Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Actitudes do enfermo ante a morte

viernes, 14 de septiembre de 2012
Entre as moitas ideas aproveitables que a doctora Kübler-Ross na súa obra “Sobre la muerte y los moribundos”, ed. Grijalbo, Barcelona, 1.989, parece interesante recoller as cinco actitudes que adopta o enfermo, en fases sucesivas, cando coñece a inevitabilidade da súa non lexana morte.

A primeira é de negación e illamento, porque no fondo da súa conciencia séntese inmortal: “Non pode ser verdade!”. Alguén dixo que non podemos mirar ó sol todo o tempo, non podemos estar pensando na morte todo o tempo; pero cando temos que facelo emerxe unha especie de defensa provisional, que non tardará en ser substituída por unha aceptación parcial.

A autora inicia a exposición desta primera fase cunha frase de Rabindranath Tagore moi significativa: “O home constrúe barricadas contra si mesmo”.

O segundo paso é irar: “Por que teño que ser eu o que (a que) ten que morrer”?. É esta unha fase difícil tanto para o persoal sanitario coma para a familia, porque a ira proxéctase contra todo e contra todos: O paciente nesta fase encontra sempre motivos de queixa.

Logo, na terceira fase, suaviza a súa postura e intenta pactar case sempre con Deus, aínda que, na maioría dos casos, en secreto, facendo promesas “que poden relacionarse cunha sensación de culpabilidade oculta”.

Na cuarta fase, que introduce Kübler-Ross con estas palabras de R. Tagore, “o mundo corre rozando as cordas do moroso corazón compoñendo a música da tristeza”, “o paciente desafiuzado non pode seguir negando a súa enfermidade” e entra en depresión, e isto é algo que debían aprender os visitantes, porque a súa excesiva presenza dificúltalle ao paciente a preparación psicolóxica ó transo que espera. Sen embargo, o feito de que se acade esta fase debería de ser tranquilizadora para os familiares, porque é un indicativo de que o enfermo superou a súas angustias e ansiedades.

Por último, se o paciente puido pasar por estas fases, termina aceptando a situación e, aínda que esta quinta non é unha fase feliz, reina unha certa tranquilidade, na espera do descanso final. Non me resisto a ofrecerlles aquí, polo impacto sentimental que producen, o parágrafo que seleccionou a autora, en castelán, de R.Tagore:

“Tengo que partir. ¡Decidme adiós, hermanos!.
Os saludo a todos y me marcho.
Devuelvo las llaves de mi puerta, y renuncio a todos los derechos sobre mi casa. Sólo os pido unas últimas palabras cariñosas.
Fuimos vecinos durante mucho tiempo, pero yo recibí más de lo que pude dar.
Ahora apunta el día y la lámpara que iluminaba mi oscuro rincón se apaga.
Ha llegado la llamada, y estoy dispuesto para el viaje”.

Pois ben; que nos suxiren estas fases?. Xa que as lemos con R. Tagore, penso que nada mellor, para contestar esta pregunta, que traer á palestra o seu “pentálogo”:

1.- “Non me deixes pedir protección ante os perigos, senón valor para afrontalos”.

2.- “Non me deixes suplicar que se calme a miña dor, senón que teña ánimo para dominala”.

3.- “Non me deixes buscar aliados no campo de batalla da vida, coma non sexa a miña propia forza”.

4.- “Non me deixes anhelar a salvación cheo de medo e inquietude, senón desexar a paciencia necesaria para conquistar a miña liberdade”. E

5.- “Concédeme non ser un covarde, experimentar a túa misericordia só no meu éxito, pero deixame sentir que a túa man me sostén no meu fracaso”.

É dicir, para enfrontarnos á morte debemos contar con instrumentos propios; para afrontar a dor que ela nós produce, nada mellor que unha disposición anímica forte e valerosa; para non acudir á quen nada nos pode xa facer, acostumarse a ensaiar solucións propias, para evitar a esclavitude da impaciencia, e, finalmente, para desterrar a covardía do momento crucial, confiar e sentir o apoio da man da esperanza.

Iste é o gran reto da nosa vida; pero o home (a muller), en xeral, adoita transitar pola tona dela co mesmo desleixamento co que o fai por unha ponte que lle permite salvar a márxes dun caudaloso río. Discorre polo presente fascinado polo que lle ofrece, como o fai pola ponte gozando da súa superficie, alleo ós piares que a fundamentan. Pero velaquí que un certo día, a ponte grétase e o transeúnte vése obrigado a cuestionar os seus fundamentos. Tamén cando a vida do home perde o seu habitual sosego, el séntese interpelado polos seus verdadeiros fundamentos. E isto ocorre moitas veces na nosa vida, aínda que as posturas que adoptamos dende a tona da mesma nos veten facelo explícito.

Estamos en presencia do que Jaspers chama SITUACIÓNS LÍMITE, que non son outra cousa cás gretas da vida. E así como o verdadeiro sentido e seguridade da ponte está nos seus cimentos e piares, o da nosa vida non pode estar na tona, na superficialidade. Xustamente por iso temos que mergullar, cadaquén coa súa escafandra, até descubrir o seu sentido, nos cimentos e piares da mesma.

Hai escafandras que permiten unha inmersión de gran calado; outras, pola contra, non serven para zonas abismales. Pero todas facilitan o abandono da superficie, para explorar outros “lugares”. O home leva incorporado o propio equipo de inmersión, e o que ten que facer é aventurarse nesa operación, se quere encontrar fundamentos NA e PARA a vida: uns seguramente os encontren na inmanencia do propio mundo; outros deberán transcendelo. Os primeiros orientarán as súas vidas pensando que o seu ser, a súa realidade persoal, acabará extinguíndose na nada (son ós que chamamos ateos). Os segundos encontran razóns abondo para descubrir algún tipo de permanencia do seu ser (son os crentes).

Fóra de toda clase de ideoloxía, é aquí onde temos que intentar afianzar o sentido das nosas vidas, dentro de cada postura. Pero optar por unha ou outra esixe razóns, porque hai que xustificar o calado das inmersións. Tal vez algún día nos ocupemos disto.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES