Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Uxío García Amor

jueves, 15 de noviembre de 2012
A Irmandade Manuel María celebra o sábado a Uxío García Amor coma “Chairego de Honra”. Un recoñecemento a persoas que procedentes doutras comarcas dan pulo á Chaira. Mesmo neste ano despedimos a dous dos bos e xenerosos que recibiron esta distinción, Díaz Pardo e Avelino Pousa Antelo, cada un deles ó seu xeito.

O que máis impactou á Irmandade, a Xermolos e outros colectivos…, é que Uxío, no outono da súa vida, escollese esta comarca como a paisaxe destinada a recoller tantos anos de sementeira e arelas polo norte de Galicia, para arrequecernos con tanta xenerosidade. Igoal cós poetas chairegos, acaelle este tempo dourado, tecido de cores, arrecendos e cadencias, para compartir con vagar a súa experiencia vital.

O corazón da Terra Chá reborda máis alento arestora, gracias á identificación deste mestre coa nosa realidade. Ó xeito de Francisco de Asís, cunha humildade e sinxeleza exemplares, forneceunos de solidariedade e creatividade, Con él abrollou un novo manancial de fraternidade, Foi a súa aposta, despois de anos nos que desenvolveu os cargos, funcións, delegacións máis relevantes na diócese, que el converteu en servizos, mesmo rexeitando algunha mitra episcopal, É o acougo preñado de paz dun loitador que non coñece fases de sombra na súa entrega, e coma consumado director de música, sempre traballando en grupo, harmoniza a cotío a pluralidade de voces e vontades ata acadar a melodía máis plena.

Xa fai anos, un 23 de Nadal, data do nacemento de Cunqueiro, cando Uxío está a recrear as panxoliñas dos seus concertos, representacións de Ferrol e Mondoñedo concederonlle a mención das Letras de Bretaña, glosando o seu parentesco e linaxe co camiñante fabulador destas terras do Mar ao Norde, ou con outros trobeiros coma Darío Xohán Cabana. A relación coa literatura vai con el dende sempre. Mesmo en tempos non propicios, coma a ditadura, iniciaba ós alumnos do Seminario de Mondoñedo, no disfrute das nosas letras, transmitindo aqueles ritmos, máis alá das grosas paredes de Santa Catalina, coma en décadas anteriores, Cunqueiro puido gozar do engaiolante recitado doutro mestre egrexio daqueles claustros, Francisco Fanego, que entusiasmaba dentro e fóra das aulas coa poética de Noriega, Crecente, etc. Foi este latinista un dos que espertou a vea artística de Uxío, poeta e músico.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES