Xa veu o Outono
viernes, 09 de noviembre de 2012
Si, xa veu..., e con el as árbores de folla caduca empezan a despoxarse do seu esplendor de diversos matices do verde, as noites tardan en transcorrer e os días pasan veloces. O sol sae tímido e, as veces, apura a súa intensidade antes de que o oculte unha nube, desas desgairadas e turbias. O vento chega de golpe, ruidoso e ameazante, arramplando coas xa debilitadas e descoloridas follas dos carballos e castiñeiros, estes despoxados dos seus fermosos froitos, que defenden no regazo dos ourizos coas súas espiñas, matafames doutras épocas.
Si, xa veu..., e con el as meteoropatías: as reumas, esa dor de osos que trae as xentes xa metidas en anos polo camiño dos constantes e difusos queixumes; as febres da gripe; as carraspeiras dos fumadores, e, de cando en cando, chegan noticias de que algunhas persoas, afectadas de doenzas máis ou menos crónicas, levounas o vento da Parca, coma as follas das árbores, e tamén a outras sorprendeunas o ictus cerebral ou un episodio cardíaco.
É un aviso da caducidade da vida; pero nosoutros necesitamos vivir e construírnos o noso mundo, por iso enervamos os episodios da nosa dimensión biolóxica mediante unha actitude configuradora, que nos permite ocultar a nosa caducidade cunha visión totalizadora, xeradora da ilusión de protexernos, o mesmiño que as espiñas dos ourizos, das garras biolóxicas: Somos persoas, non meros individuos; estamos enfronte das cousas, non entre elas; temos cultura e comunicámonos cos nosos semellantes mediante a linguaxe; somos creativos e temos capacidade para inventarnos todo un mundo estético; tratamos de razoar a nosa fe relixiosa ou o noso ateísmo, aínda que seguramente aquí non reparemos no máis importante: En que o home é o único animal que ten verdadeira necesidade de facerse estas formulacións, que adquiren unha apaixonante dimensión sentimental cando, nestes días dedicados aos nosos seres queridos, intentamos comunicarnos mental e imaxinativamente con eles, nun ambiente de contrición e sincero agradecemento, nos cemiterios, onde o máis florido da natureza está en profusión, mesmo ao peíño de cada sepultura. É un gasto superfluo?. Segundo: como exhibición, si; como a sincera traducción sensible e simbólica de sentimentos, é unha linguaxe que vale a pena exercitar, porque axuda a dar un sentido (aínda que non sexa o único) á forzada e irreversible ausencia dos seres queridos.
Pero o mundo tamén ten o seu outono. Nel as euforias son pasaxeiras. Neste macrofogar non sempre encontramos a cacheira que nós dea calor nas longas noites outonais, nin as trémulas mans daqueles pais que nos servían o caldiño quente e as apetitosas castañas. Este fermoso e acolledor sosego vese perturbado polas guerras, polos egoísmos, polas traizóns, polas angustias económicas, polas deliberadas humillacións, polos sádicos sorrisos, polas repelentes arrogancias... Pero que ocorre con este animal que fuxe do biolóxico e refuxiase nas coirazas da súa racionalidade e nos construtos dunha singular creatividade?. Que falla?.
As circunstancias sociais nas que estamos vivindo poden darnos algunha luz. As facianas tristes, nun outono nuboeiro que desencadea opacidades, amargos momentos e aloucadas euforias, coas esperanzas apoucadas, están dicíndonos que quen fallamos somos nosoutros, o home e a muller, e seguiremos fallando, fallando e acertando, porque non hai acerto sen fallo nin fallo sen acerto: así é a vida...!. Entón non hai remedio?. Si que o hai; non nos poñemos de acordo para aplicalo, empeñámonos en ser aquilo que dixo o filósofo: lobos liorteiros (HOMO HOMINI LUPUS).
Rubal, Pedro