Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Día internacional das persoas maiores (1-X-12)

jueves, 27 de septiembre de 2012
No Ano Europeo do Envellecemento Activo e a Solidariedade Interxeracional, o Consello de Maiores de Momán, o Consejo de Ancianos de Xestoso, o Consello de Maiores de Paderne, xunto con outros Alumnos da Uned Senior de Xestoso, queremos participar coa nosa humilde pero eficaz aportación a unha noble causa en favor do amplo colectivo de persoas maiores.

Nós somos xente da aldea que nos tocou nacer entre o Paraíso entre Ríos (Paderne- A Coruña ) e a Terra Cha en Lugo, coa Serra da Loba de por medio. Somos un colectivo que ten como denominador común ser xente do medio rural galego, ter nacido no século pasado, sufrido os efectos da guerra, da emigración, da estreitura e moitas cousas máis.

Se ben é certo que todo eso deixou unha forte pegada en nós; tamén é certo que foi motivo para fortalecernos. Resitimos e queremos seguir resistindo por moitos anos. Nas probas é onde se coñece a talla das persoas, e para eso, aí estamos nós.

Todo eso témolo superado, aínda que non esquecido e estamos dispostos a celebrar a vida nesta etapa final do modo máis digno posible.

Tamén queremos ser un referente para as xeracións vindeiras e por eso facemos un chamamento a quen corresponda para que a nosa voz resone con forza no corazón de tódolos galegos, principalmente nos da aldea.

Dentro da situación limitada na que nos movemos, queremos aproveitar e aproveitamos tódalas oportunidades que se nos presentan así como dar conta do que botamos en falta.

Sabemos que estamos atravesando unha forte crise non só económica, senón tamén de valores. Sabemos que os tempos son difíciles para todos, pero principalmente para nós que xa estamos rematando as nosas forzas.

Por experiencia propia sabemos que a vida nunca foi doada, pero cando van chegando os anos, dámonos conta que a dificultade para superar obstáculos vaise facendo cada vez maior.

Con todo, os ánimos témolos moi altos e sabemos agradecer o que se fai por nós do mesmo xeito que tamén somos conscientes de que aínda queda moito camiño por recorrer no terreo do benestar integral para a ancianidade do rural galego.

Sabemos agradecer e agradecemos o labor social, físico, itelectual, cultural e espiritual que se leva a cabo a través das actividades realizas no seo das nosas asociacións: talleres de memoria, de risoterapia, de ioga, viaxes, clases da Uned Senior e actividades varias que nos enganchan á vida a través da maxia producida pola harmonía, a amistade, a fraternidade e a ilusión de compartir o temos e o que somos. Ó mesmo tempo que imos adquirindo coñecementos para mellorar a nosa calidade de vida.

Queremos mostrar o noso agradecemento a todas persoas, entidades, institucións e poderes públicos que velan na medida do posible polo noso benestar. Sen o seu apoio, sen a súa man sempre tendida, sen o seu corazón sempre aberto, sen un sinfín de horas dedicadas a esta noble causa, este labor non podería levarse a cabo.

Pero a realidade é que os medios dos que dispoñemos son a todas luces máis que insuficientes. A nós tocounos nacer e vivir nun lugar con servizos sociais insuficientes porque a boa vontade non é suficiente. Faltan medios encamiñados a esa noble tarefa.

Desde que a moeda entrou en uso, os cartos son un móbil de primeira necesidade e tamén é ben certo que ademais de darse moi aproveitados, comprobamos que son moi escasos e moitos casos inxistentes.

¿Que habería que facer para que as autoridades competentes tomaran as medidas necesarias para que a este numeroso colectivo de persoas maiores non lles faltara o necesario?

No que vai de ano véñennos dicindo que hai que envellecer de xeito activo. Enténdese que envellecer activamente é moi aconsellable, pero…
¿Contamos cos medios necesarios para que todas as persoas maiores poidan levar unha vida activa? ¿Qué pasa coa persoa maior da aldea cando as forzas cansan?

A Administración pretende que a persoa maior acabe os seus días no seu propio entorno familiar. Vale, pero…

¿Tense en conta que hoxe en día, tódalas persoas en idade escolar e laboral pasan o día fóra da casa, quedando sos anciáns sós? (Agás no caso dos que non teñen traballo, que eso aínda é máis grave)

¿Tense en conta que cunha pensión mínima non se pode ter unha casa debidamente acondicionada nin comprar alimentos para ter unha dieta equilibrada?

¿Tense en conta que no medio rural os servizos básicos: alimentos, medicinas, teléfono, internet, vida social, ocio ou ben están moi lonxe ou ben non existen? ¿E que pasa se aínda por encima temos que pagar as medicinas?

¿Tense en conta que os medios de transporte público non existen...e que as nosas extremidades inferiores xa non soportan o noso peso?

¿Tense en conta que moitas destas persoas non tiveron acceso á educación primaria porque traballaron de sol a sol desde que naceron e –a estas alturas- vense privados ata do máis elemental?

¿Tense en conta que unha boa parte deste colectivo carece de veículo propio polo que se ve condenado ó aillamento perpetuo?

¿Qué é máis aconsellable, que a persoa maior se quede aillada ou que un especialista se acerque á súa parroquia?

¿Tense en conta que moitos lugares non dispoñen de cobertura telefónica e moito menos de banda ancha coa que poder acceder a un servizo tan básico como unha cita médica?

¿Tense en conta que as vías públicas non disponen de beirarrúas para que estas persoas poidan camiñar aínda que sexa con muletas ou con moitas dificultades?

¿Tense en conta que os pés destas persoas están cheos de malformacións e durezas que non poden remediarse porque carecemos de podólogos nas nosas parroquias?

¿Tense en conta que non se pode acceder á cultura e ó lecer porque se hai unha biblioteca, esta está moi lonxe do domicilio da persoa maior? ¿Non sería máis recomendable que estes servizos estiveran itinerantes polas parroquias? ¿Non se deixaron caer moitas escolas unitarias cando poderían aproveitarse para estes usos?

¿Tense en conta que por diversas razóns, existen moitas persoas maiores que se ven obrigadas a vivir a súa ancinidade na soidade ben porque non teñen familia ou porque a teñen moi lonxe?

Por unha banda a lista de necesidades sería moi longa e por outra non se alviscan expectativas de que se resolvan a curto prazo. Pero en calquera caso: aí queda eso.

Polo tanto a pregunta que me fago é a seguinte:
¿Como poder xestionar da mellor maneira posible os medios cos que contamos?

Pois nesta comarca interprovincial optamos por apoiar ás nosas asociacións participando no que poden ofrecernos e asistir ás clases da Uned Senior de Xestoso para adquirir máis coñecementos que nos permitan levar unha ancianidade o máis digna posible coa mirada posta nun futuro que será prometedor e pouco a pouco vaian mellorando as cousas.
A pesar de todo: ¡Seguimos abertos ó futuro!
Cachaza Platas, Mercedes
Cachaza Platas, Mercedes


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES