Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Muller impulsora dunha asociación no rural galego

martes, 02 de octubre de 2012
Son unha muller da aldea. Si, nunca mellor dito, nacín na aldea, no seo dunha familia labradora e nun lugar paradisíaco chamado Vigo no concello de Paderne (A Coruña).

Por circunstancias familiares trasladáronme a outra aldea do veciño concello de Irixoa onde fun á escola primaria.

Da escola primaria teño uns recordos cheos de luces e sombras: era unha escola pública ubicada nun edificio declarado en ruina por varias ocasións, situada nun lugar sen prácticamente ningún tipo de comunicación, sen luz eléctrica ata ben entrada a segunda metade do século pasado, sen auga na casa, e nin que decir ten que tamén sen teléfono, sen libros, sen xornáis… Non recordo ter frío porque había calor animal da corte das vacas situada no baixo do edificio e tamén calor humano porque eramos moitos rapaces e rapazas. Coido que rondaríamos os cincuenta alumnos para unha soa mestra que seguramente viría desganada a un lugar tan remoto. A miña primeira mestra era modélica, chamábase Dona Raquel Rey de Castro. Queríame con locura

Houbo outra excepción no ano 1960: chegou unha mestra moi noviña cargada de celo vocacional que nos abriu os ollos e algúns poidemos sacar o Certificado de Estudios Primarios e acceder ó bacharelato.

Pasados os anos, fun á Escola de Maxisterio e logo á Universidade Autónoma de Barcelona e e fíxenme Profesora de E.X.B., exercendo a miña profesión en centros Públicos con moita vocación e entusiasmo en distintos lugares da xeografía española, aterrizando os derradeiros 30 anos nun Centro Público Integrado desta zona, onde impartin diferentes materias mentres non apareceu o Ensino Secundario Obrigatorio no ano 1996, ano no que pasei a impartir Lingua Galega no primeiro ciclo da E.S.O ata que, no ano 2009 paseime do Ministerio de Educación ó de Facenda pasando a engrosar unha longa lista de membros de Clases Pasivas do Estado.

O ambiente no que me desenvolvín foi sempre no rural agás o periodo que me obrigou a estar preto dos Centros de Estudios.

Vivín e convivín cos meus veciños labradores e obreiros. Os labradores traballaban as terras de sol a sol e os obreiros tamén porque complementaban o traballo de fóra co da casa.

As relacións veciñais dos meus paisanos baseábanse no intercambio de traballos agrícolas. “Ti axúsdasme a min e eu axúdoche a ti”.

Na miña parroquia tamén se levou a cabo unha tarefa comunitaria de certo relevo, foi a Traída de Auga corrente nas casas no ano 1969. Quitados estes casos puntuais, o cooperativismo brilaba pola súa ausencia. Os meus paisanos eran moi escépticos á hora de asociarse porque nunca tiveran esa experiencia e desconfiaban de que alguén poidera traballar voluntaria e gratuitamente por e para o seu benestar.

Con todo, entrado o segundo milenio da nosa era, no ano 2004 tivo lugar en Paderne un acontecemento de certo relevo: “A Fundación do Consello de Maiores de Paderne”. Aínda non sei moi ben por que motivos, tocoume –ben ó meu pesar naquel momento- de presidir dita Asociación.

Se ata entón, toda a miña vida fora un reto continuado; neste momento enfrontábame a outro que que foi todo sorpresa. Os camiños da vida vante levando a experiencias novas cada día; e ti tes dúas opcións:

Unha, recuar e tirar a toalla esperando que chegue a hora de partir para a outra banda da vida, pensando que ti non vales para nada ou que xa traballaches abondo.

Outra consiste en: botarlle valor á vida e tirar para adiante confiando que todo sairá ben. Eu optei por esta segunda.

Neste momento o Consello de Maiores de Paderne xa ten 8 anos. Oito anos cheos de experiencias e cheos tamén de vida moi enriquecedora. Pasaron por el moitas, moitísimas persoas. Unhas faleceron, outras enfermaron, outras abandoaron; pero as que tivemos a sorte de poder continuar, estamos felices de pertencer a unha asociación na que se respira por tódolos poros: harmonía, paz, ilusión, amistade, fratenidade, compañía, optimismo…

No Consello de Maiores de Paderne todo o mundo ten cabida, independentemente das súas crenzas, das súas ideas, do seu modo de ser. Cada un é cada un e todos xuntos compartindo o mellor que temos e o que somos, formamos un colectivo no que todos nos encontrámos sumamente cómodos e felices.

Participamos en moitas actividades: ioga. memoria, baile, risoterapia, cineforum, psicomotricidade, arteterapia, viaxamos, creamos diversión saudable, facemos a película da nosa vida en común, celebramos todo canto se pode celebrar e vivimos en positivo.

No ano 2008 creouse a Aula da Uned Senior en Paderne, integrada por
socios do Consello de Maiores de Paderne.

Desde a súa implantación, acudimos puntualmente ás clases de Música, Informática, Medicina, Historia da Literatura, viaxes culturais, celebracións de todo tipo, etc, etc.
Somos universitarios.

Tamén somos persoas de corazón aberto e mente renovada e de idades, comprendidas entre os 30 e os 95 anos. Persoas con estudios universitarios, con estudios primarios e con pouca escola. Todos coa carreira da vida aprobada. Todos sabemos algo e todos servimos para algo e todos unidos valemos moito máis porque engadimos ó valor de cada un, a valía do outro. Beneficiámonos a nós mesmos e beneficiamos ós que nos rodean exercendo deste modo unha influencia social favorable para todos.

O noso empeño está en colaborar na construcción dun mundo mellor, recuperando na medida do posible uns valores que parecen estar gardados no baúl do esquecemento.

Queremos ser un referente para a xente nova que se sente moi defraudade por este mundo que lle toca vivir porque foi subindo a un ritmo un tanto artificial, creado –coa mellor das intencións- pola xeración anterior.

Traballamos unidos e seguiremos traballando mentres as forzas nolo permitan para a construccíón dun mundo máis humano no que todos teñamos cabida e que ninguén se sinta discriminado.
Esto é o que vimos facendo e os resultados están á vista.

O que nun principio parecía imposible, vaise conseguindo pasiño a pasiño. Roma non se fixo nun día, nin en dous, nin en tres, pero co tempo vaise conseguindo todo, incluso perder o medo ó asociacionismo.

Asociarse merece moito a pena e se esto se fai no medio rural galego, ten aínda maior importancia porque todos sabemos que o medio rural estivo sempre moi abandoado e se non nos axudamos nós mesmos…¿Quen nos vai axudar?

Desde o Consello de Maiores de Paderne e desde a Uned Senior, intentamos animar a tódolos nosos paisanos –tanto homes como mulleres- do rural galego que se unan e compartan o mellor de cada un, verán como os resultados poden ser sorprendentes.
Cachaza Platas, Mercedes
Cachaza Platas, Mercedes


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES