Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nos vazíos da noite

lunes, 06 de agosto de 2012
Hai poucos días lin un relato dunha avoa que acompañou a toda a familia nun longo proceso de cancro e quimioterapia do seu netiño de sete anos. Velaquí un retallo pequeno:

“Por grandes períodos tentei agochar toda incerteza e todo sufrimento, pois doutro modo non se pode vivir. Mas cando vén a noite ou se dan as condicións para un espazo baleiro, daquela, cae o pano, e a lava dun volcán de agonía, que vive no fondo da nosa alma, retoma con forza a súa erupción. A vontade de darlle a todos, á miña filla, ao meu netiño e aos seus irmanciños un día feliz, esvaece agora e, no silencio da noite, a dor da crúa realidade fai que as lágrimas quentes e longas rulen en cascada. E os saloucos afogados, convértense en gritos na procura dun sentido esencial da vida”. “Porque, ..., ando sen tempo para min. Nin tan sequera podo alimentar o meu íntimo esmorecido”.

Coñezo ben esta realidade das noites en soidade. Son testemuña. É algo que teño experimentado e acompañado moi de cerca durante tantos anos na miña vida activa de enfermeiro, na planta do hospital ou na Atención Primaria, en intensivos ou nas urxencia. Hoxe, mesmo no cárcere, sigo a facelo desde outras circunstancias non menos dolorosas. Podería titulalo así: Vida, paixón e morte do coidador/coidadora principal a quen a sociedade, mesmo a familia, non prestamos atención, non lle axudamos axeitadamente e lle esiximos a máis non poder.

O acompañante principal do enfermo, pensemos no Alzheimer, non ten tempo nin para si. A dedicación é intensa e exclusiva. A vida, que corre moi veloz e non espera, sebrepásao. Atrás, acumúlanselle preocupacións e responsabilidades. Moitos asuntos importantes fican sen resolver, non se poden adiar e logo pasarán unha factura cara.

Nin todos os familiares ou os amigos entenden a situación. Nin axudan. Moitos desenténdense. Algúns, cando veñen de visita, aínda culpan ou chaman a atención. “O peor é que, obxectivamente, teñen a súa razón. Recoñezo a súa parte. Pero eu ando sen tempo e sen forzas para min. Xa non dou máis e estou desoreintada/o” “Só sei chorar e ando desquiciada/o”.

Nestes tempos, en que o deus mercado só está preocupado por subtraernos os recursos familiares e toda a economía, é obsceno falar de enfermos e acompañantes, de sanidade pública ou axudas familiares, de educación de calidade ou de comedores escolares, etc.

Todo isto é reenviado sen vergoña á esfera do privado. Son as “mamandurrias” ás que xa non podemos optar e ás que non debe ceder ningún bo gobernante que se prece, como profetizou dona Esperanza. E no fondo, a sociedade en xeral, tamén pensamos así. Xa comezan a falaren de que os nenos han ter que ir coa friameira á escola. Nos anos cincuenta eu lembro iso. E xa houbera que pórlle dentro! Non dramatizo.

Son tempos de vacas fracas. Os voluntariados de relevos para un merecido descanso, gratuítos, con calidade e con competencia profesional, son unha chamada urxente a todos nós para termos unha sociedade menos neurotizada e máis solidaria Están nacendo iniciativas meritorias nestes campos. Ben vindas sexan elas! Os coidadores son merecentes.

Iso non quer dicir baixar as esixenzas dun estado xusto, social e solidario para todos, empezando polos de abaixo. Temos de rebelármonos. Quo vadis, humanitas?
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania