Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Onde Galicia se chamaba Avelino

miércoles, 29 de agosto de 2012
Hai pasamentos que significan unha perda especial para a colectividade, para o país. E nós vimos de perder a Avelino.

Avelino Pousa Antelo era o vencello, o “eslabón” sempre presente entre o galeguismo da preguerra –da historia- e o da actualidade, porque levaba case oitenta anos de galeguismo militante, de señorío e dedicación. Era historia viva e –entre os que nos considerabamos os seus amigos- viña ser unha especie de santo laico, unha presencia á vez etérea e real, unha conciencia viva do que era amor e dedicación a Galicia e aos galegos.

Avelino tiña especial querencia por Lugo, e non faltaba en ningunha das celebracións de Xermolos e a Irmandade Manuel María da Terra Chá. E el, que fora músico de orquesta na súa mocidade co nome de Lucho do Peto, arrancábase a tocar o tamboril con noventa e tantos anos para acompañar ao gaiteiro Raul Galego, a Mini e a Mero.

En Lugo, estudiou comercio. Pero os seus saberes eran universais. E fíxose galeguista nun mitin de Castelao co que quedou vencellado para sempre. Con 22 anos fixo campaña a prol do Estatuto de Galicia, fixo apostolado do progreso agrario e das cooperativas, e aquí veu en xaneiro de 1948 dirixir a Escola agraria de Barreiros, en Sarria, promovida por Antón de Marcos, co que creou os cursos agropecuarios para mestres rurais, celebrados desde aquel ano ata 1971, cando morreu Antonio Fernández López, patrocinador destes históricos cursos. Aquí publicou en 1951 o seu libro “Temas de Agricultura”.

Tratou, respectou e herdou espiritualmente a todos os grandes do galeguismo histórico, e con 98 anos esplendorosos rendíu o corpo á natureza deixándonos a súa herdanza de home bo, tranquilo, esperanzado. Que foi secretario e presidente do Partido Galeguista sen ser nunca político dun partido, senón militante fervoroso dunha idea chamada Galicia, concretada especialmente no progreso da xente, na agricultura, na gandeiría, no cooperativismo, na cultura.

Índosenos Avelino perdemos un amigo, pero gañamos un referente, un exemplo, unha bandeira. Parodiando a Celso Emilio que falaba dun lugar onde “o mundo se chama Celanova”, nós perdemos un home no que “Galicia se chamaba Avelino”.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES