Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Debilitación do exotérico na ciencia

viernes, 24 de agosto de 2012
Empecemos explicando os termos. Cualifícase de EXOTÉRICO, neste contexto, o que é accesible ó vulgo e pasa ó dominio público sen reservas, facilitando a permeabilidade dos coñecementos científicos. Pola contra, por ESOTÉRICO, entendemos aquilo que non é comprensible para o común das persoas. Non é difícil, polo tanto, comprender que á mesma ciencia pode cualificarse tanto de “exotérica”, polo que teña de comunicable, como de “esotérica”, en canto só é patrimonio dos que a cultivan nunha especialidade concreta.

Tal vez sexa conveniente expresalo doutra maneira: Todo científico, sexa ou non consciente diso, pertence, por un lado, ó “colectivo da súa vida ordinaria”, e, por outro lado, a ese grupo minoritario que se pode designar como “colectivo do pensamento específico”. Pois ben; se non me equivoco, constátase na actualidade unha tendencia a debilitar a influencia na ciencia do “colectivo da vida ordinaria”. As razóns pertencen a súa peculiar estrutura, pero non entraremos hoxe nela. O que si nos parece perigoso é que ese modo de saber perda VIDA e quede enmarcado dentro dos complexos esquemas simbólicos que facilitan a utilización doutras linguaxes inaccesibles ó vulgo, que, aínda que sexan de gran utilidade para os especialistas, e, sen dúbida, por iso, imprescindibles, adoitan separalos da realidade cotiana, sobre todo na medida en que non se fan esforzos por facelos comunicables e reproducibles, moitas veces por un vaidoso afán esotérico, pechando así a posibilidade de recibir proveitosas suxerencias dos integrantes dese “colectivo da vida ordinaria”, que, aínda sen sabelo, “insufla” en todos os coñecementos moitas concepcións do mundo da vida, moitas ideas “impensables” en unha linguaxe meramente esotérica.

En efecto: O científico ten as raíces e normas últimas do seu quefacer no saber popular, na concepción e sentimento de certeza, na sincelleza entendida coma o camiño máis curto a un obxectivo e está inmerso no que algúns epistemólogos alemáns chaman GESTALTSEHEN, é dicir, nunha especie de “visión aspectual”, comprometida con aquel saber. Por isto, cando un “colectivo de saber específico”, superespecializado, se aferra teimudamente a un modo de saber esotérico de ver a realidade, pode correr o risco de acabar obtendo unha imaxen dela deformante ou alucinante.

Tampouco é nada estraño este esoterismo, porque xa os filósofos gregos, entre eles nada menos que Platón e Aristóteles, practicaban un certo “secretismo” ou “ocultismo”, e houbo escolas filosóficas, coma os pitagóricos, para as que era algo habitual.

Sempre en Grecia houbo dúas maneiras de manifestacións filosóficas, as que utilizaban a lingua popular, accesible a todos, e a lingua “técnica”, que soamente coñecían os iniciados.

Certamente non pode descoñecerse que no fondo operaba unha actitude dimanante das ansias de diferenciación, é dicir, que non respondía a unha estrita necesidade metodolóxica, pois o que eles consideraban saber auténtico estaba reservado para os elixidos (sabios, profetas, adiviños): Pensaban que este saber non podía resistilo o vulgo, porque acabaría deformándoo.

Mais no caso da ciencia actual, sen descartar reliquias do noso pasado cultural, hai que decidir se o saber exotérico ou vulgar responde mellor que o esotérico a esa “Gestaltsehen”, ou “visión aspectual”, da realidade. Paréceme apropiado lembrar aquí aquilo que xa abordei neste medio: Resaltar a importancia que algúns científicos empezan a conceder hoxe aos coñecementos ecolóxicos tradicionais, o que se designa coas letras CET, ós que tratan de encontrarlles explicacións e formulacións científicas. Isto evidencia que a debilitación exotérica por razóns meramente vaidosas carece de sentido. Naturalmente, neste pecado tamén caemos os que non somos científicos, nin tan sequera destacamos noutro saber, porque non é realmente fácil expresar o pensamento alleo nunha linguaxe distinta á utilizada e buscada polo mesmo pensador.

Entre outras razóns, coma o cientificismo, foron estas as causantes de que alá polo medio do século XX apareceran certas reaccións contra as ciencias, porque empezaba a preocupar a onde nos estaba levando o seu uso. Isto deu lugar a que xurdiran dúas posturas dabondo diferentes e, supostamente, esaxeradas: Aqueles que rexeitan a racionalidade e a busca das solucións científicas para todo, e os que confían plenamente na ciencia. A este respecto, o historiador de ciencia Gerald Holton, cualifícaos coma novos dionisíacos e apolíneos. É dicir, hai estudosos que están entusiasmados coa ciencia, entregados, coma única, á racionalidade científica, e outros que a rexeitan precisamente por esa aura críptica, dun saber excesivamente esotérico, ou porque compromete crenzas non dabondo fundamentadas. Sen dúbida, son posturas extremas, porque non parece que a racionalidade científica, por si sóa, vaia a resolver moitos dos problemas que se lle presentan á humanidade; aínda que eses problemas tampouco chegarán nunca a resolverse sen a ciencia.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES