Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O bispo Araujo: o profeta que nunca calou

martes, 13 de noviembre de 2012
Asistimos con certa frecuencia, con moita rabia e mesmo escándalo como algúns cregos e mesmo bispos lles negan aos fieis ou comunidades o dereito a se enterrar, casar o facer cultos en galego.

Na procura doutras cousas no Boletín Oficial do Bispado de MONDOÑEDO-FERROL, encontrei este escrito de Monseñor Araújo, quen por razóns de saúde había moi pouquiño tempo que pedira a dimisión. Estamos no 1985.

O Administrador diocesano, en Sede Vacante, D. Uxío García Amor, recolle no devandito Boletín, o Decreto vindo de Roma e o comentario do noso Bispo.

As cousas e as causas que alí se denunciaban seguen a ser actuais. Por iso debe ser posto de novo en circulación para coñecemento das xeracións actuais,

"Por fin virá o terceiro e definitivo paso que será a implantación ordinaria da misa en galego para aquelas comunidades cristiás que teñan como lingua normal o galego, segundo o mandato do Concilio Pastoral de Galicia.
Este terceiro e último paso esixe un labor catequético e pedagóxico continuado, non só dos fieis en xeral, senón tamén dos cregos, relixiosos e relixiosas.

Se non se leva a cabo este traballo con interés e entusiasmo, o Misal Galego non terá outra sorte que a de quedar esquecido nos anaqueis das sancristías das nosas igrexas.

E a responsabilidade de tal crime histórico sería, sobor de todo, dos bispos e máis dos cregos. Que tal cousa non aconteza para ben da Igrexa galega e de tódolos galegos.

Este é o último parágrafo do escrito de D. Miguel-Anxo. O artigo completo vai reproducido máis abaixo.

Chega a acusarnos de "crime histórico" se non se leva a cabo este traballo con interés e entusiasmo.

E pensar que os libros están a podrecer nos depósitos do Arcebispado, chovendo por eles, e que as outras dioceses xa nin os puxeron ao dispor da parroquias, que tampouco os pediron!

Ten razón o profeta: "Crime histórico".

Niso vai incluída dun xeito eminente a actual Xunta de Galicia pola súa actitude persistente de ser destrutora da nosa lingua e cultura.

Que Deus bendiza ao noso benquerido D. Miguel, profeta que non calou nin nesta nin noutras inxustizas, como moi ben saben o noso mundo obreiro, labrego, mariñeiro e de emigrantes.

Do seu exemplo e coherencia evanxélica podemos beber todos.

O MISAL GALEGO.- LITURXIA.- UNHA BOA NOVA

Miguel-Anxo Araújo, Bispo Dimisionario.
Boletín Oficial do Bispado de Mondoñedo-Ferrol, números 9-10, setembro-outubro 1985.
Recollido de La Región 08-09-1985.

Acabo de recibir aquí, no mosteiro cisterciense de Oseira, onde me atopo pasando uns días de acougo e de retiro, unha copia autentificada do Decreto de Sagrada Congregación para o culto divino polo que aproba definitivamente a tradución ó galego do texto litúrxico do Misal romano.

Despois de tantos anos de espera, coido que esa debe ser para tódolos que nos sentimos galegos unha leda nova, e aínda máis, unha nova histórica, pois ela marca un fito histórico para a Igrexa galega e a súa liturxia, para a mesma lingua galega e para a historia de Galicia.

En ningún lugar máis axeitado podía eu recibir oficialmente esta nova ca no mosteiro histórico de Oseira, onde cunha pouca imaxinación un se sinte levado ós séculos catorce ou quince, cando a lingua oficial da Igrexa nosa era precisamente a galega.

O decreto devandito, escrito en latín traducido ó galego di o seguinte:

“Congregación para o Culto Divino”.– Prot. Núm. 545/85 – As dioceses de lingua galega en España – A instancias do Excmo. Sr. Antón María Rouco Varela, Arcebispo compostelán, no nome dos Bispos das dioceses de lingua galega, en letras dadas o día 10 de xuño de 1985, en razón das facultades concedidas polo Sumo Pontífice Xoán Paulo II a esta Congregación aprobamos ou confirmamos a versión galega do Misal Romano, así como o propio das misas para o uso das mesmas dioceses, feito en lingua galega, latina e española, tal como constan nos exemplares adxuntos. Cando se imprente, o texto fágase mención no mesmo desta confirmación concedida pola Sé Apostólica.

Ademais remésanse dous exemplares do texto impreso a esta Congregación. Non obsta ren en contra. Na Sé da Congregación para o Culto Divino.. día 6 de agosto de 1985. Virxilo Noé, Arcebispo tit. Voncariense, Secretario. Pedro Marini, Subsecretario”.

Téñase en conta que este decreto de aprobación da versión galega do Misal Romano non só abrangue ás dioceses que forman a chamada Provincia Compostelán senón tamén á aquelas – caso de Astorga – nas que se fala o galego.

Temos xa que logo o primeiro paso para a normalización da liturxia da misa en galego.

Agora, e penso que canto antes, virá o segundo, que é a publicación ou a edición do Misal. Coido que é urxente, pero tamén coido que ha de facerse con toda dignidade, de tal xeito que se é posible, e é-o, que supere á mesma edición castelán.

Por fin virá o terceiro e definitivo paso que será a implantación ordinaria da misa en galego para aquelas comunidades cristiás que teñan como lingua normal o galego, segundo o mandato do Concilio Pastoral de Galicia.
Este terceiro e último paso esixe un labor catequético e pedagóxico continuado, non só dos fieis en xeral, senón tamén dos cregos, relixiosos e relixiosas.

Se non se leva a cabo este traballo con interés e entusiasmo, o Misal Galego non terá outra sorte que a de quedar esquecido nos anaqueis das sancristías das nosas igrexas. E a responsabilidade de tal crime histórico serían, sobor de todo, dos bispos e máis dos cregos.

Que tal cousa non aconteza para ben da Igrexa galega e de tódolos galegos.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania