Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cadea perpétua revisábel?

viernes, 21 de septiembre de 2012
!Viva la muerte! ¡Muera la inteligencia!, berrou contundente Millán Astray na Universidade de Salamanca. !Viva la vida!, retrucou Unamuno.
Dª Carme, a esposa do ditador emerxente, salvouno sacándoo polo brazo da súa cátedra da sabedoría. Os grillóns craváronselle na alma. Ao pouco tempo, 31-12-1936, Unamuno morría el soíño na súa casa. Acababan de aplicarlle a cadea perpetua.

Cadena perpetua revisable, para agravala, Señor Gallardón? Levan tempo berrando ese “santo e seña”. D. Federico Trillo deixoulle o camiño “trillado”. Teñen vostedes un público moi afervoado. Nas mortes da Inquisición a xente ía presenciar as piras e berraban a coro consignas parecidas. No Coliseo Romano: “Panem et circenses”. E o polgar para abaixo. Necesitábase morbo. Agora tamén.

Hai días presenciei isto.Un funcionario, gran persoa por certo, díxome: Acompáñote ata a saída. Nisto, saen dous obreiros dunha empresa que están a reforzar un muro que repisou e vaise esbarroar. (Será isto unha alegoría dun muro que se rebela e non quere ser outro de tantos muros de cerramentos: Berlín, Israel, EE. UU.-México, campos de concentración, campos de refuxiados, de inmigrantes, etc.?). Recordei o canto “¡Abajo la muralla!” ou “¡A desalambrar!” E botei de menos a Labordeta.

Saudámonos. O máis novo, expresouse así: Viven como Dios, e cagouse nese Señor para reforzar o enunciado. Comen, visten, fuman, toman café. Que máis queren. Non fan nada. Con nós son moi educados, eh! Incluso se desviven por botarnos unha man. E tamén hai que dicilo, está todo moi limpo. Nin unha cabicha polo chan. Eu é a primeira vez que traballo aquí. (Non sabían que estaba nun módulo de Respecto, nin que o cárcere non é todo así. Estaban a ver a parte máis “suave”). O funcionario escoitou atentamente. Ao final, moi digno, só lle dixo: Se se vive como Dios, por que non aproveita vostede. Pódense esgotar as prazas e pode perder unha oportunidade. Fique xa aquí. E que eu teño familia, respostou. Fóronse.

O funcionario, apesarado, díxome: Con esta mentalidade non se pode cumprir a Constitución que fala de reeducación e reinserción. E isto non é todo. A meirande parte dos políticos, e mesmo dos profesionais das leis, nunca viron un cárcere, nin un recluso, salvo para facérense unha foto e encheren a boca. Estes polo menos falan con eles.

Fixen unha tesiña sobre o cárcere nun posgrao de Humanización. Digo isto para acreditar que tiven de ler libros abondo dos mellores xuristas. Concordan nisto: O Código Penal español é un dos máis ríxidos de Europa e estase aplicando con dureza, cando o índice delitual é dos máis baixos. Non fai falta reformalo coa cadea perpetua porque, na práctica, iso xa está facendo. Corenta anos non son xa unha cadea perpetua? Sen contar que a maioría dos penados son patoloxías psiquiátricas e sabendo que nos cárceres están só os pobres, os dunha escala social para abaixo.

Se a vostede, señor Gallardón, e aos que o seguen, os pechan corenta anos, cando saian para onde van? Para que serven? Quen os recibe? É ese o modelo de sociedade que de verdade nos propoñen? Un pixama de pino cos pés para adiante?

Xa sei que hai vítimas. E hai que atendelas de verdade e non xogar con elas. Non electrizalas con máis dor e odio. Xa teñen abondo. Non vale o que estamos a facer con elas. E falo en primeira persoa. Estou en contacto con elas.

Póñolle un exemplo para rematar. Un interno, (é máis eufónico que chamarlle preso), pediume: Podes ir ver á miña nai e estar con ela unha miguiña? Cando volvín de vela entendín a cadea perpetua. Aqueles nenos cheos de lama e esfarrapadiños xa estaban na cadea perpetua. Só lles falta medraren un pouco máis ou que vostedes rebaixen a idade penal, do que xa están a falar. O do cárcere remitíalles cen euros/mes.

Sinceramente, Don Gallardón, téñolle pánico. Non tanto á cadea perpetua, nin ao de “revisábel”. Téñolle autentico terror ao modelo de sociedade que vostede, vostedes, nos están creando. Volvemos á selva. Ao espírito vindicativo. De aí a Viva la muerte!, en tempos dunha crise socio-económica tan forte que nós non creamos, non hai máis que deixar pasar dous anos.

Na próxima tolemia tipo das dos Estados Unidos e un programa máis de telebasura, xa reinauguramos as leis que nos legou o que en paz descanse: E hanlle chamar “Reinserción!” Que lle vai bonito!, don Alberto.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania