Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os vellos roqueiros poden chochear

viernes, 12 de octubre de 2012
Os vilalbeses temos por padroeiro maior a San Ramón Nonato, un santo catalán que morta súa nai conseguiu vivir en época (comezo do século XIII), na que para que esto acontecese facía falla un milagro. Temos grande devoción ao santo, pero eso non quita para que San Froilán teña entre os vilalbeses reservado un papel singular, e a Lugo acudimos –co permiso do noso santo- a axudar a facer festas que non caben dentro de murallas e fan falla as dez portas abertas para que por elas salla e entre o entusiasmo dos festeiros.

Eu en Vilalba, desde hai case corenta anos, son presentador de pregoeiros e premiados do certame literario, e ás veces o cerebro xógame algunha mala pasada. E unha foi debida que eu andiven seis anos metido na organización destas festas, e así desexei aos vilalbeses “Feliz San Froilán” no canto de San Ramón. A gargallada aínda soa nos meus oídos.

Pedín disculpas polo erro argumentando a miña doble nacionalidade de vilalbés e lucense, e confesei este meu doble padroado, polo que tamén lembro ter recibido un aplauso da mesma medida que a gargallada anterior.

Pero non sería xusto que a estas alturas do calendario eu situase ao mesmo nivel a festa sanramoniana da capital da Chaira ca o San Froilán lucense, e no san Froilán me centro, que tiven responsabilidades na súa organización nos anos oitenta e daquel tempo e daquelas lides gardo memoria viva.

Non hai moitos días que alguén me preguntou por un feito que daquela dera a volta a España recollido polo xornal El País. Cantaba en Lugo Miguel Ríos, xa daquela vello rockeiro, e eu descubría o insufribles que podían ser as estrelas máis ou menos grandes cando se trataba de subir a un escenario. Escenarios que nada se parecían aos de agora, certo é, pero xa empezaran a medrar.

Grupos rockeiros ou non tanto esixían antes de subir ao escenario unha despensa surtida de xenebras e whiskies, un lote de frazadas ou toallas, e os requisitos mais peregrinos que non tiñamos máis remedio que cumprir se queríamos saír vivos do intento.

O certo é que por cuestións tan vitais como estes líquidos elementos de numerosos graos, Miguel Ríos tardou –eu que sei- máis dunha hora en sair ao escenario, onde cando o fixo empezou por dicir que os lucenses deberíamos tomar boa nota das autoridades do concello á hora de votar polo mal que organizaban estas cousas.

E a min ocorréuseme comentar que, efectivamente, os vellos rockeiros nunca morren, pero ás veces chochean. Máis dun cuarto de século despois aínda me preguntan polo feito.

Remata o San Froilán, Viva San Froilán!. E que dentro doutro cuarto de século poidamos dicilo de novo.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES