Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nihil novum sub sole

jueves, 25 de octubre de 2012
Si, non hai nada novo baixo o sol. Se botamos unha ollada ao noso arredor, nesta España apremiada por tantos problemas, non é nada estraño que experimentemos sensación de vertixe. Respiramos unha atmosfera alporizada, preñada de insensateces reais e intencionais, con estraños comportamentos, actitudes retrógradas por descontextualización, desazos, altiveces feudais, manifestacións de supina incultura, prácticas e metodoloxías políticas abraiantes, perda do sentido da responsabilidade e da culpabilidade, etc., todo un panorama, senón desolador, si, ao menos, dunha murcha esperanza.

Pero os panoramas non serían tales se non tiveran un nimbo de contrastes, e aquí tamén os hai: grandes e dispendiosas fanfurriñadas festeiras, onde os vellos recúan a puerilidade, e os mozos se anticipan á vellez, apresurándose a acadar autoridade, independencia e autonomía persoal para gozar das horas de ocio e dispoñer ao seu estilo das de traballo. Claro, as excepcións confirman o aserto.

Pero neste teatro da vida, aló no fondo, seguen estando presentes as antinomías de sempre, ás que xa Nietzsche lles sacou un bo rendemento (non son novas!): o dionisíaco e o apolíneo, e se o prefiren, o dionisíaco e o socrático. E aquí tamén podemos dicir aquilo deste filósofo: “Que súbita transformación se opera no lóbrego deserto da nosa civilización dende que o encanto, despois do dionisíaco, a influíu!”. Sabido é que Apolo representa ao deus da forma plástica, a organización do que é caótico, á racionalidade sistemática: É o deus da aparencia. Dionisos é o deus da música, da embriaguez, da enerxía universal, da vitalidade; é forza que crea e destrúe.

Sócrates representa o racionalismo, a rigorosa moralidade, cunha visión estática do mundo e, retranqueiro, aplica a maiéutica (ese método que consiste en simular sempre que non sabes nada para que os outros vaian parindo ideas); pero tamén a racionalidade a trocho mocho ten o seu perigo, porque mina a vida.

Á estas dúas posturas, a dionisíaca e o socrática, esíxelles a sociedade un certo equilibrio, porque non é admisible un “dinamismo cego”, permitindo sen medida todo impulso vital, sen poñer en exercicio a razón; mais tampouco é conveniente caer nun desmedido racionalismo que pretenda someter á razón leiras da realidade que se subtraen a ela. Pero aquí hai un serio perigo: Pensar que todos os medios son bos para fuxir do exceso de racionalismo, porque podemos caer, e de feito xa caemos, nunha especie de dimisión xeneralizada do pensamento, excluíndo dos centros de ensino ás disciplinas que o espertan e disciplinan, ou debilitando, por compromiso simplemente político, a súa importancia.

Sen embargo, en España cada vez é máis difícil acadar ese equilibrio de ambas forzas, porque non están ben definidas e localizadas na nosa sociedade, están diseminadas: Tanto as actitudes dionisíacas coma as apolíneo-socráticas aparecen nos sectores da sociedade menos sospeitosos, e irrompen unha e outra incluso nos mesmos cidadáns en concorrencia desigual. Acaso representan a Dionisos os integrantes das numerosas manifestacións nas ruadas?. Hai quen concorre a elas da man de Sócrates, quen dubida, e quen pasa o tempo nun exercicio de explosión vital con condutas impropias dunha persoa con dereito a reivindicacións. Tampouco se descarta o móbil económico dos organizadores, sempre repetitivos e robotizados en expresións e ademáns pouco convincentes, porque cando antes sabes o que che van a dicir, non che din nada.

E quixen chegar aquí porque tanto por un costado coma polo outro, se as cousas se poñen feas, fálannos dos “antisistema”. Pero...que son?.

Partamos de saber que é un sistema, e digamos, para non deternos, que é un conxunto de varios elementos que o integran e constitúen, e que só teñen a súa razón radical de ser dentro del, unha vez constituído. Para saír do paso, podemos distinguir entre sistemas que nosoutros construímos para entender as distintas realidades, coma cando reducimos o corpo humano a un sistema para estudalo ordenadamente; e un sistema social funcional (xurídico, administrativo, político, etc., constitucionais todos), que se alguén quere destruír, dise que é un “antisistema”. E por suposto, os medios de destrucción a utilizar poden ser ben distintos.

Quédese isto como sinxela información; pero eu hoxe quixera facer alusión a outros “antisistermas”, aplicándoos a España. Refírome ao que eu chamaría “sistemas non formais de ´preconstitucionalidade`”. Hai máis de cinco séculos que España está constituída como un sistema nacional, formado por distintas entidades, Reinos (de Taifas) ou como se lles chame ós elementos integrantes. Como se formou este sistema?. De modo análogo a como se forman todos os sistemas na natureza: Incóase nun estado caótico, e no seo del xurde un elemento con forza “atractora”, arredor do cal van organizándose todos os elementos chamados a constituílo, ata que quedan co-ordenados. Nese intre formouse o sistema. Pero, o contrario dos naturais, non teñen garantido o bo funcionamento, e por iso manter unha adecuada estabilidade require certos tenteos, e o equilibrio ha de acadarse navegando nas vagas da “desestabilización” máis ou menos vigorosa.

Pois ben; España constituíuse desta maneira, e agora se un deses elementos integrantes pretende saír do sistema, é un “antisistema preconstitucional”, porque cuestiónase o fundamento orixinario de toda constitución (das que houbo e da que hai, escritas ou non). Polo tanto, estar dispostos a incumprir a Constitución é ameazar cunha incualificable violencia política, unha distorsión lóxica, un despropósito histórico e evidenciar unha perda do sentido común esixible a quen ten importantes responsabilidades políticas, porque, entón, as pretensións sitúanse a un nivel “preconstitucional”, intentando ensaiar a descontextualización dun atavismo: unha verdadeira arrogancia traidoramente (ao sistema) preparada paso a paso, que só sorprende ás miopías políticas reais ou ofrece ocasión de alardear dunha nefasta délicattesse diplomática.

Precisamente por isto, non serven alegacións de descentralización, porque os sistemas funcionan en operatividade sistemática, aínda que teñan funcións centralizadas. E se non fora así, nun sistema social e nacional, habería que corrixir, incluso con enerxía, o que fose necesario; pero nunca confundir as distribucións funcionais, para unha mellor operatividade da totalidade sistémica, cunha descentralización como paso previo, solapado e raposeiro, a unha desintegración.

Vistas así as cousas, nas recentes eleccións galegas, certas exposicións ben razoadas perden esta condición por adoptar unha perspectiva equivocada. Pois os razoamentos de que en Galicia hai que aproveitar os recursos naturais que ten, parecen farto acertados; pero tamén hai que pensar que, en perspectiva económica, por exemplo, hoxe é absurdo a pretensión de subtraerse á dinámica “globalizadora” (estamos no século XXI...!), e para equilibrar as distintas esixencias da economía é mester facer intercambios, con renuncias a algo do que temos, sen que se queira inferir disto que non se deban introducir mellores negociacións no ámbito da mesma: No mundo non podemos vivir só ao noso xeito, hai que axeitarse, que é ben distinto.

Sen embargo, tampouco debe entenderse isto como unha exposición homoxeneizadora dos subsistemas que constitúen a España. En absoluto.

No mesmo corpo humano o sistema (“sub-sistema”) circulatorio ten peculiaridades ben propias que o diferencian do linfático o da estrutura ósea, e a ninguén se lle ocorre prescindir dun deles. Claro que os sistemas sociais funcionais teñen unha tolerancia que non posen os naturais; pero, non obstante, se en España se intentara producir unha secesión dunha autonomía, habería que entender violentado o sistema fundamental orixinario, e as respostas adecuadas deberían ser inmediatas, por imperativos non só CONSTITUCIONAIS, que son convencionais, senón CONSTITUTIVOS, que hai que considerar categóricos.

Me parecen plausibles estas conclusións, aínda que algún lector estará apurando a crítica ao contido deste modestísimo artigo; pero eu ben quixera que se tomara a molestia de consultar os criterios de clasificación das ciencias de Wilhelm Windelband, filósofo alemán e fundador da Escola de Baden, destinguindo entre ciencias “nomotéticas” (que teñen leis xerais, como as naturais) e “ideográficas” (que describen o que é singular, como as históricas). Pois ben; o positivismo do Círculo de Viena (nada sospeitoso para os previsibles críticos), defendeu a extensión ás ciencias histórico-sociais da explicación científica das “nomotéticas” ou naturais, “facendo consistir a explicación dos casos particulares nunha deducción lóxica destes a partir de leis xerais e de oportunas condicións iniciais”, un modelo que é coñecido como de Popper-Hempel, proposto como adecuado ás teorías con statu científico. Permítanme este apoio epistemolóxico.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES