Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Por Dios y por España

miércoles, 03 de octubre de 2012
Por Dios y por Espaa A feira do libro usado de Barcelona (a mais antiga de Europa) expón as súas mercadorías ao longo do Paseo de Gracia, en maio e setembro. Toda unha bibliografía impresa que atrae e contenta a tódolos públicos que somérxense en toda unha gama de libros e outras variedades aptas para lectores neófitos e para bibliófilos. Un pode pasar días rastrexando cada unha das casetas sen chegar a observar tódalas ofertas que se manteñen nos expositores.

O día da inauguración desta feira, nun destes estantes, ollei un libro que alucinei. E que eu buscaba desde fai bastantes anos, que tiven a posibilidade de mercar nun tenderete ocasional que Fuerza Nueva expoñía na Rambla barcelonesa e non o merquei a tan especiais divulgadores da ideoloxía rancia dunha España de extremos e incitacións. Fiquei arrepentido de non telo mercado porque vía toda posibilidade pechada para a adquisición deste libro que comento, titulado: “Por Dios y por España (1936-1939)”, da autoría de Isidro Gomà i Tomàs, cardeal arcebispo de Toledo e Primado de España. Un libro e un autor xa clásicos na literatura belicosa e unha das testemuñas mais relevantes da complicidade da Igrexa española baixo a dirección deste xerarca.

Isidro Gomà i Tomàs (La Riba, Tarragona, 1869-Toledo, 1940), fillo dunha acomodada e burguesa familia tradicionalista catalá, despois de estudar Filosofía, Dereito Canónico e Teoloxía, ocupa diversos cargos até ser nomeado en 1927 bispo de Tarazona, en plena ditadura de Primo de Rivera. En 1933 ocupa a cadeira arcebispal de Toledo. Nos albores da Guerra Civil, o cardeal Gomà convértese nun dos apoios mais indispensábeis co que conta o bando sublevado, que é o poder duns bispos trasnoitados e nada dados aos cambios que se estaban producindo despois da liquidación da monarquía borbónica. Ademais de non adaptarse ao novo réxime republicano, que pode ser razoábel, instigaron dunha maneira cruenta, como no caso do cardeal Segura, predecesor de Gomà, contra a República.

A chegada da Guerra Civil, os sublevados apuntalan a súa ousadía de vencedores contando co acervo interesado e pertinente do cardeal Gomà que implica ao 95% do clero español a tutelar a por el creada e chamada: “Cruzada”, termo que Gomà acuñou e os fascistas fixeron uso e reverencia da mesma.

Neste libro “Por Dios y por España”, podemos observar toda esa demencia que desde os púlpitos se proclamaba a discursiva de Gomà, na que constata unha doutrina ben adversa á que se admite nos Evanxeos. Ese primitismo bélico e deshumanizado contradí o ensino de Xesús de Nazaret.

A Igrexa de Gomà non só foi colaboracionista senón instigadora e perseguidora de tanta decencia humana e cristiá que non comungaba cunha xerarquía ultramontana. As “Pastorales”, “Instrucciones Pastorales y Artículos”, “Discursos” e “Mensajes”, corroboran a percepción fascista dun cardeal bélico e sanguiñento que converte á Igrexa española en cómplice e, tamén, en autora de persecucións e non en van de verse perseguida por ser autora de tantas complicidades e linchamentos cos que provocaron a guerra contra un poder democraticamente constituído, esa insólita Igrexa toma na historia da humanidade un alcance inicuo no insultante discurso da particular doutrina de Gomà.

No que se contempla nestes escritos sobre a Guerra Civil, o cardeal de Toledo di: “Esta cruentísima guerra es, en el fondo, una guerra de principios, de doctrinas, de un concepto de vida y del hecho social contra otro, de una civilización contra otra. Es la guerra que sostiene el espíritu cristiano y español contra el otro espíritu, si espíritu puede llamarse, que quisiera fundir todo lo humano, desde las cumbres del pensamiento a la pequeñez del vivir cotidino, en el molde del materialismo marxista”.

O tradicionalismo mais medievalista e casposo esgrimindo a loita de clases na prédica de Gomà, cando implica o concepto relixioso no concepto de patria: “Es que la Religión y la Patria –arae et foci- estaban en gravísimo peligro, llevadas al borde del abismo por una política totalmente en pugna con el sentir nacional y con nuestra historia.” Claro, o que se intentaba era que prevalecese a historia da submisión fronte a insubmisión. A reacción de Isidro Gomà encarna, euforicamente, tódalas insidias de non permitir cambios e trata de mesturar relixión con patria: feudo común das desigualdades e das admisión de tiranías, cando sinala: “No omitamos un hecho terrible; la destrucción sistemática de la riqueza, privada y nacional, y de sus fuentes. La riqueza es fuerza y vínculo en todo sistema social y político. Lo era, con todos los defectos de nuestra montura económica, de la España tradicional”. Este é o epicentro do pensamento bunqueriano de Goma, cando contempla, exactamente, o “sistema social y político” con todos os efectos da España no entramado da loita de clases que, negativamente, sen abastecernos de matices manifesta: “Cuanto cabe en la intención de Moscú, el pabellón comunista se ha plantado en España frente a su cristianísima bandera. Aquí se han enfrentado las dos civilizaciones, las dos formas antitéticas de la vida social. Cristo y el Anticristo se dan la batalla en nuestro suelo”.

É obvio que Isidro Gomà faga estas mesturas sen cronometrar os tempos no que respecta ao ámbito social e de clases, minimizando frivolamente os efectos e colocando no escenario político, con rotunda ambigüidade, o dilema deísta de Cristo e Anticristo. Apelando a tradición do cristianismo mais apocalíptico que se experimentou no medievo cos papas Inocencio III e Bonifacio VIII, que encumbran esta idea. Idea totalitaria que vigoriza as posturas dun Gomà furibundo contra as masas populares mais desfavorecidas: “Cuanto al pueblo, éste ha sido su gran pecado en la obra de la revolución. Se dejó conquistar por los predicadores de la mentira igualitaria, abandonando la creencia en su Dios”.

O cardeal Primado blindouse nesa acorazada muralla do inadmisíbel, sustentando esa idea estraña dunha España de fe e casta invulnerábel. Nesta idea, non se admiten outros conceptos, cambios ou vicisitudes que non sexa as que pasen pola criba do catolicismo patriótico que foi o que fixo e desfixo a España. Nisto, o cardeal Gomà saenos pola tanxente: “¿Cómo eximir de responsabilidad a quienes trajeron acá el comunismo, sistema antihumano más que antiespañol? ¿Qué daño no habrán causado a España los que la han empalmado oficialmente con judíos y masones, verdaderos representantes de la anti-España que nos han traído a estos momentos agresivos?”

Esta cínica visión de mudez e intolerancia foi a que se exhibiu durante corenta anos de ditadura, que todos os males da desintegración social e nacional proceden de comunistas, xudeus e masóns. Esta conduta frontista e belixerante do episcopado español dirixido por Isidro Gomà i Tomàs, en seu rancio dogma, expón: “Oremos por la guerra, amados diocesanos; cada cristiano debe ser un soldado de la oración, arma invencible”.

Na Carta Pastoral: “Catolicismo y Patria”, do 5 de febreiro de 1939, Gomà verte un aluvión de contradicións no tecer desa maraña de conceptos, nos que compre manter unha reflexión sobre o nacional-catolicismo suxerido polo cardeal Primado, cando di: “Así el hombre, por exigencia de su misma naturaleza, está atado con triple vínculo: a Dios, a sus padres y a la Patria; y este triple vínculo, que es de criatura racional y por lo mismo de pensamiento y voluntad implica una triple religión o “religadura”, con su expresión que es el “culto” o servicio, de pensamiento, de libertad, de acción: el que debemos a Dios, que es propiamente la religión, función sagrada que tiene por objeto al Dios santísimo”. Esta é unha desas curiosidades dialécticas ditatoriais que o purpurado fascista puxo en escena. Incluso diríamos que é unha apropiación dos conceptos joseantonianos sobre Dios, patria e familia. Nesta dimensión etérea maniféstase esa elucubración que deu respiros e entusiasmos a unha casta de tiranías, tanto a nivel patriótico como relixioso. Sobre isto razoa o cardeal Gomà: “En nuestro pueblo español se ha dado un verdadero estallido de patriotismo desde el levantamiento nacional. Diríamos que a sido una compensación del período de anestesia del sentimiento patrio en que gran parte de nuestro pueblo había vivido durante años. Si no hubiese sido nuestro vigor espiritual hubiésemos sucumbido”.

Non foi o talento patriótico nin a harmonía relixiosa o portento a non sucumbir, foi o medo, o terror a eses poderes que ostentaron Franco e Gomà, e que se dedicaron a facer limpeza social e de pensamento con todos aqueles que dunha maneira activa ou expectante, mantiñan viva a súa liberdade e a súa dignidade, por enriba de embrollos filosóficos de moi curta proxección.

Os analistas de Isidro Gomà i Tomàs, non poden negar esa carga ideolóxica do carlismo militante e que el sempre fixo gala de significar o lema: “Dios, Patria y Rey”. Non podemos esquecer que o espazo tarraconense, onde Gomà naceu e tivo os seus primeiros respiros e pautas de comportamento, destacouse pola súa efervescencia carlista. Cando fala da proclamación da República e o cambio de réxime, manipula a palabra dunha maneira pexorativa e despectiva, República por revolución: “Cuando la revolución de 1931 cambió los fundamentos de la Nación española por la sustitución brusca de sus instituciones políticas, y la inesperada cometida del ateísmo legal”. Con estas palabras vese a inflexibilidade do seu deísmo fronte a liberdade de opinión e de crer diferente ao que el pensaba: “Fué un régimen [o republicano] que hirió de un golpe a la Nación y al Estado; porque una civilización no se crea sino por un Estado constituído y por una Religión organizada. Al disolverse el vínculo religioso estallaron las fuerzas disolventes, el socialismo, el comunismo, el nihilismo ruso. Y vino la quiebra de la autoridad estatal.”

A quebra do Estado constituinte veu polo golpe fascista, no cal Gomà argumentou e salientou, marcando as liñas dun contencioso de clase que había que solucionar pola forza. E nesta dirección foi contundente ao dicir: “No gana las batallas el número de soldados, sino la unión, la consigna universal que traza el camino y una disciplina inquebrantable”. Gomà ben sabía que esa unión e consigna universal entre Franco, Hitler e Mussolini trazaron o camiño dos vencedores para impor un réxime fascista no Estado español.

O tema da confrontación, sempre polo ven da Igrexa e da Patria, foi algo visceral nas manifestacións de Gomà, en moi diversas ocasións e dunha maneira rotunda, como manifestou nun artigo, publicado no semanario: “Cruz y Espada”, en 1938. Velaquí esas recorrencias ao “Deus dos Exércitos”, tan manifestado polos profetas do Antigo Testamento. A ese Deus destrutor clama Isidro Gomà i Tomàs, con toda vehemencia: “Mira. Cuando la cruz redentora se vislumbra, entre promesas y castigos divinos , bajo las mismas frondas del paraíso, Dios pone a sus puertas un angel que, con espada de fuego, las guardará cerradas para siempre”.

Neste artigo vai debullando todo un temario bíblico no cal é protagonista a espada. Como no caso de Moisés e a espada de Israel que vence aos inimigos; o anxo exterminador que fire coa súa espada aos primoxénitos de Exipto; personaliza a Ezequiel que recibe unha orde de Yahveh para que fira de morte aos que non o obedezan. E manifesta Gomà: “Y hoy, sacerdotes y soldados españoles, para que no falle en la historia la conjunción de la cruz y la espada, os juntais en los campos de batalla, unos para levantar, sobre las frentes rendidas, la Hostia y el Cáliz, reproducción del sacrificio de la cruz; y otros, obedeciendo al gesto fulminante de la espada de vuestros jefes, para lanzaros, en nombre de Dios y de la Patria, a la reconquista del suelo bendito de España”. Remata o cardeal este artigo: “Soldados valientes de España: la espada es el símbolo de las armas complejísimas que manejais. Llámese fusil o ametralladora, aeroplano o cañón, todo es espada, porque todo viene representado y dirigido por la de los jefes que os guían”.

O cardeal Gomà tivo unha verdadeira obsesión idolátrica pola espada asasina, símbolo de destrución e morte. Cando o xeneral Franco lle entregou a chamada espada da vitoria, para que se custodiase, como reliquia de guerra na catedral de Toledo, o 6 de xuño de 1939, Gomà agradece: “Juzgo mi deber dar la mayor relieve y permanencia al gesto nobilísimo y de cristiana edificación de entregarme V. E. en mi calidad de representante de la Iglesia, su espada vencedora, como tributo de gratitud a Dios que, con amorosa Providencia, ayudó a los que lucharon por su honor y por el de España”.

Esta obsesión pola espada a volve repetir no acto do 16 de xullo de 1939, na catedral de Toledo, cando o Conde Galeazzo Ciano, ministro de Relacións Exteriores do chamado Imperio de Italia, e xenro de Mussolini, entrégalle unha cruz pictórica. O cardeal Gomà, manifesta: “Déjeme, ante todo, que bese esta Cruz, obra del beato Angélico, que con delicadísima generosidad ha donado el grande hombre de estado italiano, el Duce Mussolini, con destino al tesoro de la catedral de Toledo. (...) Hace pocas semanas que el Generalísimo Franco depositaba en mis manos, como Primado de España, la espada que, vencedora de cien combates, es el instrumento y símbolo de la victoria que hoy celebramos”.

Mais o cardeal tamén esgrime a súa espada dialéctica de dous gumes, como dicía san Paulo, nunha carta de felicitación a Franco polo triunfo fascista, datada o 3 de abril de 1939, que di: “Sabe, Excelencia, con qué interés me uní desde el comienzo de sus afanes; como colaboré con mis pobres fuerzas y dentro de mis atribuciones de Prelado de la Iglesia a la gran empresa; no le han faltado nunca mis oraciones y la de mis sacerdotes. Me siento por ello con derecho especial a participar de su gozo en estos momentos de triunfo definitivo”.

É evidente que o prelado de Toledo pídelle ao ditador a súa parcela de poder, para tomar decisións moi puntuais nas componendas do novo Estado favorecido por esa cruzada que potenciaron deste o púlpito e desde o colaboracionismo da Igrexa, como ben se desprende desta carta.

O ideario relixioso de Isidro Gomà i Tomàs, tivo enorme preponderancia no catolicismo de posguerra, naquela igrexa nada submisa á ditadura de Franco, na que as súas directrices foron moi sensíbeis e marcantes naquel Estado bicéfalo, en que as dúas cabezas gobernaron reciprocamente, unha á sombra e a outra manifestando poder e espolio.

Esa doutrina tan caseira e ordinaria dun prelado, como Gomà, foi a que imperou con prepotencia na formación dos seminaristas. Toda esa xerarquización de tipo militar que foi un lastre para a formación dun clero ateigado de prexuízos morais, que campaban por enriba do ben e do mal. Unha educación estática na que se percibía esa moldura perversa de negar liberdade de expresión aos alumnos, que moitas das veces eran reprimidos con violencia, como aínda moitos cregos lembran a seus profesores de seminario. Aí estaba o caudal de ideas persecutorias que o cardeal Isidro Gomà foi imprimindo na grande maioría dos prelados españois e no clero.

Poucos poden negar a idea de comando que manifestaban moitos cregos saídos dos seminarios de posguerra, exercendo todas esas omnímodas prerrogativas que lles concedían eses dous poderes, como vehículos transmisores do nacional-catolicismo. Uns creron e manifestaron esa conduta retrógrada e outros cambiaron, porque o Vaticano II deulles esa iniciativa de ver a Igrexa doutra maneira mais elástica e intuitiva e, tamén, mais achegada ao pobo. Rexeitando daquela idea integrista que impuxo o cardeal Gomá.

Nunha gran maioría de cregos desa época gardaban animosamente nas súas bibliotecas diversas edicións das pastorais e homilías do cardeal Gomà. Así como discursos de José Antonio Primo de Rivera, de Onésimo Redondo, que non desixaba de ser un referente ideolóxico no seo da Igrexa. Servidor viu moitos exemplares neste tipo de bibliotecas que non deixaban de ser textos de cabeceira, promocionados por unha xerarquía politizada e obediente ao sistema.

Mais houbo dous bispos que desoíron o son da batuta do cardeal de Toledo. Un deles foi o catalán, Francesc Vidal i Barraquer (1868-1943), cardeal de Tarragona e Primado de Cataluña, que defendeu a predicación en catalán e os dereitos de Cataluña a autodeterminación. Foi detido pola FAI e a punto de ser fusilado. Mostrou a súa disposición coa República e co goberno da Generalitat. Negouse a firmar a famosa “Carta colectiva de los obispos españoles”, publicada o 1 de xullo de 1937, cuxos promotores foron Gomà e Franco.

O vasco, Mateo Múgica Urrestarazu (1870-1968) foi bispo de Vitoria e administrador Apostólico de Bilbao, moi contrario ao ideario de Goimà, cando manifestou o seu apoio ao lehendakari José Antonio Aguirre, sinalando: “ser nacionalista vasco non é incompatible con ser un bo católico”. Os franquistas tachárono de roxo e separatista e houbo unha caza de bruxas a seu entorno. Franco pediulle a Gomà que o sacara de España e, súpetamente, Pío XI o deportou a Roma.
García, Xosé Lois
García, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES