadeiros especialistas na materia, nin cales son os instrumentos que manexan na súa análise deste preocupante e complexo fenómeno social, e por ignorar ata non sei con que criterios se xulgan as alarmantes estatísticas, aínda que supoño que con enfoques multilaterais e causalidade lineal.

Temos disertacións de xuristas, criminólogos, de psicólogos, de sociólogos, et,, e cadaquén xoga no seu campo con máis ou menos acerto; pero, coa advertencia do meu descoñecemento da temática, vou atreverme a afirmar que non vexo correlación entre a complexidade do obxecto de estudio e a expresión do correspondente pensamento e coñecemento complexo. Intento aclararme.

Cando se buscan solucións sempre atinxen a PROBLEMAS, e neste caso o problema é a COMPLEXIDADE do fenómeno social que presenta a “violencia de xénero”. Todos os comportamentos humanos caracterízanse por unha complexidade crecente e corresponden a aquela clase de situacións nas que prima a multiplicidade ou diversidade, e non poden ser reducidas en absoluto a un momento anterior: Son problemas, campos, fenómenos e sistemas dinámicos, cuxa competencia atangue hoxe as denominadas “ciencias da complexidade”, seguramente abondo ben coñecidas en teoría e moi pouco utilizadas na práctica.

A vantaxe (inconveniente?!) destas ciencias é que aportan diversas respostas, non unha soa; pero tampouco é verdade que cada resposta sexa aceptable sen máis e illadamente. Aquí é mester posuír un certo adestramento de traballo en equipo, constituír unha “intelixencia de enxame” ( ao estilo das abellas e as formigas), por achega de ideas específicas e complementarias. Porque as distintas causalidades que operan na “violencia de xénero” están articuladas nunha rede sistemática, e no noso tempo é imposible ser un bo investigador sen coñecer e traballar sistemas, temas e problemas computacionais.

Hoxe hai que traballar en termos interdisciplinarios, cruzados, transversais e integrais, extrapolando os métodos das coñecidas coma ciencias naturais ás sociais e humanas, unha distinción que resulta xa vetusta, pois estas últimas teñen que abrirse aos progresos cruzados como xa se fai noutros dominios científicos. Son ciencias que se ocupan de sistemas, fenómenos e COMPORTAMENTOS de moita complexidade e os seus estudiosos teñen necesariamente que cambiar o chip.

Non coñezo tratados sobre “violencia de xénero”, que tomen este fenómeno en termos de complexidade. Si..., os psicólogos utilizan enfoques sistémicos, pero, modestamente, penso que non basta, porque me parece que padecen dun certo reduccionismo, sen ter en conta que a educación nunha tolerancia e respecto ben entendidos; a exemplaridade pedagóxica de quen ten a delicada responsabilidade de conducir os pobos polo senda duns mínimos éticos razoablemente compartidos; a defensa daqueles entes sociais que, esixidos pola mesma realización da persoa humana, como é o caso da familia, evidenciaron ser os mellores piares dunha aprendizaxe para unha convivencia serena e tranquila; a prudencia a hora de introducir innovacións pouco contrastadas e froito da improvisación ideolóxica, etc., deberían ser elementos constitutivos (non meramente ocasionais) desa complexidade sistémica, A DETECTAR NO SEU GRAO DE INCIDENCIA na “violencia de xénero”, pola súa importancia contextual.

Se as investigacións científicas en xeral non están libres de valores, neste caso concreto teríamos que facer algunhas precisións: Todas elas teñen os valores que xeran os seus propios fins, os internos ou constitutivos; pero, ademais, hai que ter en conta o externos ou contextuais, que pertencen o ámbito cultural e social no que se desenrola a investigación.

Ordinariamente, os valores constitutivos e os contextuais constitúen conxuntos diferentes e independentes; pero neste caso parece aconsellable que os contextuais pasen a ser tamén elementos constitutivos, porque o que é obxecto de investigación non é alleo ao mesmo contexto.

Penso que apoian isto, indirectamente, algúns estudiosos como é o caso de Eulalia Pérez Sedaño, do “Consejo Superior de Investigaciones Científicas”, quen afirma nun traballo o seguinte: “La historia, la sociología y la antropología de la ciencia han efectuado análisis descriptivos de las prácticas científicas que muestran, efectivamente, que la autoridad cognitiva de que están investidos conocimiento y prácticas tecnocientíficas tienen un enorme contenido social y que los valores del contexto sociocultural en que se practican la ciencia y la tecnología desempeñan un valor importante en muchos niveles de lo que se considera buena ciencia...” (páx. 313, da obra de homenaxe a Javier Muguerza, dirixida por Roberto R. Aramayo e J. Francisco Álvarez, editada por Plaza y Valdés, Madrid, 2.006).

Porque..., se os estudios realizados ata esta data non lograron arbitrar medios eficaces para solucionar o problema ou, cando menos, reducilo a proporcións aceptables socialmente, hai que pensar que deixan fora da obxectivación sistémica da “violencia de xénero” factores que coadxuvan a desencadeala, impedindo e dificultando unha arquitectura eficaz e decisiva dos medios e instrumentos preventivos.

Tal vez por iso, cando se asiste a charlas acerca desta temática, o que se bota de menos é unha información na que, por esixencias de rigor epistemolóxico, se esboce a rede de elementos causais (se prefiren, funcionais) catalizadora desta “violencia de xénero”, estruturados convenientemente, resaltando a virulencia coa que operan, e expoñendo as solucións aceptables, como consecuencia da aplicación da “metodoloxía intelectual de enxame”.

Pero a impresión que teño é que estamos perdendo o tempo en falsos e presuntuosos empeños progresistas, sempre máis fáciles de traer a palestra que o emprego dos verdadeiros e contrastados instrumentos de progreso, salvo, claro está, algunhas excepcións que nin son abondo coñecidas nin sobra interese en coñecelas e poñelas en práctica, pois non sexa o diaño que evidencien o erro dalgunhas praxes ideolóxicas.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES