Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O “Conto galego” de Rosalía

martes, 13 de noviembre de 2012
O “Conto galego” de Rosalía

Unha edición ferrolá asinada pola autora en 1868

En 1923 (ano da morte de Manuel Murguía), o xornalista Manuel de Castro y López, emigrante na Arxentina, rescata un texto importante de Rosalía por tratarse dunha mostra da ata entón case inexistente obra en prosa galega da autora. De feito, o único texto en prosa galega que se lle coñecía eran os prólogos a Cantares gallegos e a Follas novas.

Manuel de Castro y López publica o relato no seu Almanaque Gallego de 1923 co título “Conto gallego por Rosalía Castro de Murguía”. Nunha extensa nota explica a procedencia do orixinal que consideraba inédito. A el regalárallo no mes de agosto de 1920 o paisano José M. González, natural do Grove e escribano público de Buenos Aires, onde faleceu en 1921. Este dixéralle que o recibira de Florentino Corbeira Marín no afastado ano de 1873.

O texto era un manuscrito e Castro y López considera que “está escrito de puño y letra de la inmortal autora […] en un pequeño cuaderno de 38 páginas, por ella foliadas, excepto las dos últimas, que se hallan en blanco”. Tamén di que na portada ten impreso sobre o título un selo de metal que pon: “Florentino Corbeira-y-Marín- Ferrol”. É dicir, que o propietario inicial do manuscrito era ferrolán. Do feito de comezar a autora co número romano I “se infiere que intentó lo que, acaso por descuido, no hizo: dividir en breves capítulos esta literariamente preciosa obrita; que no se propuso continuarla se ve en la misma producción, felizmente acabada”.

Máis, posteriormente, o texto ficou no esquecemento (ou polo menos non tivo transcendencia en Galiza) e en 1946 Bouza-Brey ocúpase del en “Escritos no coleccionados de Rosalía Castro”, nos Cuadernos de Estudios Gallegos que publicaba o Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, vencellado ao CSIC. Con todo, o conto continuou sen ser recollido nas Obras completas rosalianas que editaba a editorial Aguilar.

Para Bouza Brey, pola contra, “el número romano I que aparece al frente del cuento no indica, a nuestro juicio, intento de división en capítulos, dada la poca extensión del relato; más bien lo creemos revelador del propósito de Rosalía de escribir una serie de narraciones breves de la cual la que nos ocupa sería la primera. Al Conto gallego I seguiría en la mente de la autora el Conto gallego II, etc. Nos induce a creerlo así, además de la razón expuesta, el título de carácter general que se emplea”.

Opina tamén Bouza que “quizá el no haber gustado el tema tratado por Rosalía haya dado al traste con el propósito de la publicación de los cuentos”. Tamén cre, compartindo a opinión de Castro y López, que o conto é de orixe popular.

O manuscrito que estaba en poder de Castro y López pasou á Academia Galega, onde Bouza o examinara anos antes de 1946. Segundo lle explicou o arquiveiro Xoán Naya, fora entregado por man de Luis López Páez por encargo de Castro y López:

“En virtud de una tarjeta que éste dirigió a aquél en la que advierte que la procedencia y demás antecedentes del escrito los explica en el tomo 26 de su “Almanaque”. Tiene dicha tarjeta fecha de 25 de enero de 1932 y alrededor de tal data debió ser depositado en la Academia el manuscrito.“

Cando Bouza publica o texto en 1946 expresa a opinión do arquiveiro da Academia, Xoán Naya, sobre a autoría do manuscrito: “Cree el Sr. Naya que la letra no es de Rosalía y que se trata de una copia efectuada por el ‘Florentino Corbeira’ que puso en el papel en que está escrito el sello en letras al agua”. Bouza non opina sobre o tema, pois “no nos hemos detenido a investigar esta cuestión autográfica y suspendemos sobre ella todo juicio; mas creemos que el texto ha salido de la pluma de Rosalía indudablemente”.

Posteriormente, o conto foi analizado por Carballo Calero na súa monumental Historia da literatura galega contemporánea (citamos pola terceira edición de 1981, aínda que xa na primeira de 1963 fala del), dentro do conxunto da obra de Rosalía. Carballo Calero, que loxicamente considera “póstumo” o conto rosalián, cre “que non foi coñecido ate o ano 1923, en que o pubricóu Manuel de Castro y López no seu Almanaque. Mais un estraño silenzo seguíu a isa pubricación. Ningún dos críticos de Rosalía posteriores a isa data semella ter noticia daquil acontecimento. Carré Aldao pubrica en 1927 o seu “Estudio bio-bibliográfico”, tantas veces citado nista Historia. Carré preséntase como o único biógrafo fidedigno de Rosalía, como que Murguía é fonte principal do seu traballo. Pero do “Conto”, pubricado no mesmo ano da morte do Patriarca, nada sabe Carré. Nen Carré nen ninguén antre os críticos coñecidos. García Martí tampouco, ate o ponto que as Obras editadas por Aguilar, mesmo a terceira edición de 1952, descoñecen o “Conto””.

“Dende 1946, porén, o “Conto” é accesibre, pois foi reproducido nise ano en Cuadernos de Estudios Gallegos, e dende entón é de fácil consulta. Isa data de 1946 asinala o comezo da difusión da peza. Non se producíu, emporiso, nova bibliografía sobre ela. Como fica dito, o “Conto” continúa ausente das Obras completas”.

Nós cremos que a “accesibilidade” que considera Carballo a partir de 1946 e a “fácil consulta” é relativa. Accesíbel para eruditos, en todo caso, pois unha publicación como os Cuadernos de Estudios Gallegos non era precisamente popular.

En 1970 as Edicións Castrelos, de Vigo, incluíron o “Conto gallego” nun pequeno volumen da, esta si popular, colección ‘O Moucho’, titulado Contos do pobo. E na sexta edición das Obras completas de Aguilar de 1977 xa se incluirá o “Conto”. Tamén gozou, a partir de aí, de análises concretas a cargo das profesoras María Luz Casal Silva (1976) e María do Carme Carro Roque (1985), posibelmente discípulas do profesor Carballo Calero, ambos publicados na revista GRIAL. Mais ningunha desas análises, por interesantes que sexan, avanzaron nada sobre a orixe e historia do “Conto”.

Non entra no obxectivo deste artigo analizar o seu contido, que xa o seu editor de 1923, Castro y López, se ve obrigado a xustificar en nota aclaratoria:

“Y es indudable que Rosalía se complació en escribir su Conto gallego: cosa interesante; porque la autora era bonísima hija, leal esposa y santa madre, y en el Conto, mediante audaz, curioso y feliz experimento, practicado con ocasión que debía ser para la heroína de él, resulta quebrantada hondamente la moral de la mujer. […] Festivo en apariencia, ¡qué lastimosas deformidades humanas no entraña Conto gallego! En mi sentir, no fue compuesto con fin utilitario, como el de prevenir a la mujer contra las asechanzas del hombre, sino puramente artístico”.

Francisco Rodríguez, grande estudoso da vida e obra de Rosalía, opina que Castro y López “crese na obriga de mediatizar a lectura coas súas moralidades, o que evidencia o carácter crítico e heterodoxo da narración, prexudicial para a imaxe, por aquel entón xa asentada, dunha beatífica Rosalía”.

Mentres que Marina Mayoral confunde a conciencia dos personaxes coa conciencia da autora: “Es incluso dificil si participa o no de la misoginia del relato”, Francisco Rodríguez considera que o conto é unha crítica contra a institución matrimonial, que subordina claramente a muller e que se establece só en función de conveniencia. Coincide co que xa expuxera María do Carme Carro Roque no seu traballo: “Trátase, por tanto, de mostrarnos unha muller e a súa circunstancia, non unha crítica para ela”.

O “Conto” deixa de ser póstumo

Por fin, en 1995, María do Carme Ríos Panisse dá a coñecer, tamén nun artigo na revista GRIAL, importantes novidades sobre a edición do conto. Este publicaríase baixo o título “Contos da miña terra” e o número I, nun folletín do xornal coruñés El Avisador, nada menos que no ano 1864, é dicir, cando Rosalía tiña vinte e sete anos. A profesora Ríos atopouno na biblioteca da Real Academia Galega (sinatura 4407) nun volumen que contiña dous folletíns publicados polo devandito xornal coruñés durante o ano 1864: un, a obra que nos ocupa; outro, Amante y española, novela en castelán de Gonzalo Brañas.

Pensamos que o tal título “Conto gallego” non existiría en realidade e seríalle posto por Castro y López (do mesmo xeito que na edición da colección ‘O Moucho’ titulárono “Os dous amigos e a viúda”, entre corchetes) e asumido posteriormente por todos os que o citaron ou reproduciron. Segundo Ríos Panisse:

“Co título de “Contos da miña terra” escóndese a primeira edición do coñecido “Conto gallego” atribuído a Rosalía de Castro, pois o contido (como veremos) correspóndese con exactitude co da coñecida narración supostamente rosaliana”.

Por certo, cando Ríos Panisse intentou localizar o manuscrito depositado na Academia este non apareceu: “Ou ben está extraviado ou foi incluído (indebidamente) nas propiedades de Xoán Naya polos seus herdeiros”.

Mais o conto do folletín vai asinado polas iniciais R. C., o que sitúa a Ríos Panisse na dúbida da autoría: “A aparición dunha edición de 1864 titulada “Contos da miña terra” pon en dúbida moitas das conclusión emitidas sobre o “Conto gallego” e pode cuestionar a autoría de Rosalía de Castro”.

Remite Ríos Panisse a Couceiro Freijomil e o seu Diccionario..., que recolle o título “Contos da miña terra”, atribuíndoo a un tal Ricardo Camino primeiro e logo, noutra páxina, a Ricardo Caruncho, que efectivamente teñen esas iniciais R. C. E, curiosamente, no arquivo da Academia Galega o conto do folletín de El Avisador está fichado a nome de Ricardo Caruncho Crosa.

Opina tamén Ríos Panisse que, “fose da autoría de Rosalía ou doutro escritor”, o conto “era o inicio dunha serie que pasou inadvertida para a crítica da época e, seguramente, non se continuou”.

Mais, pese ao antecedente de Castro y López, que asegura que o manuscrito era da autoría de Rosalía, e de todos os analistas posteriores que non o puxeron en cuestión, Ríos Panisse dubida (para nós inxustificadamente) da súa autoría:

“Eu non podo afirmar con seguridade que os “Contos da miña terra” sexa da autoría da xenial escritora. Síntoo, porque me gustaría facelo. Penso que ningunha outra pluma máis ca dela pode con tantos méritos adxudicarse esta autoría, pero Rosalía, que nos furtou moitos orixinais inéditos á hora da súa morte, tamén nos furtou, quizais para sempre, a seguridade de que é a autora desta primeira peza mestra da nosa prosa”.

En 2002 Andrés Pociña e Aurora López opóñense a esa interpretación de Ríos Panisse e consideran que a autoría é sen dúbida de Rosalía. Van incluso máis aló, ao afirmar que o manuscrito depositado e agora desaparecido ou extraviado da Academia Galega, do que eles teñen unha copia facilitada no seu momento polo propio Naya, é da mesma autora. Pese a que Naya (quen manexara moitos autógrafos de Rosalía) asegurase que non correspondía á letra de Rosalía, Pociña e López afirman que pode corresponderse cunha “segunda caligrafía” que a autora empregaba algunhas veces. De ser así, un dos autógrafos máis importantes da literatura galega moderna (o máis, en opinión deles) desapareceu da Academia Galega no período que vai dende 1989 a 1994, ou ben se atopa extraviado. Nós, sen ser especialistas en grafoloxía, non compartimos a opinión de Pociña e López de que a letra do manuscrito, do que eles reproducen un par de páxinas, sexa a mesma que corresponde a unha carta de Rosalía, que tamén reproducen.

Pode ficar tranquila Ríos Panisse nas súas dúbidas, ao tempo que levan razón Pociña e López na “indubidable” autoría: a día de hoxe temos a proba irrebatíbel de que Rosalía Castro é a autora deste texto en prosa galega. Non hai ningunha dúbida nin hai ningún anonimato. Catro anos despois do folletín de El Avisador, o conto volveu ser publicado en folletín, e desta volta asinado non con iniciais, senón co rubro Rosalía Castro de Murguía.

O feito de publicalo inicialmente só coas iniciais obedecería quizais aos medos da autora diante dunha mala acollida polo público? Sería unha especie de tenteo para ver a reacción dos lectores? As iniciais permiten ocultar o sexo, cousa que quizais lle interesase á autora, aínda que despois de Cantares gallegos en 1863 as iniciais R. C. detrás dun texto en galego eran “transparentes” dabondo. O certo é que xa as empregara na publicación dalgúns poemas e na de Flavio, publicado en folletín ao longo de 1861 na Crónica de Ambos Mundos, en Madrid.

Semella razoábel pensar que se o título xenérico era Contos da miña terra tería a autora escrito, ou pensado escribir, outros que continuasen a serie. Publicouse algún máis nese sistema de folletín? Resulta complicado responder a isto se temos en conta que moitas coleccións de prensa galega do século XIX desapareceron ou están incompletas.

A edición ferrolá despexa dúbidas sobre a autoría

Hai uns meses fomos agasallados cunha edición ferrolá do ano 1868 deste conto, que malia ser catro anos posterior á que exhumou Ríos Panisse, ten a particularidade de figurar como autora a propia Rosalía, co nome completo, esta vez sen iniciais que dean lugar a dúbidas. Nunca escoitamos falar desta edición e nin sequera o citado Carballo nin Francisco Rodríguez (un dos máximos estudosos de Rosalía, senón o máis), ferroláns ambos os dous, sabían desta edición.

O exemplar que nós temos está recortado do xornal, dobrado e pegado artesanalmente. As súas dimensións son de 15,5 por 18,5 centímetros. Ten unha mancha graxenta nas primeiras páxinas. Debemos este magnífico agasallo ao amigo ceramista Francisco Pérez Porto, procedente da biblioteca do seu pai, o poeta Ferrolán Xosemaría Pérez Parallé, quen quizais xa o herdara do seu pai, o médico Camilo Pérez Pita.

Debeuse publicar en seis entregas, pois ten 22 páxinas máis a capa. Dado que o periódico tiña catro páxinas e que os folletíns adoitaban publicarse como faldrón dunha delas, cada entrega do folletín ao dobrarse abranguía catro páxinas, polo que calculamos que as 22 páxinas de que consta (máis dúas en branco) deberon saír en seis entregas.

Na cabeceira figura o título e a autora: “Contos da miña terra por Doña Rosalía Castro de Murguía. Tamén: Frrol (sic).- 1868. Imprenta de El Eco Ferrolano de D. Francisco Suárez y García. Real, 80”.

O único conto que contén a rústica encadernación corresponde co que se ven nomeando como “Conto gallego” e leva ao comezo un I e ao remate Fin. É dicir, non ten título. Se temos en conta que o título da capa é “Contos da miña terra”, este I faría alusión ao primeiro conto desa prevista serie, como pensaba Bouza-Brey. Agora ben, escribiu Rosalía máis contos en galego? Sairía algún máis neste El Eco Ferrolano?

El Eco Ferrolano comezouse a publicar o 5 de marzo de 1864, aínda que houbo un antecedente co mesmo título que saíu entre 1854 e 1855. Tivo varios subtítulos (“Periódico independiente”, “Revista de Ciencias, Marina, Industria y Administración”, “Periódico de Ciencias y Literatura”) e tamén diferente periodicidade (cada cinco días, bisemanal, trisemanal, diario) ao longo do tempo. Imprimiuse primeiro no obradoiro de Nicasio Taxonera que logo pasa a ser propiedade, como o periódico, de Francisco Suárez García no número 80 da rúa Real.

O “Conto” publícase, pois, por segunda vez en 1868. Por esa época Rosalía xa publicara abondosa prosa en castelán: as novelas La hija del mar (1859), Flavio (1861), Ruínas (1866) e El caballero de las botas azules (1867), así como o conto El cadiceño (1866). E no medio Cantares gallegos (1863) con prólogo en prosa galega.

Carro Roque, sen coñecer a primeira publicación en folletín, coidaba que o conto fora escrito entre 1862 (ano da morte da nai de Rosalía) e 1867 (ano da publicación de El caballero de las botas azules). Tamén Francisco Rodríguez aventurara na súa tese de doutoramento a data de 1867 (“ou inmediatamente posterior, aínda que sempre antes de 1873, desde logo”), coidando que se trataba dun diálogo intertextual cun conto publicado por Juan Manuel Paz Nóvoa en 1867, Maruxa y Mingos, este en castelán, e dedicado precisamente “Á señora Rosalía Castro de Murguía”. Unha vez coñecida a publicación de 1864 Rodríguez opina que

“o diálogo intertextual entre Rosalía e Paz Novoa existe, mais foi ela a primeira en elaborar o seu conto, nada menos que en galego. Sen dúbida era un atrevemento, tanto moral como creativo. Non tivo continuación, malia o epígrafe que o amparaba, que daba a entender que sería unha saga”.

O editor: Francisco Suárez García

O ferrolán Francisco Suárez García (1827-1900) foi emigrante no Uruguai e na Arxentina, país este no que desempeñou cargos administrativos e políticos en Corrientes, dedicándose tamén ao xornalismo. Foi un tempo director de Instrucción Pública naquela demarcación e un seu tratado de “Puntuación y ortografía” foi de uso obrigatorio nas escolas. Retornado a Ferrol en 1860 establece unha academia de ensino, milita no republicanismo federal e funda órganos de prensa. Ten unha intensa actividade política na inqueda sociedade ferrolá da época. É nomeado alcalde da cidade tras o pronunciamento antimonárquico da Armada, en outubro de 1868. Participa na sublevación federalista-cantonal ferrolá de outubro de 1872 que proclama a República federal, sofocada días despois, e permanece fuxido uns meses ata a proclamación da I República o 11 de febreiro de 1873, que amnistiou a todos os sentenciados pola sublevación de outubro, regresando Suárez a Ferrol. Pouco despois sairía electo deputado a Cortes, militando na esquerda do republicanismo.

Suárez García compartía non só posicionamentos ideolóxicos con Rosalía e Murguía senón tamén o gusto pola creación literaria. Na mocidade publicara poemas e, de volta da emigración, varias novelas en castelán: Los guaraníes, Grandal, Los demócratas o el ángel de la libertad, Los invasores. Algunha delas foi reeditada recentemente. Non é extraño, pois, que solicitase ou acedese a publicar un texto de Rosalía. Un texto que xa fora publicado catro anos antes por outro xornal coruñés, mais que agora ía asinado enteiramente pola autora, sen subterfuxios. Máis raro podía parecer a publicación dun texto en prosa galega, lingua reservada naquel momento para a poesía, mais a sona da autora podía “xustificalo”.

Conclusión

Dende 1923, ano en que se publica como manuscrito inédito, ata 1994, tívose por póstumo un dos poucos textos en prosa galega de Rosalía Castro: o que se viña denominando dende aquela “Conto galego”. Curiosamente, a persoa que descubriu que nin era inédito, pois xa se publicara en folletín en 1864, nin tiña tal título, dubida da autoría de Rosalía por estar asinado coas iniciais R. C., pese a que na súa argumentación todas as probas a levan a esta autora. Unha dúbida incomprensíbel para outros autores que se ocuparon do tema e que agora a aparición dunha edición ferrolá, catro anos posterior e asinada pola autora, vén desbotar definitivamente.

O texto que transcribe Ríos Panisse do folletín de El Avisador coincide basicamente co de El Eco Ferrolano, salvo algunha errata atribuíbel aos tipógrafos. En cambio, as distorsións que presenta con aqueles a edición do Almanaque Gallego para 1923, baseada no manuscrito, e que advirte Ríos Panisse ao pé da transcrición que fai do folletín, indican que o manuscrito sería unha copia da edición ferrolá de 1868. Basicamente trátase de pequenos erros de copia, omisión dalgúns apóstrofos, corrección do seseo propio da autora, omisión dunha frase e dalgunha palabra. Pola contra, corríxese algunha errata do folletín. Se temos en conta que un tipógrafo arxentino descoñecedor do galego puido cometer erros non detectados nas probas de imprenta, non todas as distorsións serían atribuíbeis ao manuscrito que agora non podemos consultar.

Cobra sentido así a afirmación de Xoán Naya sobre a letra do manuscrito que serviu de base para a publicación do conto no Almanaque Gallego de 1923: non estaría escrito por Rosalía, senón da man do ferrolán Florentino Corbeira ou doutra persoa, que o copiarían deste folletín de El Eco Ferrolano.

Estamos, pois, diante da proba definitiva: o “Conto” non só fora publicado en vida de Rosalía (e cando ela contaba ou estaba preto da idade dos protagonistas: “O maldito número de tres veces dez”) senón tamén asinado por ela. Se na edición coruñesa de 1864 con apenas as iniciais R. C., na edición ferrolá de 1868 co nome completo co que asinou as súas obras logo do seu casamento: Rosalía Castro de Murguía.
Torres Regueiro, Xesús
Torres Regueiro, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES