Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un marco para os nosos esforzos

viernes, 26 de octubre de 2012
Hai pouco máis de cen horas que se coñeceron os resultado das pasadas eleccións, e aínda que todo estea dito e todos – electores, elixidos e non elixidos- teñamos pasado páxina en relación con estes comicios, coido que debo pararme a pensar en voz alta sobre este feito. Non foi, non, desas ocasións nas que todos están satisfeitos polos resultados conseguidos, cun particularísimo xeito de analizar os resultados nos que case todo é relativo, e se demostra que “todo depende da cor do cristal con que se mira”.

Que o resultado era previsible, a posteriori é doado de afirmar. Unha forza política que leva gobernando catro anos con tranquilidade, só condicionada polas dificultades económicas que obrigan a facer recortes en campos sempre sensibles. Outra forza, segunda en teoría en canto a dimensións na colleita de votos, aínda dorida polos acontecimentos nacionais, que non tivo tempo de plantear unha candidatura digamos que “vistosa”. E os nacionalistas, inmersos nun problema interno, eles que nunca deixaron entrever que houbese problemas dentro, entre os que sobresaíu o Cid Campeador Beiras que gaña batallas cando se podía pensar que estaba amortizado para estes duros tempos da política. E, fora destes tres grupos (agora, catro) uns cantos espontáneos da política en tempos nos que as aventuras vese que non funcionan.

E o resultado das eleccións foi tan contundente que a estas alturas todos os estrategas da política, dunha e doutra banda, teñen que estar velando armas, preparándose para o futuro, sabendo que esto só é un chanzo dunha escaleira interminable, na que nada está garantido, e calquera acontecemento – exterior ou interior- pode facer variar a estabilidade da
escada.

Porque, aínda que só falemos de temas autonómicos, o Partido Popular vai gobernar un país con problemas acrecentados, nuns anos que se anuncian máis difíciles que os difíciles tempos actuais, cun panorama económico e social cheo de problemas, onde moita imaxinación vai ter que poñer para saír ben do empeño. Ou, o que é o mesmo, que todos nós poidamos saír ben do empeño.

Porque aínda que ben sabemos que todo depende de nós e non dos políticos, o goberno – cada goberno- ten que facilitar un marco de traballo, de convivencia, axeitado para que os nosos proxectos, os nosos esforzos, poidan desenvolverse. E tal como están as cousas, estamos nun marasmo económico que alguén ten que encargarse de animar. Se é desde o goberno central, pois vale, aínda que sexa desde lonxe. Se é desde o goberno da Xunta, atopará en nós a mellor disposición. E a mellor das esperanzas.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES